VÍDEO | "Existimos!": o movemento pola lei galega de identidade de xénero procura apoio social

Cartaz da campaña a prol dunha lei trans galega Dominio Público Praza Pública

Diversos grupos do movemento LGTBI galego traballan dende hai meses na súa proposta de Lei Galega de Identidade de Xénero. A proposta lexislativa deu o seu primeiro paso para ser tramitada no Parlamento co rexistro formalizado o pasado febreiro e agora tres destes colectivos -Amizando, Arelas e Ultreia- procuran impulsar o procedemento cunha campaña para recabar apoio da cidadanía. Baixo o lema Existimos! estas entidades queren transformar o apoio da "maior parte da sociedade" en medidas concretas que "garantan os nosos dereitos" e, en definitiva, "recoñezan a nosa existencia", explican.

Malia o crecente "apoio social" as persoas transexuais aínda sofren problemas na vida cotiá que a lei contribuiría a paliar, explican as entidades que promoven a campaña

Unha campaña de recollida de sinaturas e o vídeo que acompaña estas liñas, con rostros coñecidos do mundo da televisión, a cultura e o deporte, son os eixos fundamentais dunha campaña que tenta facer ver as áreas de "desprotección" que aínda existen para as persoas transexuais. Así, exemplifican, o Servizo Galego de Saúde aínda as somete "a un diagnóstico baseado en estereotipos" e "afástanos sde servizos básicos" e na vida cotiá o "atraso legal" provoca dificultades en ámbitos como o laboral, no que "é difícil que contraten persoas cunha identidade e imaxe distinta á que figura no DNI", unha cuestión burocrática que "dificulta situacións básicas, como pagar cunha tarxeta ou viaxar a outro país".

"A maior parte da sociedade asumiu que existimos, como demostra o apoio masivo" fronte "ás mensaxes transfóbicas de certas campañas" e por iso coidan que chegou o momento de "deixar de ser invisibles" no ámbito lexislativo galego. "Pedimos un compromiso a todos os partidos" para "aprobar o antes posible a lei galega de identidade de xénero". Garantiranse así "dereitos básicos" e promoverase dende a Administración galega "que a diferenza e a diversidade sexa un valor a respectar", conclúen.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.