Un dos maiores xacementos arqueolóxicos de Galicia, a Cova Eirós, situada no concello de Triacastela, corre o risco de desaparecer de continuar a actividade mineira que se rexistra no seu entorno. A cova está situada preto dos límites do Lugar de Interese Comunitario Ancares-Courel e a pesar da especial protección legal dende o ano 1978 se rexistra nas súas proximidades unha actividade mineira incesante a ceo aberto para a extracción de calcaria.
Ao igual que sucede con outras moitas explotacións mineiras galegas, esta mina permaneceu aberta durante moitos anos sen unha lexislación legal específica que regulase a súa explotación. No caso das Cova de Eirós a situación dilatouse ata o ano 2005 cando os propietarios, Cementos Cosmos, solicitaron unha reclasificación de recursos para poder estender a súa explotación.
Segundo se recolle no escrito que a Asociación de Veciños Monte Caldeirón presentou o 19 de outubro de 2005 na Consellaría de Innovación e Industria, esta pretendida reclasificación, solicitada ao amparo da lexislación mineira pola empresa, permitiría pasar da chamada sección A á sección C, o que implica unha concesión para traballar sobre 12 cuadrículas mineiras. Cando os veciños souberon das intencións da empresa, produciuse unha forte contestación social que atrasou a autorización ata 2008.
Esta mina permaneceu aberta durante moitos anos sen unha lexislación legal específica. En 2005 Cementos Cosmos solicitou unha reclasificación de recursos para poder estender a súa explotación, concedida en 2008
Ao conseguir este permiso da administración autonómica, habilitáronse unha serie de dereitos que lexitiman expropiacións de fincas e vivendas de moitas familias, segundo explicou a Praza o presidente da Asociación Socio-Cultura do Iribio, Marcos Celeiro. Tamén se pon en perigo o xacemento das Covas de Eirós. Neste caso a situación é sumamente grave porque segundo manifestou Celeiro “xa acabaron con algunha cova e de continuar a expansión as outras van polo mesmo camiño”.
A Cova Eirós é unha gruta natural na aba norte do monte Penedo, na serra do Iribio, situada entre a localidades de Cancelo e Vilavella. A caverna é o resultado de fenómenos cársticos sobre rocha calcaria; trátase dun xacemento arqueolóxico no que se acharon materiais líticos pertencentes ao Paleolítico Medio e Superior, xunto con restos de fauna e flora da época. Na década dos noventa atopáronse nas escavacións restos de máis de corenta osos cavernarios e doutros mamíferos, como cervos e cabalos. En posteriores exploracións descubríronse restos de industria lítica do Paleolítico Superior e unha sondaxe nun nivel inferior revelou que podían atoparse materiais máis antigos do Paleolítico Medio. O presidente da Asociación Cultural do Iribio, Marcos Celeiro, sostén que “se trata dos restos prehistóricos máis importantes do país, xa que hai unha continuidade dende o Mesolítico ao Paleolítico”
Declaración BIC
Ante a situación que se está a dar na Cova de Eirós, a Asociación Cultural do Iribio presentou un escrito na Consellaría de Economía e Industria con data do 22 de febreiro de 2012 para que a administración “proceda inmediatamente coa paralización da actividade mineira no Concello de Triacastela”. Un dia antes, o 21 de febreiro, a mesma asociación solicitara da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a incoación do correspondente expediente de declaración da Cova de Eirós e o seu entorno como Ben de Interese Cultural e a súa inclusión no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.
A veciñanza agrupada na Asociación Cultural de O Iribio asegura que van chegar ata o final para conseguir a protección demandada. Non entenden como a venda duns montes en man común propiciada por un alcalde durante a Transición levou a todo isto e esperan conseguir a implicación do tecido social e cultural do país.