Verdegaia pide que as Illas Atlánticas deixen de ser Parque Nacional "se continúan as prácticas destrutivas"

CC-BY-SA Praza Pública

Verdegaia reclama que as Illas Atlánticas (Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada) deixen de ser Parque Nacional "se continúan as prácticas destrutivas de manexo que se veñen realizando os últimos anos". O colectivo ecoloxista lembra nun comunicado que, "no seu décimo aniversario" o Parque Nacional segue sen aprobar o Plano Reitor de Uso e Xestión (Prux) e está a realizar brutais desbroces", que xa foron denunciados en numerosas ocasións.

Segundo denuncia Verdegaia, o pasado 2 de xullo o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia cumpriu dez anos de idade e "non o fixo con boas novas de cara á debida conservación dos ecosistemas que abrangue". "Aínda non aprobou o seu Prux, incumprindo a súa propia lei de declaración", asegura o colectivo, que lembra que se "están a realizar brutais desbroces para supostamente previr os lumes forestais e mellorar o hábitat de especies".

O Prux das Illas Atlánticas é a ferramenta que ten que ter un espazo natural destas características para delimitar as actividades que se levan a cabo no seu seo. "Este documento debía ter sido elaborado no prazo dun ano a partires da aprobación da Lei 15/2002 de 1 de xullo pola que se declara o Parque Nacional", asegura Verdegaia, que lembra que o Prux xa acumula un atraso "de máis de nove anos". "A este inaceptable atraso hai que sumarlle que o Prux. estivo a exposición pública e en periodo de alegacións o pasado mes de setembro e xa vai haber un ano dende que Verdegaia e outras entidades presentamos alegacións ao mesmo", di.

Verdegaia denuncia que os desbroces para previr os lumes acaban matando diversas especies

Por outra banda, e segundo Verdegaia, os desbroces que se están a levar a cabo no espazo natural "tampouco axudan para festexar estes dez anos de Parque Nacional". "Trátase de desbroces no borde de pistas mais tamén de xerar grandes superficies sen vexetación 'para mellorar o hábitat de especies con poboacións en perigo como son o azor e o lagarto arnal", segundo o propio director conservador do Parque, José Antonio Fernández Bouzas", denuncia Verdegaia.

Pero Verdegaia asegura que "non existe ningún estudo técnico nin plan de recuperación para o azor nin para o lagarto arnal que indique a necesidade deses desbroces", ademais de aclarar que "a única e verdadeira razón para levalos a cabo é para previr os lumes forestais". "Resulta lamentable esa xustificación dos desbroces masivos en Hábitats de Interese Comunitario, cando nas illas xa existen medios para a loita contra o lume, coma motobombas e brigadas específicas, e xa hai unha extensa rede de camiños e cortalumes", engaden.

As rozas foron levadas a cabo con desbrozadoras de cadeas, o que ocasionou a destrucción dos niños e ovos das especies que crían nos matogueiros

As rozas foron levadas a cabo con desbrozadoras de cadeas, o que ocasionou a destrucción dos niños e ovos das especies que crían nos matogueiros, segundo denuncia o colectivo ecoloxista, que atopou pitos mortos nas pistas tras o paso das desbrozadoras. "Prodúcese a mortandade doutros vertebrados (réptiles incluídos) e invertebrados, a destrución da flora autóctona (con numerosas especies endémicas) e provocou graves danos no funcionamento e estrutura dos ecosistemas", din.

Ademais, esas rozas convértense nunha vía de entrada de especies alóctonas e favorecen a invasión de especies exóticas como as acacias e a margarida do Cabo, que deste xeito poderían acceder a hábitats prioritarios onde están presentes moitas especies endémicas do noroeste peninsular. "No Parque Nacional estase a levar a cabo unha pésima e contraproducente xestión dende hai anos. Son necesarios cambios drásticos para procurar a conservación dos hábitat naturais, conter e evitar a invasión de especies exóticas invasoras e cumplir os obxectivos de creación dun Parque Nacional", aseguran.

O despilfarro dos medios económicos do Parque en actuacións destrutivas como as aquí denunciadas, contrasta coa súa escaseza de persoal e de medios, que incluso provocou que, en determinados momentos do mes de xuño, as praias deste espazo protexido estiveran ateigadas de lixo e que o propio persoal do espazo protexido non fora quen de recollelo en varios días.

Por todos estes feitos, Verdegaia solicita "que as illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada deixen de ser Parque Nacional se continúan as prácticas destrutivas de manexo que se veñen realizando nos últimos anos". "Tamén solicitamos a dimisión do Director do Parque Nacional, pola súa nefasta e neglixente xestión, e a dimisión do Presidente do Padroado", din en Verdegaia, que denuncia tamén que o Padroado hai xa tempo que non se reúne.

Lixo nas Illas Atlánticas © Verdegaia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.