Xosé Hermida reivindica en Ferrol o xornalismo de proximidade

Xosé Hermida, con membros da corporación municipal ferrolá Dominio Público Concello de Ferrol

Xosé Hermida recollerá esta noite en Ferrol o XIII Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Antes, esta mesma mañá, foi recibido oficialmente no Concello da cidade naval, onde ofreceu unha rolda de prensa e asinou no libro de honra, nun acto no que participaron representantes de todos os grupo políticos.

"Non é mellor un xornalista que cobre a Trump que un que cobre información local, todo o xornalismo é importante"

Hermida quixo compartir o galardón co conxunto dos xornalistas galegos e especialmente con aqueles que traballan en Ferrol e fixo unha reivindicación do xornalismo de proximidade, afirmando que "non é mellor un xornalista que cobre a Trump que un que cobre información local, todo o xornalismo é importante". Ademais, asegurou (como xa fixera na conversa que mantivo con Praza a pasada semana) que non concibe "un premio que poida facer a un sentirse mais honrado que un concedido polos compañeiros".

Ademais, o xornalista sumouse á reclamación de respostas aos interrogantes que aínda presenta o asasinato en Irak de José Couso. Hermida afirmou que a reforma da Lei de Xustiza Universal "significa unha indefensión, non só para os xornalistas que traballan fóra senón tamén para calquera cidadán que vaia ao estranxeiro". Alén diso, lamentou que "a xente que está a cubrir a información bélica agora mesmo é freelance, polo que nin sequera teñen a cobertura dos grandes medios". En conversa con Praza Hermida destacara sobre o cámara galego que se trataba "dun tipo que non era un xornalista famoso, unha grande estrela, era simplemente un informador a pé de obra que morreu non porque perseguise grandes honores senón porque estaba facendo o seu traballo para que todos nós puidésemos saber o que naquel momento acontecía no Bagdad tomado polo Exército dos EE.UU.". 

A presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz Sixto, aproveitou a ocasión para lembrar que "catorce anos despois seguimos esperando a resolución do caso Couso"

No acto desta mañá a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz Sixto, aproveitou a ocasión para lembrar que "catorce anos despois seguimos esperando a resolución do caso Couso". Pola súa banda, Francisco X. González Sarria, decano do CPXG, felicitou tamén ao premiado, do que destacou que "é o primeiro xornalista galego premiado que desenvolveu a sua carreira en Galicia". Finalmente, o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, sumouse ás felicitacións a Hermida polo premio e "por desenvolver dende abaixo, día a día, o seu labor".

Ás 19 horas vai realizarse a tradicional ofrenda floral na estatua Ás Ceibes de Manuel Patinha, situada no Cantón de Molíns, onde a xornalista Valeria Pereiras lerá o texto Militar no xornalismo en nome do Colexio de Xornalistas. A partir das 20 horas da tarde, o Teatro Jofre acollerá o acto de entrega do galardón, conducido pola xornalista Lorena Bustabad. No acto, vai darse lectura a un texto, redactado polo xornalista Nicolás Vidal, no que se salienta que "non hai profesión máis gratificante e fermosa que o xornalismo, unha das máis humanistas nun tempo no que as máquinas van deixármonos a todos sen traballo, unha das máis éticas cando logra peneirar dos feitos a propaganda ou o exclusivo interese mercantil".

 

Xosé Hermida, con membros da corporación municipal ferrolá Dominio Público Concello de Ferrol
Hermida, asinando no libro de honra do Concello de Ferrol Dominio Público Concello de Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.