Unha plataforma veciñal mobilízase en Sarria contra as obras no Malecón

O río Sarria, ao seu paso polo centro da vila © Plataforma Sarriana polo Río

O pasado mes de xuño o Ministerio de Agricultura e a Consellaría de Medio Ambiente asinaban un convenio para levar a cabo, a través da Confederación Hidrográfica del Miño-Sil, obras de "adecuación do cauce" do río Sarria ao seu paso pola vila do mesmo nome. En total, catro millóns de euros que buscaban, segundo os promotores da iniciativa, previr inundacións e "rexenerar" o centro desta localidade. Porén, no momento en que se coñeceron os detalles do proxecto, que inclúe unha profunda modificación da canle do río, coa eliminación dunha illa central, a tala de 178 árbores autóctonas e unha remodelación urbanística do Malecón, escoitáronse as primeiras críticas.

Conformouse unha Plataforma Sarriana polo Río que, apoiada por Adega e AEMS-Ríos con Vida, celebrou a súa primeira asemblea aberta o pasado seis de xaneiro. Dende entón, ademais de iniciar unha recollida de sinaturas e mesmo organizou un concurso de debuxo e outro de fotografía co río como protagonista. A Plataforma considera que as obras son "unha aberración" e un "lavado de cara" e que non servirán para evitar as inundación, pois a única forma efectiva de paralas sería actuar máis arriba, para evitar a acumulación de auga nos treitos superiores do río.

Pediron tamén que o Concello de Sarria puxese o seu proxecto a debate cos veciños e entidades sociais da vila, algo ao que o alcalde, José Antonio García (PP), se vén negando reiteradamente. O rexedor sinala que as obras son "moi importantes para o futuro de Sarria" e cualifica de "irresponsable" poñer en risco o investimento.

Está previsto que as primeiras actuacións das obras comecen este mesmo mes de xaneiro. De feito, as árbores que está previsto que sexan taladas xa foron marcadas hai semanas cunha cruz vermella. En resposta, membros da Plataforma mudaron estas cruces por corazóns, mentres continúan realizando campañas de información e divulgación entre os veciños, para que sexan conscientes das consecuencias da execución deste proxecto que, denuncian, eliminaría zonas verdes do centro da vila.

Denuncian que o proxecto de encauzamento do río ao paso pola vila provocará a tala de case duascentas árbores autóctonas © Plataforma Sarriana polo Río
O río Sarria, ao seu paso polo centro da vila © Plataforma Sarriana polo Río
A plataforma convocou un concurso infantil de debuxo © Plataforma Sarriana polo Río

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.