A aposta de May para arrasar no Reino Unido déixaa sen absoluta e dá un gran ascenso a Corbyn

Papeletas das eleccións británicas deste 8 de xuño Dominio Público Leicester City Council

A finais do pasado maio, coas eleccións xa convocadas, Theresa May amosábase convencida de que na súa estrea como candidata do Partido Conservador ía arrasar nas eleccións deste 8 de xuño. Tanto que deixou por escrito unha arriscada sentenza: no caso de perder apenas seis escanos no Parlamento de Westminster estaría ante unha derrota e o encargado de "sentar a negociar" a saída da Unión Europea sería o laborista Jeremy Corbyn, cunha precaria situación interna que semellaba abocalo a un duro golpe das urnas. Pero o veredito electoral foi ben distinto: May sobe uns 5 puntos sobre o resultado de David Cameron, pero perde unha ducia de escanos e a mais a maioría absoluta e quedará, no caso de lograr ficar no poder, nas mans dos unionistas irlandeses

A euforia, por veces soberbia, coa que os conservadores iniciaron unha carreira que May chegou a liderar por máis de 20 puntos, segundo as sondaxes, virou durante o longo reconto en incredulidade e rexurdimento dos rancores internos e mais das voces internas contrarias ao Brexit. Simplemente non o crían. E a primeira ministra, tras confirmar o seu propio escano, pronunciou un melancólico discurso que soa a coñecido en Galicia. Cómpre a "estabilidade" que, afirmou, achega o seu partido. Pero nin sequera foi quen de garantir se o Goberno británico a terá a ela á fronte de agora en diante.

A suxestión sobre o futuro de May chegou de mans de Corbyn, co seu ascenso dunha trintena de escanos e case 10 puntos baixo o brazo. Tras lograr o mellor resultado en votos para o seu partido nos últimos 20 anos e ascender a niveis de apoio cidadáns inéditos dende os bos tempos de Blair, o candidato laborista volveu pedir a dimisión da primeira ministra, a mesma que xa reclamara en campaña mentres denunciaba os seus recortes sociais, pero tamén as súas estreitas relaciósn con Arabia Saudita mentres proclamaba a necesidade de restrinxir a lexislación de defensa dos dereitos humanos en aras da seguridade fronte ao terrorismo. "A primeira ministra convocou estas eleccións para reforzar o seu mandato, pero estes resultados deberían ser dabondo para que marche; a política mudou, xa non volverá ser a mesma", dixo Corbyn.

Corbyn: "A primeira ministra convocou estas eleccións para reforzar o seu mandato, pero este resultado debería ser dabondo para que marche"

O líder laborista é, malia quedar segundo, o gran triunfador dunha noite tamén amarga para o Partido Nacional Escocés, que malia manter a primacía no seu territorio caeu unha vintena de escanos, ata 35. Este retroceso ten puntos simbólicos que impactan especialmente no movemento a prol dun segundo referendo de autodeterminación, como a perda do escano do antigo primeiro ministro, Alex Salmond. Os conservadores medran en terreo escocés e Nicola Sturgeon tendeu a man a Corbyn durante a noite para botar a May, no caso de que os números o permitisen. Así e todo, o SNP segue a sumar máis escanos en Escocia que todas as demais formacións, que sumadas quedan en 24.

No resto do novo Parlamento británico os Liberal-Demócratas collen folgos tras a caída de 2015 e suman 3 escanos, ata chegar aos 12, pero xa advertiron durante o reconto de que non repetirán coalición cos conservadores tras a dura erosión sufrida durante a alianza con Cameron. Non se coaligarán tampouco con Corbyn, advertiron quen fixeron bandeira en campaña dun novo referendo sobre o Brexit. A súa situación é moito mellor que a do ultra Ukip, o gran perdedor, sen representación parlamentaria.

EN AMPLIACIÓN

 

May, durante a xornada electoral Dominio Público Conservatives
Jeremy Corbyn, líder laborista, durante a campaña Dominio Público Labour Party

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.