A solidariedade de centos de persoas e as posibilidades que ofrecen as redes sociais acabaron cun final feliz para unha pequena de dous anos da Coruña. Olalla, unha nena xorda de nacemento, perdeu o pasado 20 de decembro uns implantes cocleares que lle permitían oír. Os seus pais, logo de unha infrutuosa busca, decidiron pedir axuda a través da Rede para atopalos. Non deron con eles, pero varias persoas abriron unha campaña solidaria coa que recadar os 16.000 euros que custan estes dispositivos auditivos.
Unha campaña solidaria a través da Rede conseguiu máis do dobre dos cartos necesarios para comprar uns implantes a unha nena xorda que os perdera
En tan só catro días, e grazas á importante difusión e á colaboración da cidadanía, a familia Piñeiro conseguiu máis do dobre do necesario, máis de 34.000 euros, e destinará os cartos sobrantes a Anpanxoga (Asociación de pais e nais de nenos xordos de Galicia), para axudar a máis cativos a dispoñer dos equipos que lles fagan máis fácil a súa vida.
Olalla, a pequena, recupera así a súa capacidade auditiva nunha familia na que os pais e os seus tres fillos son xordos, aínda que dous dos pequenos usan audífonos. "Non esperabamos nada; pensabamos, en todo caso, que a recadación sería lenta, pero foi moi rápida", expilca Isolina Piñeiro, nai e presidenta de Anpanxoga, que agradece "por sempre" a axuda desas catro persoas que a través das redes organizaron ca campaña de mecenado. "Marcaranos para toda a vida; só queríamos atopar os implantes pero a historia acabou así porque a solidariedade aínda existe", engade.
"Só queríamos atopar os implantes pero a historia acabou así porque a solidariedade aínda existe", di Isolina, nai da nena e tamén xorda, como toda a familia
A familia Piñeiro, Raúl, Isolina e os fillos, defínense como "activistas polas persoas xordas". "Sabemos o que sufrimos cada día e estes días serviron tamén para unha importante concienciación da sociedade", explica a nai, que na súa loita diaria destaca "a importancia de aprenderlle á cidadanía a lingua de signos e dunha educación bilingüe".
Olalla esperaba a este venres para que lle fosen colocados os seus novos implantes que, como destaca o pai, Raúl Piñeiro, son "fundamentais para poder aprender tamén unha lingua oral e ter máis posibilidades de acceder á información e de participar nunha sociedade maioritariamente oínte".
Ao tempo, Isolina reflexiona sobre as redes sociais, onde "hai de todo", pero onde tamén se atopan camiños para accións solidarias como a que acaba de axudar a súa filla. "Hai xente que provoca, pero non paga a pena; temos que aproveitar o tempo da mellor forma e axudar é unha delas", di, poñendo como exemplo a súa familia, que ten unha canle de Youtube onde contan a súa vida cotiá e amosan a importancia da lingua de signos.
A familia Piñeiro donará os cartos que sobren da adquisición dos implantes a unha asociación de pais e nais de nenos xordos
Durante os últimos días, a implicación de clubs como o Deportivo, o Celta ou o Básquet Coruña axudou a unha campaña que, pinga a pinga e con pequenas achegas de centos de persoas, xuntou moito máis do necesario. Agora, a familia Piñeiro donará todo o que sobre da compra dos implantes a Anpanxoga para adquirir máis equipos FM, organizar talleres para nenos xordos e familias ou axudar en avaráis de audífonos ou dispositivos.
"Non desexamos a ninguén que sufra o mesmo que sufrimos nós, pero ao mesmo tempo queremos loitar para mellorar os seguros e as garantías e tamén as posibilidades de préstamo en caso de perdas ou roturas", di Isolina sobre os cartos que chegarán a asociación. "Non podemos permitir que por unha cousa así se teña que pasar tan mal", remata.