Veciños de Corcoesto denuncian a empresa mineira por invadir e danar os seus montes

Faixa contraria á mina en Corcoesto CC-BY-SA Plataforma en Defensa de Corcoesto

Veciños de Corcoesto veñen de denunciar ante a Garda Civil os danos que a empresa mineira Edgewater provocou en varias propiedades privadas dos montes onde esta firma ten previsto construír no futuro a polémica mina a ceo aberto co visto e prace da Xunta de Galicia. Malia que esta compañía só conta con permisos administrativos, varias persoas denuncian a "invasión" e colocación de varias cintas de demarcación, así como numerosos danos provocados polo paso de maquinaria. "Deixan camiños feitos", aseguran desde a Plataforma pola Defensa de Corcoesto.

Os afectados denuncian ante a Garda Civil a invasión de terreos e os danos provocados por maquinaria ou pola delimitación de terreos

"Non teñen dereito ningún porque están actuando en terreos privados", destaca a plataforma, que considera que a actitude da firma mineira débese ao seu "convencemento" sobre a "inminencia" do seu negocio. "Paréceno ter tan claro que xa están a delimitar o perímetro das que serán as súas instalacións", engaden.

Axentes da Garda Civil acudiron aos montes afectados para constatar os feitos e tomar as imaxes que acompañan as dilixencias da infracción penal contra a mineira de Corcoesto. O primeiro contacto dos afectados coa empresa sobre estas prácticas ilegais intentou convencela para que se retirasen unhas cintas de demarcación dentro de tres montes da súa propiedade no lugar de Baralláns, no linde das concesións mineiras. Os veciños xa tiveran constancia destes danos no pasado mes de decembro, alertados por veciños propietarios das parcelas colindantes, que tamén desaproban estes atentados contra as súas propiedades.

"A empresa obviou os primeiros avisos e seguiu colocando estacas en terreos privados", denuncia a plataforma

"A empresa mineira non só fixo non fixo caso deste primeiro requerimento, senón que máis adiante colocou unhas estacas con inscricións, descóñecese se con nocturnidade", denuncian. Daquela, os afectados reclamaron a reposición do dano á compañía, que instou os propietarios a que o fixesen eles mesmos ou que tomasen "as medidas pertinentes".

"É unha falta de educación que non debe ser tolerada polos propietarios dos bens afectados polo proxecto", aseguran desde a plataforma, que lembra que estas prácticas remóntanse á "ocupación e utilización dos montes" por parte da mineira de Corcoesto para as súas labores de investigación, como "os sondeos para a obtención de mostras de mineral, xeotécnicos, calicatas, aperturas de viarios de acceso, ou mesmo para obter auga e canalizala para a refrixeración da maquinaria perforadora".

Os veciños denuncian as prácticas "abusivas e intimidatorias" da compañía mineira

"A firma debe contar co permiso por parte dos propietarios dos montes afectados previo á ocupación ou á utilización dos seus bens", advirten desde o colectivo, que denuncia estas prácticas "abusivas e intimidatorias" e anima a máis afectados a que as poñan en coñecemento das autoridades "para que se adoiten as medidas oportunas na defensa do seu patrimonio, ansiado pola cobiza da empresa mineira".

Mentres, o proxecto segue adiante malia a oposición veciñal. A Declaración de Impacto Ambiental, que recibiu o visto e prace da Xunta, atópase agora no período de alegacións, cuxo prazo remata o vindeiro 9 de febreiro. Numerosos colectivos e particulares alegaron contra a mina prevista a ceo aberto, lembrando os numerosos danos económicos, sociais e medioambientais que provocaría. Ademais,  son moitos xa os cidadáns e as asociacións que advertiron que levarían a iniciativa aos tribunais para intentar paralizala canto antes.

Imaxe de Edgewater en Corcoesto © Edgewater

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.