Unha mobilidade xusta como un dereito máis da cidadanía

Os responsables de mobilidade de Santiago e A Coruña, Jorge Duarte e Daniel Díaz Grandío, no centro © Concello da Coruña

A Coruña e Compostela asinaron este venres en Barcelona o manifesto Polo Dereito á Mobilidade, un documento no que as dúas cidades, xunto co resto das urbes asinantes (Madrid, Barcelona, Zaragoza, Valencia, Pamplona e Badalona), se comprometen a potenciar o transporte público e o uso da bicicleta e outros medios non contaminantes, coma os desprazamentos peonís. O texto foi o resultado do encontro mantido polos responsables de mobilidade das oito localidades, que ao igual que noutros ámbitos están a traballar en rede neste eido, buscando metodoloxías e liñas políticas comúns e compartindo experiencias e accións xa en marcha.

"Consideramos que unha mobilidade xusta, sustentable e eficiente constitúe un dereito social de primeira orde, do mesmo xeito que o son a sanidade ou a educación", declaran. "A experiencia demóstranos que estes compromisos só se acadan se as institucións poñen recursos económicos e humanos ao servizo da transformación das cidades", engaden. E, neste senso, á vez que sitúan esta procura dun modelo de mobilidade diferente como unha das "máximas prioridades" dos seus gobernos, reclaman a mesma implicación ao resto das administracións, especialmente ao Estado central.

O manifesto reclama "un modelo de mobilidade que sexa capaz de responder ás necesidades da maioría: eficaz, barato, socialmente inclusivo, que respecte a nosa saúde e a habitabilidade dos nosos barrios"

O manifesto reclama "un modelo de mobilidade que sexa capaz de responder ás necesidades da maioría: eficaz, barato, socialmente inclusivo, que respecte a nosa saúde e a habitabilidade dos nosos barrios". Neste senso, o documento reivindica en primeiro lugar o dereito á cidade, denunciando que "a desproporción entre o espazo destinado ao coche e ás persoas é patente nas nosas cidades" e lembrando que "con todo, a maioría de desprazamentos non se realizan en automóbil privado, senón a pé e en transporte público". Isto constitúe "unha inequidade na repartición do espazo público, que é o espazo de todas e todos, independentemente da nosa condición social". "Necesitamos avanzar cara a unha cidade máis xusta, sustentable e eficiente, deseñada a escala humana", conclúe.

Apostan por cidades inclusivas, saudables, sustentables, seguras e de proximidade

A este respecto, reivindica cidades inclusivas, pois "poder moverse libremente polas nosas cidades non pode ser un problema de renda". "Unha cidade que promocione a elección dos modos de transporte non motorizados, os máis baratos, e que impulse unha tarificación social do transporte público, é unha cidade que afronta as desigualdades e que diminúe a fenda social", subliña.

Ligado a todo o anterior, o texto aposta por cidades saudables, lembrando que moitas urbes "non cumpren cos compromisos legais en materia de emisións contaminantes nin de ruído, causadas en gran medida polo tráfico, o que se traduce en graves prexuízos para a saúde das persoas". Os asinantes comprométense a "reducir as emisións contaminantes e o ruído", como un dos eixos da súa acción de goberno.

"Potenciar os desprazamentos non motorizados, a pé e en bicicleta, é a mellor maneira de diminuír a dependencia do petróleo do noso modelo de mobilidade"

A mobilidade está ligada á saúde das persoas e tamén ao consumo enerxético, pois ao redor do 40% do consumo enerxético das cidades débese ao transporte. "Potenciar os desprazamentos non motorizados, a pé e en bicicleta, é a mellor maneira de diminuír a dependencia do petróleo do noso modelo de mobilidade", subliñan, engadindo que "non é posible alcanzar a soberanía enerxética das nosas cidades cun sistema onde o vehículo privado siga sendo predominante no uso do espazo público".

Apostan igualmente por cidades seguras, reducindo o número de persoas mortas ou feridas en accidentes de tráfico e atropelos. "É necesario traballar de forma contundente para neutralizar esta praga, xerando máis espazos para que os nosos fillos, maiores e persoas con mobilidade reducida poidan facer uso do espazo público e desprazarse de forma autónoma en condicións de seguridade", din.

As urbes asinantes comprométense coa cidade compacta e cun urbanismo de proximidade, "imprescindible para avanzar nunha mobilidade máis sustentable"

Finalmente, rematan a súa proposta defendendo unha cidade da proximidade, como contrapunto á tendencia das últimas décadas, nas que "a expansión urbana contribuíu ao desenvolvemento de máis infraestruturas viarias" pero "non veu acompañado das necesarias infraestruturas de transporte público". As urbes asinantes comprométense coa cidade compacta e cun urbanismo de proximidade, "imprescindible para avanzar nunha mobilidade máis sustentable". "Non pode existir mobilidade sustentable onde hai urbanismo salvaxe", conclúen.

 

Medidas para unhas cidades máis habitables

Marea Atlántica e Compostela Aberta levaban xa nos seus programas distintas accións de fomento do transporte público, do uso da bicicleta ou de mellora da comunicación peonil. Na Coruña prevese levar a cabo, por exemplo, unha reordenación do mapa de rutas de autobús urbano, priorizando o seu paso e unha revisión das súas tarifas. Así mesmo, poranse en marcha roteiros prioritarios sinalizados para peón e bicicleta, un biciminuto e metrominuto, coma o Metrominuto que xa funciona en Pontevedra. Finalmente, implantarase unha rede de aparcadoiros disuasorios públicos e gratuitos conectados co transporte público urbano e interurbano. O edil de Mobilidade, Daniel Díaz Grandío, destacou este mesmo domingo que a intención do Concello é potenciar o transporte público “de cara a desconxestionar a cidade de vehículos”. “Hai que cautivar o usuario de automóvil, que se dea conta de que o transporte urbano o adelanta, que funciona correctamente, que acurta tempos”, sinalou.

De igual xeito, en Compostela a intención é levar a cabo un completo Plan de mobilidade para acadar "un concello inclusivo e igualitario pensado para persoas de todas as idades, contemplando todos os medios de transporte, públicos e privados e a sua intermodalidade, unindo os diferentes medios de curto e longo percorrido". O obxectivo é crear máis zonas peonís e espazo público, reducindo o tráfico rodado na cidade, creando novas centralidades con dotación de espazo público, cultural e comercial en cada barrio e parroquia rural e trazando vias peonís ou ciclables que permitan conexións por espazos verdes. Así mesmo, buscarase mellorar o transporte público e promover o seu uso.

Os responsables de mobilidade de Santiago e A Coruña, Jorge Duarte e Daniel Díaz Grandío, no centro © Concello da Coruña

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.