Vigo será a voz galega na marcha dos pobos europeos contra a troika

Manifestación contra a troika en Lisboa CC-BY-NC-SA Décio Telo

Vigo será a voz de Galicia entre as mareas cidadás que o vindeiro sábado 1 de xuño percorrerán varias cidades europeas contras as duras políticas de austeridade dos gobernos e da UE. E será a voz galega dos Pobos Unidos contra a Troika, unha marcha global que baixo ese lema percorrerá varios puntos do continente para protestar contra "este sistema baseado na inxustiza social, a degradación medioambiental, o empobrecemento da maioría da poboación e a explotación dos de abaixo por parte dos de arriba", tal e como aclara o seu manifesto.

Vigo acollerá unha das máis de 70 manifestacións que se celebrarán en varias cidades europeas contra a troika

Atenas, Dublín, París, Viena, Londres, Florencia, Porto, Barcelona, Marsella, Turín, Coimbra, Santander, Burdeos, Braga, Valencia, Toulouse, Sevilla, Funchal, Lión, Tenerife ou Madrid son algunhas das cidades que xa se uniron a unha convocatoria que vai sumando cada día máis manifestacións, que xa superan as 70.

Foi o pasado 26 de abril cando nunha masiva manifestación en Lisboa o colectivo Que se Lixe a Troika fixo un chamamento para convocar unha gran protesta internacional para este vindeiro 1 de xuño contra a troika que conforman o FMI, o Banco Central Europeo e a Comisión Europea. A petición foi un éxito e varias urbes de Portugal, España, Grecia, Italia, Inglaterra, Irlanda, Alemaña, Francia, Austria e Holanda contestaron positivamente para conformar "a rede internacional de resistencia contra a austeridade e a troika, un berro común para reclamar e deter estas políticas e o retroceso imposto pola troika, apoiada polos gobernos estatais", tal e como destaca nun comunicado a organización deste movemento internacional xurdido no país veciño.

Varias cidades recolleron a proposta feita por 'Que se Lixe a Troika' tras a última gran manifestación en Lisboa

Diversos movementos sociais en toda Europa e o Estado -desde o 15M ata as mareas cidadás, pasando por numerosos colectivos- puxéronse en marcha para "poñerse en pé e pedir a fin da austeridade" e rexeitar "o fanatismo ideolóxico que está destruíndo o máis importante de Europa: a súa xente".

Así, en Fráncfort, Blockupy protestará diante da sede central do BCE, ao tempo que en Lisboa Que se Lixe a Troika farao ante a sede do FMI en Portugal e en Madrid as mareas cidadás se concentrarán ante o edificio da Comisión Europea en España. Xunta a estas marchas, moitas outras como a de Vigo, que sairá ese 1 de xuño ás 12 do mediodía da Praza de España para camiñar ata a Porta do Sol, organizada pola Coordinadora 1X da cidade olívica, nucleada arredor do espazo Ecoar.

"Este primeiro de xuño será o comezo, non o final", di o comunicado da convocatoria internacional

Ken Loach, Susan George, Eric Toussaint ou Jean-Luc Melenchon foron algúns dos primeiros intelectuais que apoiaron esta marcha e á cuxa convocatoria se están unindo moitos máis persoeiros en varios países de Europa. "Será a resposta; este 1º de xuño será o comezo, non o final", destaca Pobos Unidos contra a Troika, que considera que "a democracia ten que regresar e gobernar". "O pobo unido non será vencido", reivindica.

Desde Galicia, a Coordinadora 1X chama a levantarse "contra a hexemonía dese Mercado, que queren facernos crer que é impersoal, cando en realidade é un complexo mafioso composto por banqueiros, especuladores financeiros e inmobiliarios e por unha casta política allea á realidade das persoas".

"Rebelámonos contra o o desemprego e a precariedade, a explotación laboral, o espolio dos bens naturais e públicos, o deterioro e o desmantelamento dos servizos públicos"

"Saímos á rúa para rebelarnos contra a perda de soberanía popular; rebelámonos contra o o desemprego e a precariedade, a explotación laboral, o espolio dos bens naturais e públicos, o deterioro e o desmantelamento dos servizos públicos (sanidade, educación, cultura e a seguridade social...); rebelármonos, porque sabemos que o deterioro das nosas condicións de vida non é máis ca un bo negocio para eles", insisten. "Queremos dicir coas nosas propias voces, que si, que nós podemos construír un futuro mellor para a nosa e as seguintes xeracións, e que para que isto funcione so é preciso que sexan eles os que paguen a crise. Que arrimen o ombreiro de verdade ou que lisquen todos", rematan.

Pero antes da manifestación, Vigo acollerá unha morea de actos baixo o lema Construíndo alternativas... Vigo contra a troika. Charlas e obradoiros previas a unha marcha que pretende ser histórica.

Manifestación contra a troika en Lisboa CC-BY-SA Carlos Pinto
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.