Unha inmobiliaria de Burgos rexistra 15 hectáreas de terreos municipais de orixe comunal en Ribeira

Os Campos de Samil sitúanse nas proximidades das Dunas de Corrubedo © Google Maps

Nos últimos meses o Concello de Ribeira foi demandado por unha inmobiliaria burgalesa (Inmobiliaria Promesa S.A.), que asegura ser a propietaria duns terreos situados no lugar de Teira (parroquia de Corrubedo). O predio, próximo á costa e ás propias Dunas de Corrubedo, suma unhas 15 hectáreas e corresponde aos chamados Campos de Samil ou Campos de Teira, un espazo que foi historicamente de propiedade comunal e que o Concello asumiu como ben de propiedade municipal dende 1996, aínda que dende hai anos figura inscrito no rexistro a nome dun particular. A empresa, á que supostamente un veciño lle vendeu estas terras, presentara unha reclamación ao Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ribeira, desestimada polo Concello. No obxecto social de Inmobiliaria Promesa S.A. figura tamén a produción e comercialización de enerxía eléctrica producida por fontes renovables (fotovoltaica, eólica...).

"Os moitos anos de despreocupación, abandono, privatizacións e desidia dos distintos gobernos do PP no noso concello lévanos a situacións que aproveitan os avispados amigos do alleo para apoderarse do que é patrimonio de todos", di a Marea

O asunto chegou ao pleno da localidade o pasado 23 de decembro, cando o Goberno local impulsou a aprobación inicial do inventario municipal de bens como instrumento para defender a propiedade pública deste e outros bens inmobles. A proposta do grupo de goberno foi apoiada por todos os grupos (agás Ciudadanos). A Marea de Ribeira, con todo, ao tempo que denunciou o intento de apropiación levado a cabo por esta inmobiliaria, criticou a "desidia" e a "falta de dilixencia" deste Goberno municipal e dos executivos anteriores á hora de defender o seu carácter público. "Os moitos anos de despreocupación, abandono, privatizacións e desidia dos distintos gobernos do PP no noso Concello lévanos a situacións que sempre aproveitan os avispados amigos do alleo para apoderarse do que é patrimonio de todos, e os que escollemos para que coiden do común non fan nada para protexelo ou xestionalo en beneficio de todos. Poñemos o raposo ao coidado das galiñas, como se di na linguaxe común", sinalan dende a formación. 

 

De quen son os terreos?

En 1972 e 1973 a veciñanza do lugar (especialmente as mulleres) esforzouse durante meses por arrincar e queimar pola noite os valados que unha e outra vez se instalaban rodeando o predio

Estes terreos foron historicamente aproveitados pola veciñanza de Teira e Corrubedo, que levaban alí os seus animais a pacer, rozaban o mato e retiraban area e outros materiais, chegando mesmo a pagar un foro. Este carácter comunal estaría -en principio- recollido en documentación que neste momento se está a recadar no proceso para evitar a súa privatización. Ao igual que sucedeu noutros moitos lugares de Galicia, ao longo dos anos 60, 70 e 80 houbo varias manobras para privatizar este espazo. De feito, en 1972 e 1973 un veciño intentou durante varios meses pechar o espazo, reclamando a súa propiedade. A veciñanza do lugar (especialmente as mulleres) esforzouse durante meses por arrincar e queimar pola noite os valados (feitos coas travesas da vía do tren) que unha e outra vez se instalaban rodeando o predio. De igual xeito, os e as habitantes da parroquia, fixeron valer legalmente o carácter comunal dos campos. Esta mobilización, aínda en tempos da ditadura, conseguíu evitar a apropiación dos terreos.

O tirapuxa continuou nos anos seguintes. En 1983 de novo se intentou pechar o espazo, e as mulleres da parroquia actuaron de novo na defensa do terreo comunal, sendo multadas dúas delas. Nunha das parcelas si se construíu nese momento unha urbanización. En 1988 os propios veciños e veciñas da parroquia impulsaron a construción dunha pista polideportiva (con subvencións de Deputación e Concello), unha instalación hoxe abandonada.

En 1996 a veciñanza constituíu unha xestora, que presentou no Xurado Provincial de Montes un expediente para que o espazo se declare como veciñal, unha iniciativa á que se opuxo o propio Concello, que reivindicou o carácter municipal dos terreos, o que foi confirmado polo Xurado Provincial ao ano seguinte. A xestora veciñal acordou non seguir litigando, polo custe económico que lle suporía, manifestándose conforme co aseguramento da propiedade pública do lugar.

