Vender mellor o que outros queren vender ao mellor postor

Unha das imaxes da campaña CC-BY-SA CEIP Manuel Masdías

Corren malos tempos para os servizos públicos e malos tempos para a educación. E como dous máis dous adoitan ser catro, tampouco os tempos son bos para a educación pública. Porén, facía tempo que non tiñamos tan presentes o valor real dos valores que encarna a escola pública. Á medida que avanzan a desigualdade e a discriminación na nosa sociedade, máis e máis xente é consciente do que nos xogamos nesta batalla entre os servizos públicos e o seu intento de privatización. Neste eido, a educación pública leva anos, mesmo décadas, de des-concerto ante o avance do ensino privado-concertado.

En Galiza acaba de rematar esta semana o período de inscrición para escolarizar o vindeiro curso as nenas e nenos, un período no que as familias deben escoller o centro no que desexan que estuden os pequenos da casa. Ante o clamoroso silencio da Consellaría de Educación na posta en valor da escola pública, cada vez son máis as iniciativas particulares –de centros e ANPAS– que apostan por saír á rua a para dar a coñecer a calidade do traballo que se fai no seu centro. Así se leva facendo desde hai varios anos no CEIP Manuel Masdias cunha campaña a prol da matrícula na escola pública na que se implican o profesorado e as familias.

O director do centro, Oscar González, describe así o centro e a súa campaña:

O CEIP Manuel Masdias desenvolve dende hai anos unha campaña a prol da matrícula na escola pública

O CEIP Masdias está situado no barrio ferrolán de Caranza, que amosa unhas características singulares dende o punto de vista socio-económico e cultural que teñen, inevitablemente, o seu correspondente na vida escolar. Trátase dun barrio constituído na década dos setenta no asentamento da antiga parroquia de Caranza, eminentemente rural. Desde a súa creación, cando chegou a ter máis de 20.000 habitantes, ata a actualidade, tivo unha importante perda poboacional, rondando na actualidade os 12.000 habitantes. Este descenso foi debido nun principio ás reconversións da industria naval e, nestes momentos, a unha fonda crise económica que mantén un alto índice de paro no barrio, producindo a emigración da xente máis nova e o conseguinte envellecemento poboacional. Aséntanse tamén no barrio unhas 150 familias de etnia xitana, que teñen maioritariamente o noso centro como referencia. A presenza de poboación inmigrante é moi minoritaria en relación a outras zonas, debido ás características económicas da comarca. A baixada de matrícula no centro, ao longo destes anos, ten a súa razón de ser nestas circunstancias, xunto á competencia, ao xogaren con vantaxe, dos dous centros concertados do barrio. Debido a esta perda de matrícula hai anos que decidimos facer diferentes campañas de matriculación e dar a coñecer os puntos fortes que ten a nosa escola, que en moitas ocasións só sae nos medios cando denunciamos a falta de profesorado, reivindicamos máis recursos, etc… pero non tanto cando participamos no Plan Proxecta (de fomento da innovación educativa) nos contrato-programa (para o desenvolvemento de estratexias de mellora da calidade do ensino), na rede de centros Abalar (de integración das TIC na práctica educativa)…” 

Desde a perspectiva de que son moitos os motivos para sentírense orgullosos do traballo que desenvolven no centro, as campañas de matriculación xiran ao redor dos valores dos que máis satisfeitos se senten: participación, inserción no medio, normalización lingüística, renovación pedagóxica, aconfesionalidade, compensación, coeducación, integración, convivencia, éxito…

Seguir a ler n'O patio das ideas
 

Unha das imaxes da campaña CC-BY-SA CEIP Manuel Masdías

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.