Vigo, O Morrazo e Pontevedra lideran a caída da natalidade en Galicia

Na metade das comarcas galegas naceron menos nenos e nenas en 2015 Dominio Público Praza Pública

No ano 2015, segundo as cifras provisionais adiantadas polo Instituto Galego de Estatística (IGE), naceron 19.346 nenos e nenas en Galicia, case 300 menos que no ano anterior, continuando coa tendencia negativa que xa fixo descender o número total dende os 22.047 de hai tan só cinco anos (2010). A caída da natalidade non foi homoxénea, incrementándose lixeiramente o número de nacementos nas provincia da Coruña e Lugo, reducíndose un chisco en Ourense e experimentando un descenso máis importante na provincia de Pontevedra, cunha redución de case 400. A fenda entre nacementos e mortes acadou en 2015 máximos históricos en Galicia.

Se analizamos as cifras por comarcas, observamos que esa evolución negativa na provincia de Pontevedra se debe especialmente aos datos que presentan as comarcas de Vigo (223 nacementos menos que no 2014), O Morrazo (-92) e Pontevedra (-48). Tamén O Condado, Caldas e O Baixo Miño empeoran os datos do ano anterior. Varias destas comarcas están entre as zonas de Galicia menos envellecidas e que, polo tanto, nos últimos anos amosaran unha maior taxa de natalidade. Porén, pode que esta realidade estea comezando a cambiar. En 2015 por primeira vez todas as comarcas galegas presentan saldo vexetativo negativo.

Si hai, en cambio 26 comarcas (practicamente a metade) nas que en 2015 naceron máis nenos e nenas que en 2014, encabezadas por Deza (+36), Noia (+32), A Coruña (+30), Os Ancares (+23), Barbanza (+23), Ordes (+21) e Tabeirós-Terra de Montes (+19).

En catro concellos (O Irixo, Parada de Sil, O Bolo e Mondariz-Balneario) non se produciu ningún nacemento en 2015 (en 2014 foran cinco: Pedrafita do Cebreiro, Negueira de Muñiz, Lobeira, Gomesende e Pontedeva. Noutras 14 localidade o pasado ano só naceu un neno ou nena: Negueira de Muñiz, Trabada, Lobeira, Beariz, Rairiz de Veiga, Sandiás, Pontedeva, Quintela de Leirado, Verea, San Xoán de Río, Larouco, Petín, Vilardevós e A Gudiña.

O IGE ofrece tamén información sobre a idade das nais en cada nacemento. Observando a evolución deste indicador nos últimos anos compróbase como esta segue incrementándose. As mulleres de entre 30 e 35 anos que dan a luz case se triplicaron entre 1996 (2.222) e 2015 (6.529), converténdose no segundo grupo de idade máis habitual, a moi escasa distancia do de 30-34, que é posible que supere o vindeiro ano, se continúa a actual tendencia. Pola contra, os partos de mulleres entre 25 e 29 anos pasaron de 6.225 en 1996 (cando eran o grupo de idade maioritario) a tan só 2.928. Tamén se reduciu notablemente o número total do grupo de idade de 20 a 24 (de 3.288 a 1.009), xa menos habitual que o grupo de idade 40-44 (que pasou nas últimas dúas décadas de 304 a 1.747).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.