Unha renda básica para todos os galegos en 2028?

Manifestación a prol da renda básica CC-BY latrastiendademerida

É viable a implantación dunha renda básica cidadá en Galicia? Esta é a pregunta que se fai, e que responde, o estudo que este venres se presenta en Compostela. Repartindo a nosa riqueza aborda a viabilidade económica e política da implementación da proposta da Renda Básica das iguais (RBis) no país. Froito de tres anos de traballo, análise, documentación e investigación, a obra analiza as posibilidades de implantación do "dereito que ten cada persoa a percibir periodicamente uns ingresos que lle permitan cubrir as súas necesidades". Xa que logo, unha contía que ha de percibirse de xeito individual, universal e incondicional e cuxa cantidade equivale ao límite que marca o limiar de pobreza en cada territorio.

O estudo detalla as posibilidades de facer viable a implantación do "dereito que ten cada persoa a percibir periodicamente uns ingresos que lle permitan cubrir as súas necesidades"

A Oficina de Dereitos Sociais de Coia e Baladre (Coordinación de loitas contra a precariedade, o empobrecemento e a exclusión social) son os promotores dun estudo que pretende "presentar de forma realista, con datos e detallada" as posibilidades reais de instaurar nun país esta renda básica, esta contía que sería distribuída polo poder público de forma igualitaria entre os cidadáns galegos. Así o explica Diego Lores, un dos autores do informe, que aclara que a iniciativa xurdiu logo de comprobar que esta proposta "nin estaba madura nin era moi coñecida no país".

Logo de meses e meses de grupos de traballo, de coloquios e de información, ve a luz este traballo no que se defende a viabilidade da instauración dunha RBis que en Galicia suporía algo máis de 870 euros por habitante, segundo os datos de 2011, e que xorden de dividir a renda per cápita do país entre dous. A iniciativa, máis coñecida en territorios como Cataluña, Canarias ou Andalucía -e incluso con experiencias avanzadas nalgunha vila de Valencia- desfaise do seu disfrace de utopía cando se analizan os argumentos e os datos que non só a xustifican, senón que a fan viable. "A Renda Básica parte da idea de que a riqueza está mal repartida e que temos que repartila mellor; Galiza tamén ten riqueza, pero aquí tamén está moi mal repartida", insiste Lores, que cre que é hora de "afrontar o tema con realismo".

Segundo o último informe da Rede Europea contra a Pobreza (EAPN), o 23,7% da poboación galega, un total de 662.515 persoas, atopábanse en situación de pobreza o exclusión social en 2011, 65.386 delas en condicións de “privación material severa”. A gravidade da crise económica vén provocando nos últimos tempos "un cambio de mentalidade na xente", que ve como o que antes semellaba unha utopía convértese agora en necesario e posible.

A renda básica ten dous obxectivos: redistribuír as rendas dos que máis teñen para os que máis as necesitan e converter o sistema en máis xusto e igualitario

O estudo pretende fundamentar a proposta con datos e propostas viables. "A viabilidade económica da Renda Básica amósase con datos", repite Diego Lores, que lembra que este mecanismo "é un instrumento que ten dous obxectivos: a curto prazo, redistribuír as rendas dos que máis teñen nesta sociedade para aquelas persoas que máis as necesitan; e un segundo, de longo prazo, é o de transformar o sistema desde parámetros de equidade e xustiza social".

As vías para acadar os ingresos son varias: reforma fiscal, eliminación de gastos superfluos ou unificación das axudas sociais

Para conseguilo, as vías que se detallan no informe para acadar os ingresos necesarios son varias: "a reasignación do gasto público, unha reforma fiscal que aumente os impostos daquelas persoas e entidades que tributan moi pouco, a unificación de diversas axudas sociais nesta única renda ou a eliminación de gastos superfluos como o militar". "Amancio Ortega é un dos exemplos dunha persoa que tributa demasiado pouco en comparacióno co que gaña", di Lores. O proceso incluso ten uns prazos, que consistirían en quince anos divididos en varias etapas que culminarían coa implantación definitiva desta renda básica en 2028. "Comezaríase instaurando esta renda para os colectivos en risco de exclusión e os máis precarios ata implantala definitivamente nesa data", aclara.

Para Diego Lores, "que poida existir ou non a renda básica depende moito da presión social que se faga desde a cidadanía" e está convencido de que é un instrumento que "pode funcionar se o pobo acredita que pode ser un instrumento útil para todos". Para iso, tampouco o dubidan, precisan do apoio político. No comezo do estudo, presentouse a iniciativa a varios sindicatos, aínda que "non houbo moita receptividade". No entanto, a crise e o traballo feito desde as entidades sociais fixo que o seu discurso "fose callando entre a xente".

"Alternativa Galega de Esquerda, no programa das últimas eleccións autonómicas, fai unha proposta semellante á que chaman renda social básica e parece que a coalición está interesada en abrir o camiño", insiste Lores, que aclara que a publicación do estudo será o punto de partida para comezar xuntanzas con formacións políticas e diversas organizacións para "dara a coñecer a proposta e desenvolvela entre todos". Noutros lugares, a iniciativa da Renda Básica vai collendo forma e mesmo en Estremadura se vai debater unha ILP no Parlamento. "Se o pobo se anima e está convencido, todo se pode cambiar". Esa e a mensaxe.

Cartel da presentación do estudo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.