VíDEO | "O cole rural que mola"

Captura do vídeo © Cole de Cea

"Hai moito tempo nun lugar rural/ unha escola van inaugurar...". Así comeza o tema co que o CPI Virxe da Saleta de Cea (O Cole de Cea) quere conmemorar o seu 50 aniversario, primeiro como escola unitaria, ata chegar cinco décadas máis tarde á súa situación actual como centro de Infantil, Primaria e ESO que acolle alumnado de Cea, Piñor e Maside. "O Cole Que Mola" é o título da canción, con letra de Martiño Ramos. David Faílde e Aitor Salgado ocúpanse da instrumentación e produción da peza, que vén acompañada dun fermoso vídeo, dirixido e montado por David González.

Trátase dun proxecto musical "desenvolvido ao longo de todo o curso e que foi posible grazas á implicación de todas as persoas que compartimos vida e traballo no Cole de Cea", destacan dende o centro. "Un cole rural, cheo de vida, que quere seguir así por moitos anos máis. Unha comunidade escolar unida que quere medrar, con máis alumnado, máis familias e máis profesorado. Esforzándose cada día por mellorar a calidade educativa e a convivencia. Un cole no que se aprende a ser mellores persoas, máis sabias e bondadosas e no que nos gusta moito cantar e contar", subliñan.

"Un cole rural, cheo de vida, que quere seguir así por moitos anos máis. Unha comunidade escolar unida que quere medrar, con máis alumnado, máis familias e máis profesorado"

"Este é o cole de Cea que mola/ é a nosa escola de aniversario/ que quere cumprir moitos máis/ mira, que aquí día a día/ imos aprendendo/ pra facer un mundo mellor", di o retrouso da canción, que conta coas voces de Uxía, Andrea, Larisa, Sheila, Ana, Paula, Iria, Iago, Uxía, Nerea, Sandra, Carlota, Andrea, Alba, Sara, Paco, Maria Josè, Nati, Sandra, Rosa, Celina, Erundina, Lorena, Herminia, Adolfo, Carlota, María, Alba, Iria, Sara, Lucía, Patricia, Nuria e Mauro.

Na páxina do Cole de Cea en Youtube podemos ver unha morea de vídeos, ducias e ducias de creacións, entre as que destacan vídeos de karaoke, como "A lingua sabe a pan", que hai uns anos converteron nun lipdub.

Captura do vídeo © Cole de Cea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.