O 16 de xuño de 2013 milleiros de mulleres e homes protestaron, baixo a chuvia, nas rúas de Compostela contra o proxecto do ministro Gallardón de recorte do dereito ao aborto. Monica Caamaño abriu o acto final daquela manifestación convocada pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto citando a Angélica Liddell: "O meu corpo é a miña protesta. O meu corpo é a miña acción. É a miña forma de protestar". Foi a primeira mobilización nacional convocada pola Plataforma contra os plans do Goberno, e exactamente un ano despois daquela primeira gran marcha, a entidade -que agrupa máis de sesenta organizacións sociais- prepara unha nova manifestación, desta volta en Vigo, que terá lugar o vindeiro 15 de xuño.
Trátase de manter a mobilización contra os plans do goberno, de "amosar unha vez máis a nosa unidade, a enerxía e a forza de todas as mulleres, e a solidaridade da sociedade galega na defensa dos nosos dereitos", e tamén de celebrar o aniversario da actividade da Plataforma que, como destaca Pilar Estévez (unha das súas voceiras), "serviu de exemplo para a organización de plataformas e mobilizacións semellantes en todo o Estado". Desta volta escolleuse Vigo, pola importante tradición organizativa do feminismo nesta cidade, que se puxo de manifesto, por exemplo, nas mobilizacións do 22 e 23 de maio de 2004 organizadas pola Marcha Mundial das Mulleres. Ademais, colectivos e plataforma do resto de España están considerando facer coincidir as súas mobilizacións coa convocada en Galicia.
Máis dun ano despois de que Gallardón presentase o seu anteproxecto, a lei aínda non chegou ao Congreso. Ademais de pasar por un Comité de Bioética cuxa moi parcual composición foi xa moi criticada, o Consello Xeral do Poder Xudicial celebrará o vindeiro 13 de xuño un pleno extraordinario para estudar o anteproxecto. Esta xuntanza foi adiada en varias ocasións porque varios dos vogais deste organismo sinalaron que necesitaban máis tempo para estudar varios informes.
Pilar Estévez, ante o desgaste que este proceso pode ter para o partido gobernante, pregúntase: "o PP está en condicións de seguir perdendo apoio electoral?"
En moitos momentos dos últimos meses, pareceu que o Goberno e o propio ministro Gallardón estivese controlando os tempos, acelerando ou enfriando o proceso, en función das circunstancias. Por exemplo, varias semanas antes dos comicios europeos do pasado 25 de maio, o desenvolvemento do proxecto detívose, ante o prexuízo electoral que lle podía provocar ao PP. De igual xeito, existe o temor a que o Goberno aproveite precisamente o verán para acelerar a súa tramitación, en espera dunha desmobilización dos colectivos e plataformas opostas ao recorte. De aí a importancia desta mobilización convocada para o 15 de xuño. Porén, neste senso Pilar Estévez, ante o desgaste que este proceso pode ter para o partido gobernante, pregúntase: "o PP está en condicións de seguir perdendo apoio electoral?". Estévez destaca que "socialmente estamos nun momento en que a xente non cala. E sobre todo as mulleres".
A marcha comezará na estación de tren, onde confluirán as manifestantes de Vigo coas procedentes doutras zonas do país
O domingo 15 están xa programadas un gran número de actividades en Vigo, no que ademais dunha manifestación quere ser unha Romaría Lilá. A marcha comezará na estación de tren, onde confluirán as manifestantes de Vigo coas procedentes doutras zonas do país. Dende o Areal, a mobilización camiñará por Concepción Areal, Montero Ríos, Cánovas del Castillo, Carral, Gamboa, Oliva, Palma, Triunfo, Praza da Constitución e Porta do Sol. Alí lerase un manifesto e celebrarase unha asemblea aberta.
Ademais, a partir das 13 horas dará comezo a romaría, que incluirá un xantar popular, e postos de materiais feministas, de venda de artesanía, libros, comida e bebida. E tamén música (a partir as 15.30 horas), coas actuacións confirmadas de Habelas Hainas, The Tetas’ Van e Sonia Lebedynski (e outras pendentes de confirmar), nun acto presentado por Isabel Risco. Todo na praza situada ante a antiga sede de El Pueblo Gallego.