Universidade, arte, tecnoloxía: Moi lonxe da igualdade

A presenza de mulleres nas carreiras científicas ou nas TIC segue sendo moi baixa © Fundación Fecyt

Neste 8 de marzo cómpre falar dos avances producidos na incorporación da muller ao mercado de traballo en igualdade de condicións, e tamén das desigualdades e discriminacións (por exemplo nos salarios) que continúa habendo. E tamén de campos nos que a súa presenza segue sendo escasa, sobre todo en postos de responsabilidade, por exemplo na ciencia e na universidade, nas novas tecnoloxías e tamén na arte.

GCiencia salientaba nunha reportaxe publicada hai uns días que "a muller segue afastada dos postos de responsabilidade da universidade en Galicia"

GCiencia salientaba nunha reportaxe publicada hai uns días que "a muller segue afastada dos postos de responsabilidade da universidade en Galicia", pois aínda que elas son o 54% do alumnado universitario e o 63% dos que acadan a titulación, os cargos seguen a ser copados por homes. Este estudo lembraba, por exemplo, que en Galicia, só hai un 14 por cento de catedráticas. Vigo, co 18,5%, é a universidade con maior acceso á cátedra, por riba da media española (13,11%) seguida de Santiago (12,4%) e A Coruña (11,1%). De igual xeito, en canto a profesores titulares, os homes seguen sendo clara maioría. Só en Santiago a situación se achega á igualdade, cun 43,6% de mulleres, mentres que Vigo (38%) e A Coruña (37,3%) baixan do corenta por cento. Con todo, as tres institucións galegas superan a media estatal, que é do 35 por cento.

De igual maneira, cómpre salientar que nas tres universidades galegas nunca houbo unha muller reitora (na actualidade en España 10 das 74 universidades están dirixidas por mulleres). En canto aos decanatos, só en Vigo se acada a paridade, con igual número e homes que de mulleres, mentres que Santiago ten un 31,58% de decanas e A Coruña só un 10%.

 

A arte

O número de mulleres galeristas non supera o 15% do total, e o mesmo sucede coas directoras de museos e centros de arte contemporánea no Estado español, apenas o 22%

Algo semellante sucede no mundo da arte, como puxo ao descuberto a recente publicación de varias estatísticas. Entre 2006 e 2010 as graduadas en Belas Artes en España representaron o 65% do total de alumnos, e en Historia del Arte esa cifra incremántase até o 74%. Porén, o número de mulleres galeristas non supera o 15% do total, e o mesmo sucede coas directoras de museos e centros de arte contemporánea no Estado español, apenas o 22%.

E o mesmo podemos dicir das mulleres artistas, ou cando menos da presenza que teñen nos principais certames e feiras. Por exemplo, na pasada edición de ARCO só o 18,4% dos artistas eran mulleres, practicamente na súa totalidade estranxeiras, representando as artistas españolas apenas o 4,4%. Unha denuncia semellante foi realizada recentemente pola actriz Jemima Kirke (coñecida polo seu papel de Jessa na serie Girls) a través da curtametraxe We are the women?, producido pola Tate Modern de Londres. A partir das Guerrilla Girls, o grupo de artistas disfrazadas de gorilas que no anos oitenta denunciaron que “menos do 5% dos artistas nas seccións de Arte Moderno son mulleres”, a curtametraxe sinala como a pintura foi sempre para as mulleres un hobby, nunca unha profesión, sempre relegadas a un segundo plano.

 

As TIC

Case dúas de cada tres persoas empregadas nas empresas TIC de Galicia son homes (62,5%)

É tamén o caso das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), que seguen sendo unha materia pendente para a igualdade de xénero. E non só nos postos directivos, un nivel que segue masculinizado en case todas as profesións, senón no número de mulleres empregadas ou na proporción das que deciden estudar unha carreira tecnolóxica. Así, segundo datos do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), case dúas de cada tres persoas empregadas nas empresas TIC de Galicia son homes (62,5%). A porcentaxe de mulleres, 37,5%, a pesar de superar a media europea (36%) segue moi lonxe do desexable.

A realidade é moito peor no que respecta aos postos directivos: a porcentaxe de empresas que conta con mulleres na súa dirección é de só o 18%. E tamén nas funcións especificamente relacionadas coa tecnoloxía: só o 17,6% das mulleres que traballan no sector desenvolve funcións TIC, fronte ao 46,4% dos homes. Atopamos tamén fendas de xénero nas actividades de I+D+i, pois do total do persoal dedicado a tarefas relacionadas coa investigación, o desenvolvemento e a innovación, un 80,8% son homes e o restante 19,2% son mulleres. O único dato positivo atopámolo nas empresas de telecomunicacións, nas que as mulleres representan o 46,4% do total de traballadores.

O problema vén da base. No curso 2010-2011 dos 309 titulados en carreiras tecnolóxicas das tres universidades galegas, so 66 eran mulleres, é dicir que representan pouco máis dun 20% dos titulados nestes estudos. O pasado ano, a asociación de empresas galegas dedicadas a Internet e ás novas tecnoloxías (EGANET) destacaba no artigo Muller, galega e informática que "nun Estado que avanza en igualdade, no que de maneira progresiva a muller se incorpora aos ámbitos laborais máis masculinizados, no campo da informática non só non avanza, senón que retrocede. Décadas de democracia e de presenza das mulleres na Universidade non lle puxeron couto á súa infrarrepresentación en determinados estudos, especialmente nas enxeñarías, se ben é certo que ningunha delas rexistra ese proceso de masculinización, nin tan acusado, como a informática".

"Non implicar as mulleres no desenvolvemento tecnolóxico significa perda de ideas, porque se deixa á marxe a perspectiva da metade da poboación, e perda de posibilidades de inserción laboral"

EGANET salientaba que na última década "a presenza feminina na formación superior en Informática reduciuse na nosa comunidade en máis de cinco puntos, de roldar o 24% a supor pouco máis do 18%, e se cabe máis rechamantes son os datos de novas matriculacións, diminuíndo a porcentaxe tamén do 24% a un escaso 16%" e lembraba que esta situación se repite en toda España e noutros países. O texto concluía que "non implicar as mulleres no desenvolvemento tecnolóxico significa perda de ideas, porque se deixa á marxe a perspectiva da metade da poboación, e perda de posibilidades de inserción laboral" e reclamaba melloras no ensino da informática tamén no ensino medio, facendo esta disciplina máis atractiva para todos os alumnos e alumnas: "a informática non debe quedar relegada ao ensino indiferente de linguas de programación, a códigos, porque todo ese código serve para algo, e de feito xa serviu para mudar a vida da xente, para mellorala".

A presenza de mulleres nas carreiras científicas ou nas TIC segue sendo moi baixa © Fundación Fecyt

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.