Volta ás caixas de resistencia

As traballadoras de Ecomed reclamándolle á empresa o que lles adebeda © CC.OO.

Toñi non pode crer que, aos seus 60 anos, volvese ver como se fan indispensables as caixas de resistencia, "coma nos anos 70". Chámalle banco de alimentos ou unha conta corrente onde facer unha doazón, pero trátase do mesmo, dunha caixa na que todos meten un pouco para que poidan resistir os que están na loita. É o caso de Toñi, Antonia Ruíz Jiménez, e as súas 25 compañeiras que traballan de limpadoras na Base Aérea de Albacete e as 11 que o fan na Maestranza Aérea da mesma cidade. A empresa murciana Ecomed débelles 11 mensualidades e elas están en folga indefinida desde o 29 de setembro, tras esgotar as vías de negociación.

Chámalle banco de alimentos ou unha conta corrente onde facer unha doazón, pero trátase do mesmo, dunha caixa na que todos meten un pouco para que poidan resistir os que están na loita

Toñi é delegada sindical por Comisións Obreiras e representa as súas compañeiras cando sentan a tentar resolver un conflito no que está implicado non só Ecomed senón tamén o Ministerio de Defensa. “Somos terreo de ninguén, non se responsabiliza de nós nin a empresa de limpeza nin Defensa, e somos moitas familias pasándoo moi mal”. Ao teléfono, a voz de Toñi soa resolta, viva, con forza pero tamén con emoción e, nalgún momento, crébase. Para as súas compañeiras, ela non é só a delegada. Polas tardes chámana por teléfono coa escusa de preguntarlle como van as cousas, se se sabe algo, pero necesítana tamén porque ela é a forte e escoita e dá ánimos e dilles que todo se arranxará.

“Despois de 20 anos traballando en Defensa criamos que alí tiñamos a nosa casa” lembra Antonia, que durante estas dúas décadas pasou por múltiples subrogacións de diferentes contratas, cada dous anos unha diferente, ata que Ecomed se fixo co concurso a finais de 2009, e comezou o desastre. “Ecomed ten triturada toda Andalucía e Murcia. Nós sabemos que Defensa está a pagar relixiosamente os nosos salarios a Ecomed pero a empresa desviou o diñeiro a outra cousa porque interpretou que nós somos como o seu banco particular. Saber que eles cobraron, pero ti non... non o entendo”. Neste non entender inclúese por que o Ministerio consente este traballar gratis de case 40 persoas limpando as súas instalacións, por que non pode pagarlles directamente, por que non adxudica o servizo a outra empresa solvente, por que non denuncia, por que non fai algo.

Neste non entender inclúese por que o Ministerio consente este traballar gratis de case 40 persoas limpando as súas instalacións, por que non pode pagarlles directamente, por que non adxudica o servizo a outra empresa solvente, por que non denuncia, por que non fai algo

“Hai traballadoras indignadas que pensan que Defensa podía facer máis. Eu aí xa non entendo. Pero posiblemente. Non vou entrar. Cando tivemos que ir atendéronnos ben". Toñi é comedida e rompe unha lanza polo coronel responsable de contratación, quen, cando comezaron os atrasos, collía o teléfono diante dela e chamaba á empresa para ver que pasaba e uns días despois cobraban, “pero chegou un momento no que xa non podían facer nada”. Toñi leva tempo esperando unha reunión, que non chega nunca, con este responsable. “Eu son unha triste delegada que sei de limpeza pero cando chega a mesa de negociación estes van cos seus gabinetes xurídicos e eu co sindicato”.

 

Aqueles tempos pomposos

Desde esa terra de ninguén, desde ese lugar frío e difícil que é a folga indefinida, desde as súas casas, desde a rúa, desde as súas contas bancarias rotas, a gratitude máis incondicional de Toñi é para o sindicato: “algunhas estabamos máis fortes de diñeiro pero outras non e ás que non empezámolas a axudar discretamente, sen que o resto se decatase, porque nisto hai quen o entende e quen non. Pero cando as que si podiamos axudar se nos empezou a facer costa arriba e xa tampouco podiamos afrontar nin iso, o sindicato axudounos e abriu unha conta solidaria”. Remedios, Maribel, Gloria, Merce... Toñi nomea ás súas compañeiras de Actividades Diversas en Comisións Obreiras de Albacete. “É a única cousa -asegura Toñi- que nos queda aos traballadores cando non temos nin forza nin vontade. Se non fóra por eles, máis dun e dous dixeron que quitaban a vida, que xa non podían máis, e eles puxeron diñeiro do seu peto particular. Para nós é máis que un sindicato, é apoio, é bágoas, son persoas que estiveron ás once da noite animando unha persoa cando as súas palabras eran tan fortes como tirarse pola xanela ou non ter nada que perder”.

