Unha parella de Lugo consegue a dación en pagamento a través de Stop Desafiuzamentos

Mobilización de Stop Desafiuzamentos Lugo © Stop Desafiuzamentos Lugo

Unha vitoria entre tantas derrotas. Unha parella de Lugo vén de acadar a dación en pagamento e, con ela, a anulación da débeda que tiña contraída con Unión de Créditos Inmobiliarios (propiedade do Banco Santander), por mor da contratación hai anos dun préstamo hipotecario. Fíxoo a través das xestións de Stop Desafiuzamentos Lugo, que destaca que é a primeira vez que isto se consigue na cidade.

A parella, que chegou a Lugo dende Arxentina no ano 2002, mercou o piso no ano 2004 grazas a un crédito de 67 mil euros, que foron pagando até que o home tivo un accidente e non puido seguir traballando. Quixeron vender o piso, pero a taxación inicial de 67 mil euros pasara a ser de 34 mil. Quedaron sen a súa vivenda, que foi vendida pola financeira a un prezo superior á da súa taxación, segundo denuncian os activistas de Stop Desafiuzamentos Lugo, pero mantiñan unha débeda coa Unión de Créditos Inmobiliarios (UCI) de 60 mil euros. Despois de cinco meses de negociacións e presións ante o Santander, este aceptou finalmente anulala.

Stop Desafiuzamentos traballa en varios casos semellantes na cidade nos que espera un resultado igualmente positivo, casos nos que vivendas foron taxadas moi por riba do seu valor polas mesmas entidades bancarias que despois se encargaban de ofrecer créditos para a súa compra. Os voluntarios e voluntarias de Stop Desafiuzamentos Lugo contan cun número (668893615) e mail (stopdesafiuzamentoslugo@gmail.com) de contacto e celebran xuntanzas os xoves pola tarde na Cova da Terra.

 

A Unión de Créditos Inmobiliarios

A PAH denuncia que "nos anos de éxtase inmobiliaria, o Grupo Santander derivaba a esta entidade aqueles préstamos de alto risco, aplicando unhas condicións na concesión do préstamo moi por riba das do mercado"

A Unión de Créditos Inmobiliarios (UCI) é unha financeira pertencente ao Grupo Santander. Foi denunciada en moitas ocasións pola PAH e outros colectivos polas súas prácticas, definidas como hipotecas-lixo. A PAH denunciou que "nos anos de éxtase inmobiliaria, o Grupo Santander derivaba a esta entidade aqueles préstamos de alto risco, ben pola precariedade dos hipotecantes, ben polo escaso valor do ben hipotecado, aplicando unhas condicións na concesión do préstamo moi por riba das do mercado (diferenciais superiores á media, prazos máis prolongados, taxacións claramente infladas, etc.)". A UCI era coñecida “a Unión de Créditos Imposibles”, aludindo a que cando un préstamo, refinanciamento ou reunificación de préstamos era inviable para a maioría das entidades, UCI aprobaba a operación".

A PAH criticou o "escurantismo" das prácticas desta filial do Santander, e que o banco se adherira ao "código de boas prácticas" para os seus produtos oficiais, mentres a través de UCI seguía incorrendo nestas irregularidades. Sinalaba, igualmente, que UCI se valía da súa relación co Santander para destacar a súa "fiabilidade", pero que en realidade actuaba con prácticas "mafiosas". Tamén denunciaba que "as oficinas físicas que UCI tiña en gran parte do Estado desapareceron, remitindo ao seus aínda clientes con problemas a servizos de atención ao cliente que non son operativos e non resolven os problemas de cada un dos afectados".

Mobilización de Stop Desafiuzamentos Lugo © Stop Desafiuzamentos Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.