Vigo dille adeus a David Reboredo

David Reboredo © AX3

David Reboredo finou esta pasada pasada fin de semana, aos 45 anos de idade, aqueixado dun tumor cerebral que lle fora detectado hai uns meses e que creceu moi rapidamente. Ao longo do domingo familiares e amigos despedírono no tanatorio de Emorvisa e o impacto do seu falecemento foi evidente en toda a cidade e mesmo fóra de Vigo. Na manifestación convocada polos sindicatos o domingo pola mañá contra a lei mordaza mesmo se gardou un minuto de silencio en recordo do vigués. Este mércores ás 19.30 horas a Parroquia do Cristo da Vitoria, en Coia, acollerá un acto cívico en lembranza e homenaxe á vida e loita de Reboredo.

Reboredo, superada a súa adicción ás drogas e completamente rehabilitado, tivo que pelexar durante os últimos meses de 2012 pola súa liberdade. A pesar da campaña pública iniciada na súa defensa, encabezada pola súa familia e por entidades como Érguete ou o colectivo Imán Cedro, dúas sentenzas por vender unhas papelinas de heroína en 2006 e 2009 obrigárono a ingresar no cárcere da Lama a comezos de 2013. A solución tardou en chegar, pero en marzo David Reboredo acadou un indulto parcial que lle permitiu ingresar no CIS Carmen Avendaño, preto da súa casa. En abril Reboredo acadou o terceiro grao e, con el, a liberdade condicional.

A conversa pechábase cun desexo de Reboredo: "Ser libre ao fin e que ninguén pague con cárcere ser un enfermo"

Reboredo triunfou na súa loita pola liberdade, pero uns meses despois tivo que comezar unha nova loita: contra un cancro que de forma moi agresiva se foi estendendo polo seu cerebro. En abril de 2013 Praza publicaba unha extensa entrevista con Reboredo, realizada polo xornalista Cristian López. A conversa pechábase cun desexo de Reboredo: "Ser libre ao fin e que ninguén pague con cárcere ser un enfermo". O propio Cristian López escribiu esta fin de semana un texto de despedida para David Reboredo no que destaca que "cando trataba de enmendar o seu pasado, de comezar de cero, de soñar de novo, chegoulle a máis inxusta das condenas".

O texto péchase lembrando o desexo expresado por Reboredo ("Ser libre e que ninguén pague con cárcere ser un enfermo"). "O primeiro, por desgraza, cumpriuse da máis dramática das formas", escribe Cristian López. "Pero o segundo queda nas nosas mans" -continúa- "Se a súa morte, se a morte mesma ten un senso redentor, que o sexa para os miles de seres humanos, condenados e esquecidos polos nosos egoístas prexuízos e a nosa hipócrita indiferenza".

David Reboredo © AX3

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.