Viveiro-Ribadeo: un derbi do século XXI... E un tren do XIX

O alcalde e seareiros do Ribadeo, agardando o tren atrasado Dominio Público @RibadeoFC

A iniciativa na defensa, reivindicación e promoción do ferrocarril Ferrol-Ribadeo levou a que directivos, xogadores e técnicos do Ribadeo FC, ademais de seareiros, o alcalde da localidade e outros cargos públicos aproveitasen o derbi entre o equipo da súa localidade e o Viveiro aproveitasen para desprazarse á cidade do Landro en tren. Partiron ás 11.30 da mañá, chegaron ás 12.45, gozaron do día, gañaron o partido (2-3), pero volveron comprobar o mal funcionamento, os atrasos e o abandono deste medio de comunicación abandonado e cuxa mellora e revitalización leva anos sendo reclamada por cidadanía e poderes públicos en todo o norte galego. A expedición que partiu á volta sufriu un atraso de 50 minutos no apeadeiro de Covas e chegou sobre as 11 da noite á capital da Mariña Oriental. 

O tren de volta cara a Ribadeo logo do derbi en Viveiro sufriu un atraso de 50 minutos

Entre os que sufriron esta demora -habitual no FEVE que percorre esta liña-, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, que acompañou o equipo da vila en ferrocarril. "É unha situación traxicómica; o cómico, por non dicir triste, é que levamos 50 minutos de demora na estación de Covas, tesos de frío, agardando por un tren que non dá chegado", relataba nun vídeo mentres a expedición esperaba a chegada do ferrocarril. O rexedor, habitual nas reivindicacións para o impulso deste tren, lembrou que a iniciativa do Ribadeo FC era "reivindicar medios de comunicación máis modernos, do século XXI", pero aclara que o que se "contrastou" e probaron os vaixeiros foi "a demora" a unhas horas "nas que non hai demasiada xente circulando". 

"É necesario empurrar entre todos para reivindicar un tren moderno e do século XXI e non un do XIX como o que temos", di o alcalde de Ribadeo

"É unha proba verídica de que é necesario empurrar entre todos para reivindicar un tren moderno e do século XXI e non un do XIX como o que temos actualmente", insistiu Fernando Suárez, que viaxou xunto ao concelleiro Jorge Díaz, ao deputado provincial do BNG, Antonio Veiga, ou Alfredo Llano, presidente da mancomunidade de Municipios da Mariña, que destacou a viaxe como un xeito de "demostrar que o tren debe servir para desprazarse dun extremo ao outro da Mariña, debe poder ser empregado para asistir a eventos deportivos, para que os estudantes vaian aos institutos, para que o poidan utilizar tamén os usuarios do Hospital da Costa e os traballadores desta comarca". "É un acto de apoio e para reivindicar o noso tren e un servizo que funcione atendendo as necesidades da nosa poboación", engadiu. 

Á chegada a Viveiro, a expedición ribadense foi recibida pola alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e polo concelleiro Jesús Fernández. A iniciativa Ao noso derbi, no noso tren fora apoiada tamén pola Plataforma Pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo, que ve na acción unha forma de "chamar a atención sobre os problemas que esta a padecer" esta liña "nestes tempos (avarías continuadas que provocan retrasos e supresións, malos horarios...) tendo en conta que resulta un transporte público vital para A Mariña". 

Expedición de cargos públicos e do Ribadeo FC camiño de Viveiro no tren FEVE / Pola defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo 

O prezo da viaxe entre Ribadeo e Viveiro, ida e volta, é de 5,70 euros. O tren de regreso tiña prevista a saída ás 21.03 horas pero acabou pasando polo apeadeiro viveirense de Covas preto das dez da noite e chegando á vila ribadense ben pasadas as 11. "Comprobaron nas súas propias carnes os problemas que hai con este servizo", din desde a Plataforma, onde aseguran estar "moi contentos" por iniciativas como a desta fin de semana, que non só quedou no derbi de fútbol senón nunha ruta ciclista de varios deportistas do Ortegal que empregaron tamén para reivindicar o tren e que xurdiu a iniciativa do concelleiro de Deportes de Ortigueira. 

"A xente implícase e toma conciencia do problema que temos e da necesidade dun transporte público á altura"

"A xente implícase e toma conciencia do problema que temos e da necesidade dun transporte público á altura; non temos horarios axeitados e hai avarías a diario", lembran desde a Plataforma, que advirte de que "o problema vén de moi lonxe" e que os avances son "escasos", incluído un plan de Renfe "a 3-4 anos para mellorar o material". "O que necesitamos é solucións xa", engaden

Porque o tren Ferrol-Ribadeo, malia as melloras prometidas, continúa coa súa decadencia dos últimos anos, con atrasos, avarías das máquinas, malos horarios e escaso mantemento. Hai tan só unhas semanas, 12 alcaldes, alcaldesas e tenentes de alcalde de Ferrol, Narón, San Sadurniño, Moeche, Cerdido, Ortigueira, Cariño, Valdoviño, Cedeira, Ribadeo, Burela e Viveiro reuníronse con representantes de Renfe tras 18 meses denunciando ante a compañía e o Goberno galego a situación de abandono do servizo de transporte ferroviario. A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, non acudiu á cita malia estar convocada. 

"Poderemos avanzar en detalles de horarios e ampliación de percorridos, ben necesarios, mais o problema de fondo é que se Renfe e o Goberno galego non cren nesta parte do territorio, non facemos nada e o tempo transcorrido sen avanzar así o indica”, advertían os alcaldes daquela. Os rexedores pídenlle á Xunta "que non se comporte como un goberno ausente e que se faga respectar no Estado, cunha aposta decidida polo transporte público e ferroviario que lle corresponde ao norte de Galicia no século XXI".

Cartel da iniciativa © Pola defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo
Dominio Público Tirado do Facebook de Fernando Suárez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.