A Coordinadora Galega pola Paz convoca concentracións o día 10 contra o ataque a Siria

Dominio Público Praza Pública

Coordinadora Galega pola Paz celebrou este luns unha asemblea en Compostela co obxectivo de organizar unha resposta ao probable ataque que Estados Unidos e os seus aliados (Francia, Arabia Saudí...) dirixirán contra Siria, posiblemente a semana que vén, unha vez que Barack Obama obteña a autorización do Congreso norteamericano.

Na asemblea decidiuse elaborar un manifesto, que será remitido ás entidades presentes na reunión e ó resto das organizacións da coordinadora para a súa modificación e aprobación este mesmo martes. Este manifesto será lido publicamente o vindeiro xoves día 5, ás 12 horas, diante do Consulado norteamericano na Coruña.

No caso de producirse finalmente o ataque militar, celebraranse novas concentracións, de novo ás 20:30 horas, e nos mesmos lugares da primeira convocatoria

De igual xeito, a Coordinadora convocará concentracións unitarias o vindeiro martes día 10, ás 20:30 horas, en todas as cidades galegas. Os actos de protesta terán lugar diante dos concellos, agás en Vigo, que se celebrará diante do consulado francés e na Coruña, que será diante do consulado norteamericano. No caso de producirse finalmente o ataque militar, celebraranse novas concentracións, de novo ás 20:30 horas, e nos mesmos lugares da primeira convocatoria.

Por último, as organizacións da Coordinadora Galega pola Paz acordaron apoiar unha iniciativa que solicita a retirada do Premio Nobel da Paz a Barack Obama e que xa está en marcha na rede a través de Change.org.

Por outra banda, este luns houbo concentracións de protesta na Coruña, Compostela e Pontevedra ante a posibilidade do ataque e en solidariedade co pobo sirio, convocadas por unha ducia de colectivos. Este martes convoca un novo actos en Ourense, o mércores en Lugo, e o xoves en Vigo.

Concentración celebrada este luns en Compostela, convocada por Mar de Lumes © Mar de Lumes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.