Unha marcha convocada pola Comisión Aberta en Defensa do Común percorreu este sábado as rúas da cidade vella da Coruña baixo o lema “Pola paralización definitiva das poxas do Hotel Finisterre e dos terreos do Campo da Estrada”. A marcha discorreu ao longo das antigas murallas da cidade entre Porta Real e Campo da Estrada-Maestranza.
A marcha discorreu ao longo das antigas murallas da cidade entre Porta Real e Campo da Estrada-Maestranza
Segundo os organizadores, “Defensa do Común reivindica tamén con esta II Marcha Cívica a execución do acordo plenario aprobado en abril de 2016, que falaba da devolución gratuíta ao concello dos terreos de Defensa para zonas verdes e equipamentos públicos”. Do mesmo xeito, para o Hotel Finisterre a plataforma reivindica que a súa parcela “teña o mesmo tratamento que A Solana” e “sexa pública, impedindo a súa privatización”.
Defensa do Común trasladará as súas reivindicacións a todos os grupos municipais "para que presenten unha moción conxunta no próximo pleno de xuño", momento no que o colectivo espera estar xa constituído como asociación.