Unha manifestación demandará a recuperación da Ría do Burgo

Concentración da Plataforma en Defensa da Ría do Burgo © Plataforma en Defensa da Ría do Burgo

A Plataforma pola defensa da Ría do Burgo convoca para este domingo unha manifestación na Coruña (Casa do Mar, 12 horas) para esixir do Goberno central e da Xunta de Galicia solucións para o espazo, nomeadamente o dragado e a limpeza integral da ría, de xeito que volva ser produtiva.

A Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo leva anos reivindicando solucións ante o grave deterioro da ría e as consecuencias negativas que isto supón para o medio ambiente, a economía, o marisqueo e o turismo. Porén, en todo este tempo, un ano tras outro as urxentes actuacións para a rexeneración, recuperación e saneamento integral da ría "teñen quedado relegados nos Orzamentos Xerais do Estado, onde só aparecen consignadas partidas insuficientes, que nin se sequera se chegan a executar", denuncia a CIG. A partida económica consignada para este 2017 -un millón de euros- é mesmo inferior á do ano anterior (dous millóns de euros).

"Cando por fin parece que hai acordo para iniciar o dragado, este permanece estancado nos trámites administrativos, sen que exista certeza sobre o seu financiamento, nin se teña contestado ás alegacións formuladas pola Plataforma, a Confraría ou os concellos", engade o sindicato, que critica que a Xunta "segue negando calquera alternativa e solución ao sector marisqueiro, que cada vez se ve máis empobrecido por unha ría en constante degradación e que cada ano reduce máis a súa capacidade produtiva". A este respecto, a CIG subliña "a importancia de recuperar este espazo, non só como necesidade ambiental, senón tamén como unha aposta pala economía produtiva, dado o potencial da ría como motor da reactivación económica da comarca da Coruña e pola súa capacidade xeradora de emprego".

A marcha demandará do Goberno central e da Xunta tres medidas:

  • Aprobación inmediata do Proxecto Definitivo do Dragado da Ría, co seu calendario de actuacións e consignación orzamentaria adecuada, previa resposta positiva a todas as alegacións presentadas pola Plataforma pola defensa da Ría do Burgo, Confradía de Pescadores da Coruña e concellos.
  • A posta en marcha inmediata do Plano de Rexeneración Medioambiental de limpeza integral da Ría do Burgo para o gozo e lecer cidadán, así como de recuperación do bancos de marisco con liñas de axuda ao cultivo e á produción
  • Defender a elaboración polo Goberno español e da Xunta de Galicia dun plano urxente de axudas ao marisqueo mentres non se teña producido unha total eliminación dos verquidos e se poida desenvolver con normalidade a actividade marisqueira

 

Concentración da Plataforma en Defensa da Ría do Burgo © Plataforma en Defensa da Ría do Burgo
Cartel da manifestación © Plataforma pola defensa da Ría do Burgo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.