Veciñanza de Corcoesto ve "ridículo" que a Xunta avale a mina por estar a 140 metros dun espazo protexido

Unha das antigas minas de Corcoesto, abandonada Dominio Público Praza Pública

A indignación vai en aumento no seo da plataforma veciñal contraria á instalación dunha mina de ouro en Corcoesto. Despois de que, como vén informando Praza Pública, a Consellería de Medio Ambiente lle dese o seu visto e prace á declaración de impacto ambiental (DIA) da mina ao considerala "viable" dende o punto de vista do respecto á natureza, a plataforma considera "ridículos" os argumentos ofrecidos polo departamento que dirixe Agustín Hernández e agardan a coñecer o contido íntegro do documento para estudar a posibilidade de "denuncialo ante todas as instancias".

Á espera de que a DIA sexa pública, algo que acontecerá este luns, a plataforma ve xa motivos para o seu rexeitamento nos primeiros argumentos que se coñecen, como o feito de considerar sostible unha mina "a ceo aberto con cianuro" situada a 140 metros dun espazo natural protexido. "Dende xa convidamos ao señor Hernández e ao señor Feijóo a pasar as súas vacacións de verán e aloxarse nalgunha das vivendas de Corcoesto", situadas tamén "a pouco máis de 140 metros da mina" cando esta estea en explotación. "Desexamos que gocen da Rede Natura do río Anllóns, que escoiten a súa sonoridade natural e respiren o seu aire puro mentres se desenvolven algunhas dos centos de voaduras anuais proxectadas, capaces de arrancar maís de 37.000 metros cúbicos de material dunha sentada".

"Convidamos ao señor Hernández e ao señor Feijóo a que pasen as súas vacacións a 140 metros da mina"

O conselleiro e o presidente, din, tamén deberan "beber das límpidas augas dos mananciais de Corcoesto, se é que queda algún, cando o arsénico estea xa debidamente disolvido neles" e que "gocen do marisco do esteiro do Anllóns cando a balsa de residuos de cianuro estea a pleno rendemento". Tamén -ironizan- poderían "darse un baño nas augas hiperácidas con altos contidos de metal pesado" na lagoa que quedará "nun dos buracos" cando xa non quede ouro que extraer.

Por todos estes motivos a plataforma "vai estudra con detalle a DIA unha vez sexa publicada e vai solicitar os informes que a avalíen". "Se, como pensamos ditos informes non son congruentes coa protección do ambiente, ímolo denunciar diante de todas as instancias e pediremos as responsabilidades que corresponda, mesmo penalmente, se hai indicios de prevaricación ou corrupción", afirman. Fano, explican, porque "en Corcoesto non imos permitir que os ignorantes, férridos e duros, imbéciles e escuros destrúan o noso entorno e o noso modo de vivir".

O BNG reclama a documentación no Parlamento

Tamén o BNG considerou este sábado que "non é de recibo" que Medio Ambiente "faga pública unha nota de prensa co resultado do informe" sen que os datos fosen previamente coñecidos nin pola veciñanza afectada nin polo Parlamento. En opinión da deputada nacionalista Carme Adán o de Corcoesto é un proxecto "inviábel" cuxa tramitación "acelerada" foi "feita á medida da empresa canadense", malia "non supoñer a creación de postos de traballo da que tanto fachendea Feijóo".

Neste contexto, o Bloque reclamará a través do Parlamento "toda a documentación" sobre a DIA de Corcoesto e ademais "volverá levar ao Parlamento Europeo unha pregunta sobre a idoneidade do proxecto". Neste escenario, Adán coida que Industria "non só ten que dar marcha atrás na declaración de proxecto estratéxico", senón que o titular da Consellería, Francisco Conde, debe acudir á Cámara a informar do mesmo, como reclamou a formación frontista xunto con AGE.

Unha das antigas minas de Corcoesto, abandonada Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.