A "travesía pola vida" do Exército Zapatista prevé chegar esta fin de semana a Vigo

A delegación zapatista, nas Ilhas Açores © Enlace Zapatista

"O capitán Ludwig calcula avistar as costas da península Ibérica entre o 19 e o 20 de xuño [...]. Desa data en diante saudaranse as elevancións nas illas de San Martiño, Monte Faro e Monte Agudo. Logo entrarase na Ría de Vigo; prevese chegar á Marina Punta Lagoa, ao norte do porto de Vigo, Galicia, Estado Español". 

A delegación do Exército Zapatista prevé chegar esta fin de semana a Vigo

Así anuncia a delegación do Exército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN) que partiu a principios de maio da costa mexicana nun barco veleiro (La Montaña) en dirección a Europa que axiña chegará a Galicia. 

Entre o sábado e o domingo --"aínda que podería ser antes", aclaran-- chegarían a Vigo, primeira parada da Europa continental dunha xira que levará os zapatistas por unha vintena de países, dende Francia a Rusia, pasando por Suecia, Grecia, Italia ou Alemaña, onde serán recibidos por grupos anticapitalistas. 

A delegación, formada por sete zapatistas, ten previsto realizar unha xira por unha vintena de países

Vigo e Galicia serán a primeira parada tras a súa escala nas Açores. "Daquela, en silencio, chuvia irmá será a montaña nosa, húmida tornarase a nosa ollada, e así diremos sen palabras: desperta do teu sono, fogar de Breogán...", explica a delegación zapatista na web onde dan conta da súa travesía, reproducindo un fragmento do himno galego. 

A xira zapatista xoga co concepto de invasión ou de descuberta á inversa, 500 anos despois da realizada pola Coroa de Castela e, en xeral, polos europeos ao continente americano. Antes de embarcar en Isla Mujeres, a principios de maio, a delegación percorreu mil quilómetros polas selvas de Chiapas, no que foi o inicio dunha autodenominada "travesía pola vida" que ten "moito de desafío e nada de reproche".

“Iremos dicirlle ao pobo de España dúas cousas sinxelas. