Unha nova folga estudantil clama pola derrogación total da Lomce

Cabeceira da manifestación de Erguer en Compostela Dominio Público @erguergaliza

Unha nova folga contra a Lomce. A organización estudantil Erguer convocou para este xoves un paro xeral no ensino medio e universitario para reclamar de novo a derrogación da Lomce e a fin do decreto 3+2 implantado no ensino superior. A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (PGDEP) apoia esta xornada de protesta tamén contra os recortes no esino público e en demanda dunha Lei Galega de Educación. 

Erguer, co apoio da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, convocan este paro no ensino medio e universitario

O sindicato estudantil celebra manifestacións en todas as cidades galegas este mediodía, ademais de mobilizacións noutras localidades como Ribeira, Boiro, Melide, Vilagarcía, Caldas, Moaña, Cangas, O Barco ou Ponteareas. Ademais, xa á tarde, a PGDEP volverá concentrarse nas sete urbes, ademais de no Morrazo, Cee, Carballo ou a Arousa. Na manifestación de Compostela estiveron presentes a voceira nacional do BNG, Ana Pontón; o secretario xeral de CIG-Ensino, Anxo Lourzao, así como representantes de En Marea. 

A organización estudantil insiste na derrogación da Lomce e na fin dos recortes e lembran que a supresión das reválidas "non é suficiente"

Desde o sindicato -que cifra o seguimento da folga entre o 90% e o 85%- insístese en que a supresión das reválidas anunciada polo Goberno central logo de meses de presión social "non é suficiente" e insisten en moitos outros aspectos "prexudiciais" para o ensino público que achega a Lomce: a redución de horas de galego como lingua vehicular, a blindaxe dos concertos educativos con centros privados, a recentralización de competencias, a desprotección do alumnado con necesidades específicas ou a computación de Relixión para a media curricular. Ademais, advirte do Decreto 3+2 aplicable na universidade e que dificulta que moitas familias ou alumnos poidan facer fronte a eses dous anos de mestrado necesarios. 

No entanto, o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, xa advertira de que esta folga "desentoa co clima de consenso que hai neste momento". "Deberiamos gastar os esforzos en potenciar os consensos porque nos están demandando que nos poñamos de acordo; negociar cunha folga enriba non é o mellor ambiente", asegurou este mércores. 

Pola súa banda, a portavoz de Erguer, Iria Figueroa, criticou que PP, PSOE e Ciudadanos estean a impulsar un pacto educativo formulado "de costas á comunidade educativa". 

A Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia convoca outra folga para o 9 de marzo

Esta nova xornada de folga, convocada por Erguer e apoiada pola PGEDP, chega tres semanas antes doutra nova xornada de paro en toda a comunidade educativa, desta vez impulsada -tamén a nivel estatal- para o 9 de marzo pola Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia, onde se inclúen Confapa, CCOO, UGT, Sindicato de Estudantes, Escola Viva, Iesga ou o STEG. O motivo, o mesmo: reclamar a fin da Lomce e a fin dos recortes en educación. 

Unha vez máis, ambas as dúas plataformas volven non coincidir nas reivindicacións contra a antes denominada Lei Wert. Na PGEDP inclúense a AS-PG, CIG-Ensino,  Erguer e varias federacións de ANPAs, ademais do BNG e Galiza Nova.  

Cabeceira da manifestación de Erguer en Compostela Dominio Público @erguergaliza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.