Pais, nais, estudantes, profesorado... protestan esta semana contra a nova reforma do ensino que o Partido Popular pretende levar a cabo e que conta con escaso apoio da comunidade educativa. Para acabar de empeorar a situación o ministro Wert botoulle gasolina a este lume coas súas declaracións sobre a necesidade de "españolizar" os nenos cataláns ou coas súas desaforadas críticas ás mobilizacións convocadas.
Porque esta vai ser unha semana de protestas no ensino. Os alumnos e alumnas xa comezaron este martes. O Sindicato de Estudantes convocou unha folga de 72 horas, de martes a xoves, que vén continuar as mobilizacións iniciadas a pasada semana. A folga terá as súas xornadas claves este mércores, cando están convocadas manifestacións que contan tamén do apoio da Liga Estudantil Galega e Galiza Nova. A Liga denuncia que "os gobernos galego e español seguen os ditados das políticas neoliberais e afogan día tras día a quen non creou esta crise, as clases populares, que ven reducidos de xeito sistemático os seus dereitos. E é a educación un dos eidos que os especuladores sinalaron para o seu total e progresivo desmantelamento". Por Galiza Nova Iria Aboi afirma que “esta non é só una mobilización contra os recortes do PP no ensino galego senón que tamén nos mobilizamos contra a reforma educativa prevista polo goberno Rajoy”, que cualificou de "aberración pedagóxica".
As manifestacións deste mércores comezarán ás doce do mediodía en Ferrol (Edificio da Xunta), A Coruña (Praza da Palloza), Santiago (Praza do Toural), Vigo (Praza América) e Lugo (Avenida Ramón Ferreiro). A Asemblea en defensa do Ensino Público da Barbanza convoca concentracións o mércores ás 19 horas en Ribeira (Praza do Concello) e Rianxo (IES Félix Muriel).
CONFAPA chama a "deixar baleiros todos os centros educativos para defender os dereitos dos nosos nenos e as nosas nenas"
O xoves serán os pais e nais os e as protagonistas. Despois de anos nos que o peso das mobilizacións polo ensino recaeu en estudantes e mestres, as familias asumen a súa parte de responsabilidade e as asociacións de pais e nais fixeron un chamamento a non levar os fillos e fillas á clase este dia. A iniciativa parte de CEAPA e foi ratificada pola CONFAPA (Confederación Galega de ANPAs de Centros Públicos). A entidade considera que "a gravísima situación actual demanda unha resposta contundente do alumnado e as súas familias" e denuncia "un ataque sen precedentes aos dereitos do alumnado e das familias, con salvaxes recortes na educación pública". CONFAPA chama a "deixar baleiros todos os centros educativos para defender os dereitos dos nosos nenos e as nosas nenas".
As asociacións de pais e nais demanda "o cese fulminante do Ministro Wert e de todo o seu equipo" e a retirada "inmediata" do "inaceptable" anteproxecto de reforma da LOE
As asociacións de pais e nais demanda "o cese fulminante do Ministro Wert e de todo o seu equipo" e a retirada "inmediata" do "inaceptable" anteproxecto de reforma da LOE. Tamén piden "a paralización inmediata de todas as medidas de recorte e desmantelamento do ensino público" e a "apertura, cun novo equipo ministerial, dun proceso real de diálogo cos diferentes sectores da Comunidade Educativa".
"Unha reforma ideolóxica"
A Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia denuncia que o proxecto "supón un retroceso a un modelo escolar trasnoitado que promove a segregación social e nega o principio de igualdade de oportunidades no ensino obrigatorio"
Tamén se manifestou con rotundidade en contra da reforma do ensino a Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia. Denuncia que o proxecto "supón un retroceso a un modelo escolar trasnoitado que promove a segregación social e nega o principio de igualdade de oportunidades no ensino obrigatorio". E acúsao de non ser "unha reforma propiamente educativa senón ideolóxica, que pretende cambiar o actual paradigma e acabar con todos os avances acadados nos últimos trinta anos no ámbito educativo".
A Plataforma alerta de que o sistema educativo se transforma "nunha carreira de obstáculos para o alumnado que desde idades moi temperás comeza a ser etiquetado e clasificado sendo dirixido por itinerarios que teñen moi poucas ou case ningunha posibilidade de marcha atrás, o que vai a facilitar a expulsión do sistema educativo do alumnado mais desfavorecido e con mais dificultades". De igual xeito advirte de que a reforma constitúe "un gran retroceso histórico no desenvolvemento da Formación Profesional que xerará unha involución no proceso de recoñecemento social destas ensinanzas e, xa que logo, unha depreciación en todas as súas etapas".
Conclúe que "o mais estarrecedor" é o seu carácter "mercantilista e anti-educativo" que "antepón ás necesidades do mercado o feito de educar a cidadáns tratando ao alumnado como mera mercadoría"
O comunicado da Plataforma tamén cualifica a reforma de "sexista" ao dar "amparo legal aos concertos para os centros que segregan o alumnado por sexos a pesar das recentes sentenzas do Tribunal Supremo en sentido contrario". E alerta do seu carácter "privatizador" por abrir as portas aos concertos na Formación Profesional Básica e as ensinanzas postobrigatorias. Tamén se considera "centralizador" ao recortar "as competencias das comunidades autónomas, para evitar en palabras do propio ministro a aparición de contidos de carácter identitario". A Plataforma conclúe que "o mais estarrecedor" é o seu carácter "mercantilista e anti-educativo" que "antepón ás necesidades do mercado o feito de educar a cidadáns tratando ao alumnado como mera mercadoría".
En consecuencia pide que este anteproxecto de lei sexa sometido a un debate democrático "serio e rigoroso", que debe contar coa participación dos profesionais do ensino e de toda a comunidade educativa..