Velaluz: Cando as asociacións contra a violencia de xénero son as imputadas

Concentración convocada por Velaluz © BNG

De acusadoras a acusadas. A asociación VelaLuz, que dende hai anos vén axudando as mulleres maltratadas e denunciando as anomalías dos puntos de encontro familiar, está acusada dun delicto de "revelación de segredo" por ter realizado estas denuncias. Este martes unha concentración ante a Audiencia Provincial da Coruña denunciou esta situación a amousou a solidariedade ante este colectivo e a súa presidenta, imputada.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a pesar de recoñecer estas eivas, arquivou a denuncia por entender que o centro ten un "caracter provisional"

Os puntos de encontro son o lugar no que os pais e nais separadas poden realizar as visitas aos seus fillos ou realizar o intercambio nos casos nos que se determinou pola mala relación entre os proxenitores ou polo risco de malos tratos e violencia. O novo punto de encontro coruñés abriu as súas portas o 1 de xaneiro nunhas instalacións pouco axeitadas que de inmediato denunciou Ve-la Luz: ademais da falta de hixiene do lugar e doutras anomalías, o centro -o antigo colexio Santiago Apóstol- "atópase nun sitio illado, carece de seguridade e o seu entorno es demasiado perigoso", denunciaba a asociación. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a pesar de recoñecer estas eivas, arquivou a denuncia por entender que o centro ten un "caracter provisional" e que "problemas puramente conxunturais" non poden levar á suspensión dun "servizo social de carácter básico". Finalmente a asociación foi imputada por realizar estas denuncias e supostamente incorrer no delicto de "revelación de segredo".

Finalmente a asociación foi imputada por realizar estas denuncias e supostamente incorrer no delicto de "revelación de segredo"

O acto contou co apoio do BNG. Goretti Sanmartín, secretaria de Implantanción e Estratexia Municipal, acompañada do responsable comarcal da Coruña, Paulo Carballada, da responsable comarcal de Acción Feminista, Vitoria Louro, e da responsable local de Galiza Nova, Alba Sánchez, cualificou a imputación de “indigna” e sinalou que "o obxectivo desta causa é amedrentar e silenciar as vítimas do terrorismo machista". Advertiu de que o BNG "non consente que sexan as propias vítimas e as activistas as que estean desprotexidas" e anunciou que as nacionalistas seguirán a denunciar "as malas praxes, o incumprimento da normativa e a coacción, ameaza e intimidación coa que se trata as menores e as mulleres vítimas do terrorismo machista".

Concentración convocada por Velaluz © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.