Xinzo maniféstase de novo contra a mina de feldespato

Concentración en Xinzo contra a mina © Plataforma Veciñal Corno do Monte

Un mes despois da marcha que o 27 de marzo percorreu as rúas de Xinzo contra o proxecto mineiro para a extracción a ceo aberto de feldespato, este sábado unha nova manifestación volverá reunir a persoas de toda a comarca. Está convocada pola Plataforma Veciñal Corno do Monte, que xa anunciara que haberia concentracións cidadás no mesmo lugar en todas as feiras do 27, até que a Xunta entendese “que non se nos pode quitar o que é noso, que non se poden tomar decisións en contra do bo xuízo, nin se poden tomar decisións en contra dos intereses da Limia e finalmente non se debería escoller unha mina en contra das persoas que vivimos e traballamos aquí”. Ao remate da manifestación lerase un pequeno manifesto e darase conta da reunión que mantivo a Plataforma Veciñal Corno do Monte coa subdirectora xeral de Minas.

A Plataforma Veciñal colgou na súa web un informe sobre a oposición ao proxecto, no que se describe a zona afectada, quen promove o proxecto, experiencias anteriores na Limia, os contidos das alegacións presentadas, o impacto ambiental que supón, os riscos sobre a saúde humana e o gran impacto socioeconómico que conleva.

A marcha está apoiada pola plataforma ContraMINAcción, que reúne todos os colectivos que loitan contra os múltiples proxectos mineiros que ameazan distintos puntos de Galicia. ContraMINAcción anuncia o seu "total respaldo ás reivindicacións da veciñanza ameazada das parroquias de Seoane de Oleiros, Fiestras, Laroá, San Pedro de Laroá, Rebordechá, Paredes, Moreiras e Faramontaos" e denuncia "a explotación destrutora de centos de hectáreas afectadas, explotación que faría imposible o traballo agrícola das terras afectadas -que se atopan entre as máis fértiles de Galiza e constitúen o principal motor socioeconómico da zona-, contaminaría as augas e o aire, secaría os pozos e hipotecaría para sempre o medio e xeito de vida dos e das habitantes destas parroquias".

Dende hai meses a comarca da Limia vén posicionándose maioritariamente en contra dun proxecto mineiro que afecta máis de 400 hectáreas de terras agrarias nestes lugares. Nestas parroquias téñense investido millóns de euros do erario público en concentracións parcelarias e diversas infraestruturas para potenciar o uso agrícola do solo, un dos máis ricos e fértiles da bisbarra, como melloras de vías de comunicación ou regadío. Do mesmo xeito, as familias que traballan estas terras tamén teñen feito investimentos millonarios para poder facer posible unhas producións agrarias que esixen un alto grao de mecanización.

Concentración en Xinzo contra a mina © Plataforma veciñal Corno do Monte
Concentración en Xinzo contra a mina © Plataforma Veciñal Corno do Monte

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.