Mentres nas redes sociais da Radio Galega se difundía o cancelo #VenresNegro e na TVG se preguntaba sobre a aceptación desta xornada de descontos no grande comercio entre a cidadanía, o persoal mobilizado da CRTVG celebraba o seu 27º venres negro, a xornada reivindicativa en protesta "contra a manipulación informativa e polo cumprimento da Lei de Medios" que suma xa medio ano, agora en plena folga dos traballadores e na véspera dunha nova xornada de paros parciais.
O persoal da CRTVG tira de retranca para denunciar as "rebaixas no servizo público e na independencia informativa" no seu 27º venres negro
O colectivo Defende A Galega tirou de retranca a piques de cumprirse seis meses desde a súa primeira mobilización para denunciar as "rebaixas no servizo público e na independencia informativa" que din que sofren os medios públicos galegos e alertando das "ofertas especiais en manipulación, inxerencias e control político".
Logo de dúas xornadas de masivo seguimento dos paros parciais na folga convocada na CRTVG, volveron os venres negros, que desde o pasado 25 de maio reivindican a "plena democratización dos medios públicos galegos" e apostan pola súa "dignificación" e piden a "implicación da sociedade galega" na súa "loita". Ademais, o persoal mobilizado insiste en reclamar o arquivo do expediente que a Corporación abriu ao locutor Carlos Jiménez, logo de que se arquivase o que se lle abrira a Beatriz Moyano, xornalista que dimitira como presentadora do Telexornal Serán xunto a Alfonso Hermida en desacordo co control informativo que sufrían nos informativos.
Plató de informativos da CRTVG durante este 27º venres negro, previo a unha nova xornada de paros nos medios públicos / © Defende A Galega
"Onde está o Consello de Informativos? Onde o Estatuto Profesional? Onde está o premiadísimo Diario Cultural? Se cadra na sección de obxectos perdidos", pregúntanse desde Defende A Galega, colectivo que aclarou que apoia a folga como "calquera outra reivindicación que afecte a calidade do servizo público" na CRTVG, "pero entende que son os sindicatos os que deben levar a voz das mobilizacións que convocan".
Neste sábado terá lugar a terceira xornada de paros parciais convocada polo comité intercentros logo do 80% de seguimento dos dous primeiros días, os pasados martes e xoves, e que obrigou a modificar a programación da TVG ao substituír o magazine A Revista por espazos gravados de gastronomía ou sobre a voda de Marta Ortega.
As reivindicacións que motivaron a folga e as de Defende A Galega coinciden en moitos aspectos
As reivindicacións do comité pola folga e do persoal agrupado en Defende A Galega coinciden en moitos casos. Así, nos paros os traballadores reivindican a necesidade de "recuperar a produción propia interna" con programas informativos e de debate e entretemento producidos internamente, así como o "regreso" dun formato contedor semellante ao Xabarín para o público infantil ou a "recuperación das conexións en directo nos servizos informativos. Negociacións para unha mellor "dimensión" do cadro de persoal ou a fin da "utilización fraudulenta da contratación en prácticas" son outras das demandas laborais nunha folga na que a "erradicación da manipulación informativa" e o cumprimento íntegro da Lei de Medios do ano 2011 é tamén reivindicación de cabeceira.
Ás esixencias do persoal incorporáronse dous aspectos relacionados coas mobilizacións contra a manipulación. O comité pide a "fin da política represiva" mediante o "arquivo" do expediente disciplinario aberto a Carlos Jiménez e a "reparación pública do dano causado" á xornalista Tati Moyano co expediente que a atinxiu.