Unha 'marcha zombi' protestará contra a "morte en vida" de Ferrolterra

Cartaz da marcha zombi convocada en Ferrol Dominio Público Praza Pública

"Ferrol é unha cidade zombi, un morto vivente que necesita de cerebros. A política está corrupta, a sanidade e o ensino son mortos viventes, a ria de Ferrol é un cadáver, a industria e os dereitos dos traballadores están a ser enterrados e a nosa sociedade é un zombi consumista sen cerebro. Fagamos que se vexa! Sinala a quen nos mata!". O anoxo e o cansancio de toda unha comarca, en constante crise dende os oitenta, desindustrializada, envellecida e farta de promesas incumpridas son a pota na que se está cocendo unha peculiar mobilización, que tomará as rúas da cidade o 17 de agosto.

A marcha zombi, denominada Apocacrise Zombi, partirá ás 12 horas dende as "catatumbas" do derruído casco histórico de Ferrol Vello, fronte o peirao de Curuxeiras, e percorrerá a rúa de San Francisco, praza de Amboage, rúa Real, para chegar finalmente á Praza de Armas, onde Guillermo Ferrán, poñerá voz aos mortos viventes a través da lectura dun Manifesto de Indignación.

O obxectivo é que "os mortos viventes nos que nos queren converter" tomen a rúa e fagan ver "que aínda nos quedan forzas, que aínda que sexa arrastrándonos seguiremos loitando por recuperar a dignidade secuestrada"

Recoméndase que os asistentes acudan caracterizados como zombis, ou cando menos con algún elemento identificativo ou cartaces que denuncien a "morte" da comarca, e traer "moito sangue, suciedade, humor e indignación". O obxectivo é que "os mortos viventes nos que nos queren converter" tomen a rúa e fagan ver "que aínda nos quedan forzas, que aínda que sexa arrastrándonos seguiremos loitando por recuperar a dignidade secuestrada".

A marcha comezou a organizarse en xullo a través das redes sociais, pero a convocatoria inicial foi adiada en solidariedade coas vítimas do accidente de Angrois. Os principais albos das denuncias que se escoitarán na marcha son os gobernos local, galego e español, a falta de solucións para a crise económica e o elevado nivel de desemprego na comarca, os recortes nos servizos públicos e a corrupción política.

Cartaz da marcha zombi convocada en Ferrol Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.