Veciños de Sarria visitarán Jesulín de Ubrique para coñecer os touros que se matarán na feira

Manifestación contra as touradas en Sarria © Sarria Libre de Touradas

No Concello de Sarria está a organizarse unha viaxe para que veciños da localidade visiten a gandaría de Ambiciones, en Cádiz, propiedade de Jesulín de Ubrique, e alí coñezan os touros que se matarán na feira que se organizará na vila durante as festas de San Xoán. Non é a primeira vez que se realiza esta visita, pois xa o ano pasado un grupo de veciños desprazouse a Salamanca co mesmo obxectivo e hai dous anos o concelleiro de Xuventude de Sarria viaxou, tamén a Salamanca, para mercar os animais. A devandita viaxe a Cádiz terá lugar en abril e o Concello está a estudar distintas posibilidades para a súa organización. A excursión inclúe unha paella, que será pagada polo toureiro e a posibilidade de tourear algunhas vaquillas.

En todas estas ocasións o evento, que se enmarca na organización e promoción da feira de San Xoán, recibiu fortes críticas de partidos e entidades sociais, encabezadas pola plataforma Sarria Libre de Touradas, que o pasado ano reuniu centos de manifestantes contra a celebración deste espectáculo de crueldade animal. Naquela protesta, a plataforma demandoulle ao goberno municipal a retirada de calquera tipo de patrocinio ou subvención a esta actividade, así como o fin da cesión de espazos públicos para realizala.

Galicia mellor sen touradas tenlle esixido en varias ocasións ao Concello "transparencia" sobre a achega de cartos públicos á celebración da feira e sobre as relacións de complicidade e apoio entre o Goberno municipal e o empresario encargado da organización das touradas

De igual xeito, a plataforma Galicia mellor sen touradas tenlle esixido en varias ocasións ao Concello "transparencia" sobre a achega de cartos públicos á celebración da feira e sobre as relacións de complicidade e apoio entre o Goberno municipal e o empresario encargado da organización das touradas. A feira, que ano tras ano reúne moi pouco público, está lonxe de ser rendible e Galicia mellor sen touradas denunciou que o Concello "nunca ofreceu datos reais sobre a súa implicación na celebración dos festexos taurinos, a pesar de que as arcas municipais chegaron a asumir milleiros de euros de perdas dun empresario do sector".

A plataforma sinala que "unha evidente manobra política impulsou a celebración de corridas de touros subvencionadas no municipio tras a chegada do Partido Popular ao goberno da localidade" e salienta que "resulta significativa a aposta por unha organización xuvenil para realizar a programación das festas de San Xoán". Destaca, finalmente, que "o uso de diñeiro público debe ir acompañado da máxima transparencia, exercicio que non parece practicar o Concello de Sarria, posto que a día de hoxe descoñécese o investimento real en festexos taurinos realizado desde as arcas municipais".

 

#TauroSubvenciones

Galicia, Mellor Sen Touradas vén de poñer en marcha unha campaña a favor da transparencia no uso de cartos públicos para subvencionar touradas en Galicia

Galicia, Mellor Sen Touradas vén de poñer en marcha unha campaña a favor da transparencia no uso de cartos públicos para subvencionar touradas en Galicia. Para levala a cabo, formulou varias solicitudes de acceso a través do portal Tuderechoasaber.es para esixirlle ás distintas administracións implicadas que fagan pública a información detallada das partidas orzamentarias que destinan á celebración de eventos taurinos.

A plataforma xa rexistrou seis solicitudes de información ás institucións que destinan financiamento público a festexos taurinos: os concellos de Sarria, Padrón, Muíños e A Coruña e as deputacións provinciais coruñesa e pontevedresa. Todas as peticións poden consultarse www.taurosubvenciones.info. Na campaña búscase tamén a implicación da cidadanía e a súa difusión a través das redes sociais, fomentando "unha transparencia proactiva, onde todos os cidadáns teñan acceso á información que reclama a campaña".

Rubén Pérez, voceiro Galicia, Mellor Sen Touradas, cualifica de "lamentable" que "os cidadáns descoñezan cal é o montante real dos subsidios. Cidadáns que pagan os seus impostos e que teñen dereito a saber en que se dedica o seu diñeiro"

Rubén Pérez, voceiro Galicia, Mellor Sen Touradas, cualifica de "lamentable" que "os cidadáns descoñezan cal é o montante real dos subsidios. Cidadáns que pagan os seus impostos e que teñen dereito a saber en que se dedica o seu diñeiro". Engade que "existen diversas administracións que están subvencionando de forma sistemática a realización de festexos taurinos na comunidade. Hai exemplos evidentes de cooperación con empresarios taurinos, como os casos de Sarria, Padrón ou Muíños".

En concreto, no caso de Sarria, a petición oficial de información pregúntalle ao Concello "canto diñeiro achegou para a organización/promoción de corridas de touros, directa ou indirectamente a través de entidades de todo tipo e signo no período 2011-2013, ambos os anos inclusive?" e se "realizou o Concello de Sarria algunha achega a entidades/asociacións/peñas relacionadas coas corridas de touros no período sinalado?

Manifestación contra as touradas en Sarria © Sarria Libre de Touradas
A plataforma Sarria Libre de Touradas realizou este verán unha campaña contra a organización da feira, na que participou, entre outros, SEchu Sende © Sarria Libre de Touradas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.