Vixilia masiva en Ferrol en resposta á crise e ao desemprego

Vixilia polo emprego en Ferrol CC-BY-NC-SA Susete Ferrol

Difuntos en Ferrol. Unhas 5.000 persoas ateigaron na pasada noite a praza de Armas da cidade nunha vixilia reivindicativa reclamando carga de traballo para os estaleiros e emprego para unha comarca e a súa contorna, a de Ferrolterra, que xa esgotou a paciencia hai tempo. Con candeas, fachos e cabazas alumeadas, a cidadanía berrou contra o paro que azouta a localidade e a súa área de influencia -cunha das taxas máis altas de Europa- exixindo "solucións" nun exitoso acto convocado por CCOO, UGT, CIG e USTG.

Traballadores dos estaleiros uníronse á vixilia tras o seu peche nas instalacións dos estaleiros

Aló tamén acudiron centos det traballadores do naval e das súas auxiliares, que durante todo o día mantiveran un peche nas instalacións dos estaleiros. A agonía destes é unha das principais razóns que explican a dura crise que golpea Ferrolterra e que ten a súa cidadanía en pé de guerra. "Queremos traballo con dignidade", asegurou Antón Cortizas, escritor que leu o manifesto ao tempo que soaba a música de María Manuela. As mesmas candeas que servían para iluminar a fría noite serviron tamén para debuxar no chan a reivindicación Dique Si, nun novo intento de convencer as administracións da necesidade desta infraestrutura para a ría.

A melodía de Negra Sombra, a mesma sombra que ameaza a comarca, soou tamén nunha praza onde non estaban os mesmos cargos populares que o pasado xoves se manifestaron en Madrid ante a sede da SEPI pero que volveron, de novo, coas mans baleiras. Navantia segue sen garantir carga de traballo e os poucos contratos aos que aspira acaban en países asiáticos. "Foi unha cortina de fume", censuraron os representantes dos traballadores.

Cos seus cánticos, os alí presentes volveron deixar claro o seu rexeitamento ás políticas dos gobernos populares e preguntáronse "onde están as promesas do PP". "A próxima visita será con dinamita", berraron tamén moitos cidadáns desesperados. Ademais, e antes da manifestación, presentouse o documental Carga de dignidade, de Xosé Bocixa, que recolle a iniciativa artística que se celebrou na cidade hai uns meses en defensa do sector naval. 

As mobilizacións continuarán este domingo. A partir das 12.30 horas, os sindicatos do naval convocan unha mobilización que comezará na praza do Inferniño e finalizará na praza de Armas, ante o Concello. Manuel Rivas lerá o manifesto dunha convocatoria á que teñen pensado asistiro cargos públicos do PP.

Vixilia polo naval en Ferrol CC-BY-NC-SA Susete Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.