En 2001 o Concello levou a cabo a construción dunha nova pista polideportiva, dun campo de fútbol 7 e dunha pequena edificación para vestiarios e almacenamento de material. Esta obra deu lugar á primeira reclamación da empresa que se di propietaria dos terreos, que demandou o Concello pola construción destas instalacións nuns terreos que afirma que son seus. En 2008 o Concello intentou xa incluílos no inventario municipal, mais a operación fracasou pois os terreos figuraban no rexistro a nome dun particular.

 

A loita contra a privatización

“Que ocorreu dende 1996 ata agora?”, pregúntase a Marea de Ribeira, que acusa ao Goberno municipal de non ter feito nada dende entón para defender o carácter público dos terreos

“Que ocorreu dende 1996 ata agora?”, pregúntase a Marea de Ribeira, que acusa ao Goberno municipal de non ter feito nada dende entón para defender o carácter público dos terreos, sobre todo sendo consciente dende o 2008 dos intereses desta empresa en facerse con eles. "Queda patente a falta de dilixencia do PP para defender o ben común", sinala. O Concello si lle pediu aos veciños e veciñas que achegasen documentación para apoiar a posición municipal no proceso xudicial aberto. Nos últimos anos o Goberno local chegou a barallar a posibilidade de re-comprar os terreos por un prezo considerado baixo (4 euros por metro cadrado), o que foi criticado polos restantes grupos municipais, que sinalaron que iso suporía asumir que o espazo, de propiedade veciñal ou pública, era efectivamente de propiedade privada.

Marea Ribeira esíxelle ao Goberno municipal que traballe para "restituír o patrimonio público para uso e disfrute de todos" e ínstao a que "use toda a documentación que acredita a propiedade comunal deses terreos, que nos consta que posúen". Igualmente reclama "saber quen se apropiou deses campos para logo venderllos á citada empresa" e demanda "que se depuren responsabilidades por non solucionar este problema en todos estos anos que se ten constancia del". 

 

O esfarelamento das propiedades comunais

Os montes comunais ocupan unha superficie moi importante en Galicia, unhas 700 mil hectáreas, ao redor da cuarta parte da extensión total do país. Porén, décadas atrás o espazo representado polos montes veciñais en man común era aínda máis importante. Dende o século XVIII os montes veciñais en man común sufriron unha grande indefensión legal, que fixo que a súa superficie total se fose reducindo, ata ficar nun terzo do que foran. O crecemento da poboación, a expansión da urbanización e a necesidade de terreos para novas instalacións industriais foron pouco a pouco comendo ese espazo de terreo que non era nin público nin privado, que era de todos os veciños pero de ningún en concreto, e de ninguén máis que de calquera deles. O capitalismo, a partir do século XVIII, non entendeu ese concepto. Tampouco o Estado.

Dende o século XVIII os montes veciñais en man común sufriron unha grande indefensión legal, que fixo que a súa superficie total se fose reducindo, ata ficar nun terzo do que foran

O proceso de apropiación acelerouse durante o franquismo, mesmo cunha base legal. A Lei de Montes de 1957 consagrou a equiparación legal dos montes veciñais cos montes públicos de titularidade municipal. Deste xeito, as parcelas periurbanas de cidades e vilas fóronlles cedidas entre os anos 40 e 70 ás distintas administracións para instalacións, edificios e equipamento educativos e sanitarios, para usos industriais, militares ou comerciais. Unha parte foi ocupada, igualmente, por empresas públicas hoxe privatizadas. Carlos Morgade, presidente da Mancomunidade de Comunidades de Montes de Pontevedra, explica moi ben este proceso neste artigo.

A Lei de Montes Veciñais en Man Común de 1968 recoñeceulles finalmente a titularidade e o aproveitamento dos montes veciñais aos habitantes de parroquias e aldeas, previa clasificación como tales, para o cal estableceu a creación nas catro provincias galegas dos xurados clasificadores. Porén, ao longo da década dos 70 o roubo de terras continuou e mesmo se acelerou, coincidindo cunha fase de crecemento das cidades e vilas galegas. É nestes anos, sobre todo despois de 1977, cando se producen intensas mobilizacións dos veciños en defensa dos montes comunais. A nova Lei de Montes Veciñais en Man Común (de 1980, froito en boa medida das mobilizacións dos anos anteriores) e a lei galega sobre Montes Veciñais en Man Común (aprobada en 1989), máis garantista coas comunidades, supuxeron un paso adiante na defensa da propiedade comunal.

 

Unha empresa reclámalle ao Concello unha indemnización polos terreos, de propiedade comunal © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.