A Escola, un espazo de vida digna para os refuxiados en Atenas

CC-BY-SA Praza Pública

O sol estampina no barrio de Exarchia en Atenas. Con 40 graos de temperatura á sombra, só algunhas valentes se atreven a transitar as rúa do centro axudándose de cafés con xeo e facendo uso dos escasas sombras que atopan. Comézanse a escoitar cánticos, unha guitarra flamenca e cativas e cativos xogando. Todo indica que chegamos á Escola, unha squat onde residen arredor de 400 refuxiadas e na que colabora o colectivo VoluntArt.

Unha antiga escola abandonada foi ocupada por activistas par acoller refuxiadas; ofrece aloxamento e unha posibilidade de vida digna

O espazo é unha antiga escola abandonada que hai algo máis de dous meses decidiron ocupar activistas de diferentes nacionalidades para acoller a persoas refuxiadas. Hoxe, coas súas dificultades, ofrece non só unha solución habitacional, senón unha posibilidade real para desenvolver unha vida digna a todas esas persoas que, tras fuxir de guerras e persecucións, se atopan bloqueadas en Grecia de maneira indefinida até que se resolvan as súas peticións de asilo na Unión Europea.

Na entrada, un patio exterior semicuberto repleto de vida. As persoas maiores loitan contra o aburrimento diario propio dunha situación que condena á desesperación, falando en grupos pequenos sobre a incerta e inestable realidade que están a vivir, mais tamén do futuro. As máis cativas corren e xogan polo recinto axudados por decenas de voluntarias que preparan e organizan diariamente numerosas actividades para garantirlles unha certa estabilidade e realización dentro dun caos constante. As mozas e mozos non paran. Tanto se xuntan para falar da vida como aprenden a tocar a guitarra, asisten a clases de inglés ou xogan un partido ao fútbol. Son conscientes de que nelas está o futuro máis inmediato da súa xente, así que tentan formarse e adaptarse a unha nova realidade para estar preparadas cando chegue o momento de por rumbo ao seu país de acollida.

O colectivo español VoluntArt converteu en dous meses un espazo abandonado e ruinoso nun recuncho autoxestionado de esperanza

O colectivo VoluntArt, conformado por activistas de diferentes puntos do Estado español axúdalles diariamente en todas as súas necesidades. Aínda que o proxecto naceu coa idea de desenvolver actividades de arteterapia entre as refuxiadas en diversos campamentos ou squats, unha vez en terreo déronse conta de que estas persoas non tiñan nin as necesidades básicas cubertas e decidiron ampliar súas accións. Sorprende a xuventude das voluntarias, que na súa maioría están iniciando a vintena, e a súa gran capacidade organizativa. En menos de dous meses converteron un espazo abandonado e ruinoso en todo un recanto autoxestionado de vida digna e esperanza. O segredo: traballo duro e  esforzo diario.  

A escola aínda non está funcionando a pleno rendemento debido á falta de recursos materiais e humanos. Aínda que a maior parte dos espazos comúns como a escola ou o espazo de xuntas, situados no primeiro andar do edificio, están practicamente arranxados e habilitados para desenvolver actividades, as aulas convertidas hoxe en habitacións, sofren certo deterioro segundo afirman as activistas. “Non todo é perfecto. Queda moito traballo que facer. Hai que mellorar as instalacións e involucrar mais as refuxiadas na autoxestión do espazo” asegura Iván, un voluntario catalán de 24 anos que traballa no proxecto.    

“Non todo é perfecto. Queda moito traballo que facer. Hai que mellorar as instalacións e involucrar mais as refuxiadas na autoxestión do espazo”  

 

Faltan recursos económicos

O principal problema son os recursos económicos. A squat é un proxecto autoxestionado e non conta con financiamento estatal. Nunha situación de emerxencia humanitaria, como é o caso, as doazóns e apoios económicos non son suficientes para situar a iniciativa nos estándares desexados. Segundo afirma Sofía, unha activista madrileña de 22 anos “nesta escola 400 persoas teñen que comer, vestirse e facer vida todos os días. Isto implica gastar unha cantidade de recursos económicos e materiais dos que nós non sempre dispoñemos por iso é tan importante a colaboración de todas”.

"400 persoas teñen que comer, vestirse e facer vida todos os días. Isto implica gastar unha cantidade de recursos económicos e materiais dos que nós non sempre dispoñemos"

Ao igual que noutras squats de Atenas, a escola sostense grazas ás doazóns de materiais ou alimentos e recursos económicos que se envían dende Grecia ou outros estados. Cando se colabora de maneira directa co colectivo VoluntArt, elas mesmas se encargan de distribuír as doazóns entre as habitantes da escola. Pola contra, cando teñen que acceder aos recursos a través dos grandes almacéns de material para as refuxiadas, deben pagar os custos de transporte deste, e non sempre contan con fondos para facelo.

Grecia vén de desaloxar varias 'squats' en Tesalónica e Atenas xa solicitou por carta a Tsipras que tomara medidas na capital

Paralelamente, todas as squats de Grecia están vivindo nos últimos tempos unha persecución por parte das autoridades, xa que pretenden pechalas alegando razóns de sanidade publica e hixiene. O Goberno grego vén de desaloxar varias squats na área de Tesalónica, e hai dúas semanas o alcalde de Atenas, Giorgos Kaminis, solicitou por carta ao presidente, Alexis Tsipras, que tomara medidas de carácter urxente para desaloxar os espazos ocupados. Pola contra, ás activistas de VoluntArt aseguran que as motivacións oficiais débense a unha estratexia política para eliminar todas as iniciativas que existen á marxe do Estado. Ademais cuestionan ditos argumentos asegurando que nos campos do goberno e do exército, a condición de vida das refuxiadas son moito peores, tanto a nivel de dereitos, seguridade, hixiene ou alimentación.

 
>> Para colaborar con este colectivo podes visitar o seu Facebook ou achegar doazóns no seu número de conta ES93 149100012921 8858 3625

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.