Unha 'Masa' máis crítica ca nunca

O uso da bicicleta nas cidades faise máis común, a pesar dos atrancos © madridprobici.org

A comunidade ciclista da Coruña está convocada este venres a unha nova Masa Crítica, a concentración que todos os meses percorre a cidade para reivindicar as vantaxes persoais e colectivas do uso deste medio de transporte e denunciar as dificultades que existen para poder facelo con normalidade e seguridade. Esta Masa Crítica será especial por varios motivos, comezando porque servirá para manifestar o rexeitamento dos e das ciclistas ás reformas do Regulamento de Circulación, coma a obrigatoriedade do uso do casco na bicicleta, que desde hai meses vén anunciando o Ministerio do Interior, e que hai uns días foron plasmadas nun borrador de decreto de reforma presentado pola Dirección Xeral de Tráfico.

Afirman que a obrigatoriedade do casco en bicicleta tamén dentro das cidades "non só é unha medida de seguridade desproporcionada e meramente pasiva, senón que conlevaría unha redución importante dos desprazamentos en bicicleta"

Os organizadores consideran que estas reformas implicarían "unha gran perda de dereitos que de forma colectiva, cotián e práctica fomos multiplicando entre todas nos últimos anos. Habería un marco legal máis permisivo co acoso das ciclistas por parte de automobilistas e administracións, e marcadamente desincentivador do seu uso, o que non faría senón aumentar os riscos de padecer accidentes, lesións e a morte". Afirman que a obrigatoriedade do casco en bicicleta tamén dentro das cidades "non só é unha medida de seguridade desproporcionada e meramente pasiva, senón que conlevaría unha redución importante dos desprazamentos en bicicleta". Lembran que Australia, o único país no mundo que implantou seriamente tal medida, viu como estes desprazamentos caían entre un 30 e un 40% sen que a porcentaxe de lesións e mortalidade se reducise a pesar do emprego obrigatorio do casco, e que "o único que se incrementou de maneira significativa no caso australiano foron as multas".

Servirá tamén para convidar á participación nunha Masa Crítica especial, que se celebrará o sábado día 13 de abril en varias cidades galegas

A saída da bicicletada será entre as 20:00 e as 20:30 horas na Praza de María Pita e a ela están convidadas "todas as persoas que desexan unha mobilidade socialmente beneficiosa, pacificada e libre dos moi nocivos privilexios do automóbil privado". Servirá tamén para convidar á participación nunha Masa Crítica especial, que se celebrará o sábado día 13 de abril en varias cidades galegas con motivo do Día Internacional da Bicicleta, na que se proseguirá a campaña contra a reforma anti-bici.

O uso da bicicleta nas cidades faise máis común, a pesar dos atrancos © madridprobici.org

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.