Vigo mobilizouse "contra a riqueza" e baixo o lema “menos rollos, máis solucións”

Concentración ante o Concello de Vigo © ODS-Coia

Varias ducias de persoas, convocadas pola Oficina de Dereitos Sociais de Coia, a Parroquia Cristo da Victoria e o Grupo de Axitación Social, concentráronse ante o Concello de Vigo este mércores para "celebrar publicamente o Día contra a riqueza" e denunciar "a riqueza acumulada nas mans duns poucos, unha riqueza que non fai máis que medrar a costa dunha maioría de persoas cada vez máis ampla que padece a crecente precarización das súas condicións de vida".

A mobilización, baixo o lema “Menos rollos, máis solucións”, serviu para presentar a Iniciativa Lexislativa Popular por unha Renda Básica, que nas vindeiras semanas comezará a recoller sinaturas en toda España

A mobilización, baixo o lema “Menos rollos, máis solucións”, serviu para presentar a Iniciativa Lexislativa Popular por unha Renda Básica, que nas vindeiras semanas comezará a recoller sinaturas en toda España. Defenderon a Renda Básica "como un instrumento de erradicación da pobreza, un mecanismo de repartición da riqueza e distribución da renda, que pode dar seguridade económica á poboación; que permite iniciar outros modos de vida, fomenta a igualdade de xénero e contribúe a eliminar os estigmas sociais". E salientaron que "a Renda Básica pode ser o piar do novo sistema de benestar e un instrumento útil para defenderse da deterioración das condicións de vida que impón o capitalismo global".

Tamén se esixiu do Concello de Vigo que respecte o procedemento administrativo legal e regulamentariamente establecido na tramitación e concesión das Subvencións Directas Individuais de Emerxencia Social e, en concreto, que permitan as persoas que solicitan ditas axudas que presenten por escrito as solicitudes nas UTS, mediante formulario normalizado e conservando unha copia selada.

As persoas concentradas foron envoltas cun rolo de papel por dous personaxes caracterizados como o alcade de Vigo, Abel Caballero, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Tamén se leu un manifesto, que chamou a atención sobre "a situación de falla de garantías coa que se atopan as persoas que se achegan aos servizos sociais do noso concello buscando solucións á ausencia de recursos para satisfacer as súas necesidades básicas". Concluíron, así mesmo, que "coma sempre, as solucións existen e veñen da man da cidadanía que se organiza e busca alternativas para unha vida digna".

Concentración ante o Concello de Vigo © ODS-Coia
Os e as concentradas aludiron en varias ocasións a Alberto Núñez Feijoo e Abel Caballero © ODS-Coia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.