Unha segunda vida para a Escoliña do Vilar

Primeiros traballos na vella escola do Vilar © https://creando.noblogs.org

A construción en 1960 do encoro de Grandas de Salime provocou que todos os núcleos de poboación das parroquias de Barcela e Ernes, en Negueira de Muñiz, quedasen illados do resto do concello pola ausencia dunha ponte. Ademais, moitos dos veciños e veciñas perderon as súas terras e vivendas, asolagadas, intensificándose a emigración cara á Terra Chá, onde formaron as colonias de Arneiro e Veiga de Pumar. A poboación descendeu en picado, dende os 1424 de 1950 aos 286 censados en 1981. En 1977, iso si, formouse a comuna de Foxo, grazas á cal se recuperaron casas, leiras e aldeas enteiras, cunha influencia que chega ata os nosos días, con proxectos comunitarios de todo tipo.

Un deles é a recuperación da Escoliña do Vilar, o edificio da vella escola de Vilar de Ernes, abandonada dende os anos sesenta. Un grupo de activistas puxo en marcha hai unhas semanas unha campaña de crowdfunding para recadar un mínimo de 11 mil euros para poder levar a cabo a rehabilitación completa do inmoble, "respectando a súa estrutura orixinal e con materiais tradicionais do lugar". Polo de agora levan recadados algo máis de 12 mil, e buscan incrementar esta cantidade (ata unha cifra óptima de 23 mil euros) para mellorar a confortabilidade e realizar tamén unha instalación fotovoltaica que achegue a enerxía necesaria para o edificio. Aínda que o traballo de rehabilitación vai ser levado a cabo polas mulleres e homes que forman parte desta comunidade, aceptan a colaboración que calquera voluntario ou voluntaria poida achegar.

Este grupo de persoas quere empregar o lugar como espazo educativo para o desenvolvemento dos nenos e nenas "nun entorno natural, fomentando e promovendo a autonomía e a participación crítica, nunha relación directa ca natureza, propia e a do entorno". Ademais, buscan que o edificio sirva como centro para "o encontro e o desenvolvemento comunitario". Sinalan que se embarcaron neste proxecto "ante a dificultade que supón acceder desde as nosas aldeas a servizos deste tipo, que poderían ser brindados polas institucións". "Estamos a unha hora de calquera centro educativo, de saúde ou biblioteca" .din- "Por iso, e ante as nosas necesidades como veciñas, decidimos dar unha resposta a esta carencia". 

"O proxecto vai dirixido a aquelas persoas que comparten as nosas mesmas inquedanzas e problemáticas. Aquelas que coñecen a realidade do rural (en especial en Galicia), aquelas que comparten interese por unha educación baseada no respecto ás persoas e ós seus ritmos, confiando e aprendendo xuntas. Dirixímonos tamén ás que cren no empoderamento das comunidades, como elemento transformador da realidade social", destacan. Subliñan que "o grupo de persoas que está detrás deste proxecto e convive no val parte dunha experiencia comunitaria cunha traxectoria de 40 años, que hoxe se materializa en realidades como a asociación de veciñas, a xestión de montes veciñais en man común ou os traballos comunais". Ademais, organizan "encontros en relación coa agroecoloxía, a vida no mundo rural e a educación, ademais de actividades e obradoiros nesta liña".

Nos últimos anos recuperaron xa a antiga escola de Ernes para uso das veciñas e veciños. "Supuxo unha aprendizaxe no que ten que ver coa organización grupal, posto que a actividade a desenvolvemos as propias veciñas. Un primeiro equipo con coñecementos de bioconstrución organizaba o traballo e outro equipo máis amplo poñía a forza de traballo", explican, destacando que "hoxe en día este edificio está en marcha e ofrece un servizo de gran valor para a comunidade (internet, biblioteca, botiquín, actividades lúdicas e culturais...)".

 

A escola está situada en Vilar de Ernes (Negueira de Muñiz) © https://creando.noblogs.org
Moitas aldeas quedaron illadas dende os anos 50 trala construción do encoro © https://creando.noblogs.org
Búscase que o proxecto axude a revitalizar a propia aldea do Vilar © https://creando.noblogs.org
Primeiros traballos na vella escola do Vilar © https://creando.noblogs.org

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.