Xermán Labrador: Transición, contracultura e os fíos invisibles da historia

Charla de Xermán Labrador © www.eacc.es

"A historia habítanos, mesmo sen darnos conta. Hai un diálogo co pasado con elementos conscientes e elementos inconscientes. A xente non sabe de onde veñen esas voces do pasado, pero esas voces do pasado falan de loitas e de experiencias colectivas que nos constitúen". Xermán Labrador (Vigo, 1980) é profesor asistente na Universidade de Princeton; nas súas investigacións afonda no papel dos movementos sociais e da cultura na construción da memoria das sociedades. É, sobre todo, un estudoso da contracultura e da cultura underground dos anos setenta e oitenta en España, mais -lonxe dunha intención museificadora- procura sempre achar as conexións, os fíos invisibles que chegan ata o presente, ata os movementos sociais e políticos actuais e as representacións culturais contemporáneas. Labrador ofreceu este xoves unha conferencia no Foro CEA, organizado pola USC e o grupo Histagra, baixo o título Culpables por la literatura. Transición, democracia, contracultura y memoria. 

"Xa dende finais dos sesenta, a hexemonía cultural non é do Franquismo, é da seguinte xeración. Niso que chamamos cultura estaba a enerxía social. Aí están os proxectos dun mundo novo, toda unha redefinición do que é vivir xuntos, da vida en común"

No 2014 entrevistámolo en Praza, nunha conversa na que reclamaba a necesidade dunha maior pluralidade de relatos sobre o noso pasado inmediato: "Que haxa unha pluralidade de formas de contar o pasado, que se demostre a riqueza democrática na pluralidade de discursos sobre o pasado. Aí xogámonos unha parte da saúde da democracia". Denunciaba que no proceso de Transición "a cidadanía foi expulsada do proceso porque tiñan medo de que se producise algún tipo de cambio profundo na estrutura da propiedade", ficando o propio proceso político e o seu relato dominados por unha serie de elites políticas e procesos institucionais.

 

Da cultura á contracultura

Iso tamén sucedeu na cultura, que tivo un papel fulcral no proceso de democratización: “O Franquismo, mesmo estando operativo, mesmo cando aínda podía matar, xa non tiña a hexemonía cultural. Xa dende finais dos sesenta, a hexemonía cultural non é do Franquismo, é da seguinte xeración. Niso que chamamos cultura estaba a enerxía social. Aí están os proxectos dun mundo novo, toda unha redefinición do que é vivir xuntos, da vida en común. Aínda se mantén unha utopía de xuntar política e cultura: anticipar a transformación da sociedade nos procesos de transformación cultural”, di Labrador. "Atopamos dúas ou tres xeracións nas que toda a súa actividade parte da enerxía xerada neses anos nesa esfera cultural", engade.

Unha (contra)cultura que tamén foi institucionalizada e cooptada a partir dos primeiros anos da década dos oitenta. "A cultura ponse ao servizo da normalización das institucións democráticas, e case sempre acomodándose a un gusto estético máis convencional. Nos oitenta crece a cultura vinculada ás institucións públicas, dentro do proxecto cultural do PSOE triunfante no 82. Nesa época víase como algo normal, do mesmo xeito que as asociacións de veciños se tiñan que disolver nos concellos democráticos unha vez que os partidos de esquerda se fixeran co poder local".

"Trátase dunha decantación dunha lóxica cultural, comezando pola separación do ámbito da cultura e o da política, que durante toda a segunda metade dos setenta sempre ían xuntos"

A consecuencia foi que só uns anos despois "quen non está a producir cultura dende unha institución, xa non vai ter o recoñecemento, a autoridade, o público e a capacidade de comunicar. As cousas xa pasan noutros sitios", explica. "Pódese facer cultura, pero a xente tamén ten que comer. E as posibilidade de facer cultura autónoma a partir do ano 1981 están moi dificultadas. Non se trata dunha conspiración no ámbito da cultura, senón dunha decantación dunha lóxica cultural, comezando pola separación do ámbito da cultura e o da política, que durante toda a segunda metade dos setenta sempre ían xuntos", di. 

A cultura dominante "articulábase sobre a necesidade da normalidade permanente, é dicir, sobre o medo á anormalidade"

Houbo quen non entrou nos circuítos -dende Basilio Martín Patino a Rafael Chirbes- ficando invisibilizados durante anos. Houbo quen acabou peor. "Entre a xente que continuou facendo cultura autónoma nos oitenta houbo tamén moitos que acabaron mal, perderon mesmo a capacidade de seren entendidos, perdéronse nos seus paraísos artificiais e en moitos casos deixaron de escribir. Decote aqueles que ocupaban as posicións de avanzada viraron en pouco tempo na figura do tolo, do borracho ou do ionqui", sinala. A cultura dominante asentábase nuns canons moi determinados, sobre a equiparación dunhas determinadas formas culturais dominantes e sobre unha certa idea do progreso material dunha España en crecemento e "articulábase sobre a necesidade da normalidade permanente, é dicir, sobre o medo á anormalidade", explica Labrador.

 

Fíos tecidos entre xeracións

Nas súas investigacións Labrador afonda tamén nas relacións interxeracionais tecidas a través dos movementos sociais e da cultura. Tanto nas fendas que se producen (coma a que deu entre a xeración que viviu a Transición e a inmediatamente posterior) coma nos encontros que se deron, antes ("as asociacións de veciños, os ateneos ou mesmo o mundo quinqui son espazos de socialización interxeracións") e agora ("o 15M, as PAH, mareas..., teñen espazos completamente interxeracionais, como tamén sucedía nos setenta"). 

"A historia habítanos, mesmo sen darnos conta. Hai un diálogo co pasado con elementos conscientes e elementos inconscientes. A xente non sabe de onde veñen esas voces do pasado que falan de loitas e de experiencias colectivas que nos constitúen"

E incide decote nas relacións que se tecen entre distintas épocas, conscientes ou inconscientes: "A historia habítanos, mesmo sen darnos conta. Hai un diálogo co pasado con elementos conscientes e elementos inconscientes. A xente non sabe de onde veñen esas voces do pasado, pero esas voces do pasado falan de loitas e de experiencias colectivas que nos constitúen". "No 15M vese como se atopa xente que antes non se coñecía entre si, vese como hai pais e fillos que por fin se entenden, como a loita política foi capaz de transmitir esa memoria cultural", di. "As cousas non nacen hoxe, teñen un tempo, queiras ou non estás habitado historicamente. O paradoxal da cultura actual é que se pensa a si mesma como iniciática, como auroral, e canto máis adánica se reclama, máis reproduce as formas que historicamente a constituíron", salienta.

Unha relación cultural e simbólica que tamén ten unha base material: "Eu defino o paso dos setenta aos oitenta como un paso do común ao público. Nos noventa hai un paso do público ao privado, e a finais dos 2000, cando o privado queda co público, a xente di: 'pero isto non era público? Pois daquela que regrese ao común'". "Os loitadores veciñais que nos setenta lograron a construción de centros de saúde ou escolas nos seus barrios, están a ver na súa vellez a destrución do máis grande que fixeron como xeración", conclúe.

 

Charla de Xermán Labrador © www.eacc.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.