Non se pode entender Vigo sen Samil, xa o cantaba Siniestro Total: "En el Vitrasa hacia Samil/ hoy me voy a divertir (...) No esta lejos de aquí/ Vamos a bailar el rock de Samil". O areal constitúe a praia máis próxima ao centro da cidade, un espazo natural para o ocio dos habitantes da urbe, unha praia urbana que ao igual que lles sucedeu a outras sufriu dende os anos sesenta e setenta unha forte presión urbanística e económica. En poucos anos mudou enormemente a súa fisonomía, perdendo por exemplo o seu complexo dunar, soterrado baixo quilómetros de paseo marítimo, piscinas, restaurantes e chiringuitos. Isto non só afectou á paisaxe, ou á perda de espazos públicos, senón á propia saúde da praia e á súa capacidade para rexenerarse de xeito natural.
O PXOM de Vigo e un proxecto de rexeneración integral de Samil do Ministerio de Medio ambiente prevén o comezo da recuperación das dunas mediante a reconstrución 25 metros mais atrás do paseo e das piscinas e a desparición de boa parte dos establecementos hosteleiros construídos dende os anos setenta. Este proxecto da Dirección Xeral de Sostibilidade de Costas, cun custe total de máis de 17 millóns de euros, atópase en fase de aprobación inicial por parte do ministerio. O propio grupo municipal do PSOE instou ao goberno central a que procedese á súa execución o 25 de febreiro de 2013, e esa proposta foi apoiada no pleno municipal de Vigo por unanimidade.
Algúns expertos alertaron de que este plan, aínda que con efectos positivos, resultaría insuficiente para a recuperación das dunas (a barreira de cemento debería situarse non a 25 senón cando menos a 50 metros de onde se atopa neste momento). En calquera caso, para que este proxecto se puidese levar a cabo, aínda que fose de xeito parcial, resulta imprescindible a desparición dos restaurantes construídos en primeira liña de praia. Trátase de As Dornas (cuxa concesión xa finalizou e xa foi derrubado), Camaleón (finaliza en 2019), Di San Remo (en 2025) e Jonathan (finalizada por falecemento da súa titular).
O 9 de xullo abriranse as plicas para coñecer as ofertas de explotación do establecemento hostaleiro, e en caso de serlle adxudicada a alguén, estaría concedéndose unha licencia de explotación por 30 anos
Recentemente, o goberno municipal abriu un prazo para a licitación do Jonathan, un praza que rematou este mércores. O 9 de xullo abriranse as plicas para coñecer as ofertas de explotación do establecemento hostaleiro, e en caso de serlle adxudicada a alguén, estaría concedéndose unha licencia de explotación por 30 anos. Calquera proxecto, sexa a reforma de retranqueo do paseo actual, ou un plan integral de recuperación da praia e do seu sistema dunar que se queira levar a cabo nun futuro, atoparíase co obstáculo do establecemento en cuestión. Quen tivese daquela a licencia de explotación, estaría en condicións de reclamar unha indemnización millonaria, lembran dende Anova Vigo.
Dende distintas organizacións políticas (BNG, Anova, Esquerda Unida, Equo...) tense denunciado publicamentea situación, e tamén o fixeron varios cidadáns a través de distintas inciativas online. Anova lembra que o Jonathan incumpre a Lei de Costas de 1988, modificada no ano 2013. A disposición transitoria 4ª vén dicir que as instalacións que ocupen unha zona de dominio público marítimo-terrestre serán demolidas ao extinguirse a concesión. Neste caso, a concesión (que remataba en agosto de 2016) expirou por defunción da persoa titular e sen que fose legalmente posible a súa continuidade a través de herdeiros. Tamén subliña que o canon anual que pagaría quen se fixese cargo da explotación do Jonathan é de 20.000 euros, "ben pouco beneficio se o comparamos co valor ecolóxico da zona tal como era antes das construcións invasivas". Un dos argumentos por parte do goberno municipal para retomar a vía de licitación sería que se trata de servizos necesarios nunha das praias de maior afluencia de Galicia. Para Anova "é evidente que tales servizos poden existir nunha liña máis retirada e que respecte a praia trala súa eventual recuperación".
Ao BNG, pola súa banda, parécelle "un despropósito" volver adxudicar o Jonathan "porque supón condenar Samil 50 anos máis e indica que non hai intención de recuperala", en palabras de Iolanda Veloso
Ao BNG, pola súa banda, parécelle "un despropósito" volver adxudicar o Jonathan "porque supón condenar Samil 50 anos máis e indica que non hai intención de recuperala", en palabras de Iolanda Veloso. "Parécenos aberrante e non entendemos este empeño máis alá da súa preocupación polos intereses privados", afirma a voceira do Bloque, que no debate plenario que en abril aprobou a nova licitación demandou que se cumprise o PXOM (que prevé a eliminación destes establecementos e do paseo) e que se seguise co Jonathan a mesma política que co derrubado local de As Dornas. De igual xeito, Esquerda Unida denuncia que unha hipotética nova concesión de 30 anos "antepon os intereses económicos privados ao ben común e a sustentabilidade dos espazos naturais da cidade". Para protegxer Samil, EU reclama que se declare como espazo natural de interese local (ENIL) o complexo dunar do Vao.
Dende entidades ecoloxistas, expertos e forzas políticas lémbrase que unha barreira artificial coma o paseo de Samil "supón a condena da propia praia"
O recente derrubo do restaurante As Dornas permitiu o inicio da recuperación das dunas da praia do Cocho das Dornas. Como sinalaba hai poucos días Vigo Blog, "a poucos centímetros dos alicerces da derruida edificación, aprécianse varios metros de finísima area que só espera ver o aire para incorporarse á praia". Dende entidades ecoloxistas, expertos e forzas políticas lémbrase que unha barreira artificial coma o paseo de Samil "supón a condena da propia praia, e nun futuro máis ou menos inmediato, como ten sucedido noutras praias de zona urbana invadidas con este tipo de construcións, obrigaría o goberno municipal a unha reposición artificial da area da praia con custos elevados e co fracaso a curto prazo garantido", sinalan dende Anova Vigo, que engade que "os abalos e devalos da marea arrastran o areal cara ao mar, e vano lambendo sen posible reposición natural, como é ben sabido, pois pra que as mareas e o vento –e mais a vexetación– fagan o seu traballo, non pode existir ningunha barreira artificial que impida a recuperación do ciclo dunar".
Para Anova, Caballero "non quere deixar aberta a posibilidade dunha reforma na praia de Samil e moito menos a liberdade de xestión para que calquera outro goberno municipal posterior puidese acometer ese proxecto de rexeneración do sistema dunar"
Para Anova Vigo, o goberno municipal de Caballero "non quere deixar aberta a posibilidade dunha reforma na praia de Samil e moito menos a liberdade de xestión para que calquera outro goberno municipal posterior puidese acometer ese proxecto de rexeneración do sistema dunar". A formación sinala que "Caballero, que tanto fala de Vigo como cidade europea, debería ter presente que en calquera outro país atlántico de Europa, unha praia como a de Samil non estaría nas condicións actuais, condenada ao seu progresivo deterioro e moi lonxe de calquera xestión minimamente respectuosa e intelixente dende o punto de vista medio-ambiental, que ao cabo tamén permitiría pór en valor un espazo de gran atractivo turístico".