Veciñanza de Cabanas denuncia o PXOM por "beneficiar" os grandes promotores

Imaxe aérea da praia de Cabanas © Turgalicia

O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobado polo pleno do Concello de Cabanas o mes pasado segue espertando críticas nunha parte dos veciños e veciñas. Estas críticas sinalan que o plan "arrasa urbanizacións e casas" e que "recualifica solo equivalente a dez campos de fútbol", unha expansión urbanística, que segundo estas voces "non se xustifica" pola demanda de vivendas e que levaría a unha "nova Costa Miño", en referencia á urbanización de 1.200 vivendas iniciada por Fadesa-Martinsa a escasos quilómetros de Cabanas antes da explosión da burbulla inmobiliaria e aínda baleira.

Sinalan que o elevado número de alegacións ao proxecto (unhas 800) revela o malestar xerado pola proposta

Dende o Concello deféndese que "non é certo que con este novo PXOM se estea a promover un pelotazo urbanístico" e que "o que se recolle no PXOM son as posibilidades de crecemento a longo prazo e non un proxecto construtivo". Porén, estas explicacións non convencen este grupo de veciños e veciñas críticas, que mesmo realizaron nas últimas semanas algún corte de tráfico. O proxecto, din, "dana o medio ambiente, carece de fundamento económico, demográfico e social, e está cheo de irregularidades e descoñecemento do entorno". Critican, ademais, que dende a Sareb (o banco malo) se dediquen cartos públicos a un proxecto "tan irresponsable coma os que causaron a burbulla inmobiliaria e nos levaron a esta situación de crise".

Sinalan que o elevado número de alegacións ao proxecto (unhas 800) revela o malestar xerado pola proposta, "unha cantidade moi importante se temos en conta que no anterior PXOM de Cabanas foron 174 alegacións e o PXOM de Pontedeume, que ten máis do dobre da poboación de Cabanas, tivo 591". Ademais, sinalan que "moitas persoas descoñecen a magnitude do dano que ocasiona o PXOM de Cabanas porque o concello non ten obriga de notificarlles aiss propietarios o cambio de calificación da súa parcela. Moita xente que reside fora do municipio pola emigración non pode enterarse do que está pasando coa súa propiedade". Ademais, engaden que "moitos afectados non puideron alegar asesorados dunha forma técnica por estar no paro".

Critican que dende a Sareb (o banco malo) se dediquen cartos públicos a un proxecto "tan irresponsable coma os que causaron a burbulla inmobiliaria e nos levaron a esta situación de crise"

Este grupo de veciños e veciñas críticas ligan este plan co realizado e anulado en Barreiros e sinalan que "este PXOM beneficia especialmente os convenios, en especial o da Sareb e o da familia do exministro franquista Suanzes, mentras que a maioría das parcelas dos veciños depreciase por calificarse de solo rústico, casas fora de ordenación, solares que perden superficie por ser afectados polo viais". Conclúen que estas parcelas da Sareb e da familia Suances "saen claramente beneficiados con calificación de edificación aberta o intensiva".

Imaxe aérea da praia de Cabanas © Turgalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.