“Porque eu teño os meus fillos pero hai persoas separadas e persoas que non teñen recursos e non poden vivir sen eses 700 euros. Entón botan man de veciños e de amizades”

Toñi vive co seu marido. Tiveron dous fillos, que xa se independizaron. Unha filla avogada e un fillo mecánico de tractores. Ambos teñen traballo. O seu marido cobra unha prestación por invalidez de 400 euros. O salario base de Antonia é de 600 euros que grazas a complementos como a antigüidade chega até os 780, en once mensualidades. Cando terminaron de pagar os estudos da súa filla, o matrimonio decidiu meterse nunha hipoteca. “Concedéronma cando estaba pomposa, pero o meu marido pasou de gañar 1.500 euros a 400 e agora a min non me pagan e teño que facer fronte a unha hipoteca de 550 euros e pagar a luz e o gas e a comida. Empezas tirando dos aforros e logo segues cos teus recordos e vendes o de ouro que tes e así vas tirando...”.

Antonia emociónase e advírteme que o que me conta non é só a súa historia, que fala tamén en nome das súas compañeiras e moitas delas están bastante peor que ela. “Porque eu teño os meus fillos pero hai persoas separadas e persoas que non teñen recursos e non poden vivir sen eses 700 euros. Entón botan man de veciños e de amizades”. A casa de Toñi e do seu marido está a 13 graos porque non pon a calefacción para que non se dispare o recibo do gas, que non sabe se poderá pagar, e prefire reservar o pouco gasto que faga para cociñar “pero non un cocido que dura cinco horas, senón o que é ferver unha auga rápida para facer unha sopa”. E aníñase no sofá cunha manta e a televisión apagada para gastar pouca luz.

Para Toñi, isto que lle está pasando é “como un mazazo”. En tres meses, moitas familias como a súa pasaron de estar acomodadas a estar necesitadas. “Foi como pechar os ollos e ao abrilos atoparte noutra posguerra, como 20 anos atrás”. Ela lembra que o seu pai era capaz de traballar dúas horas máis ao día ao terminar a xornada para que os seus fillos puidesen calzar, que cargaba a súa bicicleta de leña en pleno verán para acumular para o inverno, mentres os demais rían, pero logo chegaba o inverno e os outros ían buscar madeira cando xa non quedaba nada. “Os meus pais eran os que me axudaban pero na xente da miña idade son os fillos os que están a axudar aos pais. Veñen os teus fillos a abrirche a neveira a ver se necesitas algo, ou lévanche enganada á barbería porque se non ti non vas, e iso féreche porque sempre os coidaches ti e estás afeita a iso”.

 

Non hai rescate para o desgraciado

Por estas datas, o ano pasado, Toñi sairía á rúa pasear e ver os comercios, facer compras para Nadal. Agora non o fai e non quere saír. Non quere ver os escaparates cheos de cousas que non pode comprar

Por estas datas, o ano pasado, Toñi sairía á rúa pasear e ver os comercios, facer compras para Nadal. Agora non o fai e non quere saír. Non quere ver os escaparates cheos de cousas que non pode comprar. “É o pan de cada día en múltiples casas de toda España, medorentos de que soe o teléfono por se é alguén que che reclama algo, ou que veña o carteiro cun certificado dunha falta de pagamento. Antes os bancos, cando ingresabamos nóminas, se viña un recibo e non había cartos eles asumían eses 20 ou 30 euros. Pero agora cando non hai diñeiro e pasan a luz ou o gas, cóbranme 16 ou 20 euros de intereses que teño que pagar eu, e a min quen me vai a devolver eses intereses?, esa é a xustiza que hai? Está a axudarse ao que máis ten, están a defender a quen están quedando co diñeiro, a eles si se lles rescata, e ao desgraciado de turno como eu, quitámoslle a casa”.

"Está a axudarse ao que máis ten, están a defender a quen están quedando co diñeiro, a eles si se lles rescata, e ao desgraciado de turno como eu, quitámoslle a casa”

A Base Aérea de Los Llanos é un lugar moi grande, case unha vila, con cociñas e botiquín, que require, como calquera outro lugar, de limpeza. Toñi cre que, desde que están en folga, é a tropa quen limpa as instalacións. “Na base alardeábase do bo equipo de limpeza e agora somos como pecado, non se fala de nós. Se hai 1.200 persoas alí, pois non recibín ningunha chamada nin vin a ningún en manifestacións. E falo do persoal civil porque eu entendo que os soldados hai moitas cousas que non poden facer debido á disciplina militar pero os civís si, e hai dous días chamabámonos compañeiros e nós estivemos cando se manifestaron outros funcionarios”, lembra Toñi con amargura. A elas chámanas “persoal non produtivo”, pero se non hai limpeza non hai condicións para producir, replica Antonia, “necesarias si, pero produtivas non”.

As traballadoras de Ecomed reclamándolle á empresa o que lles adebeda © CC.OO.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.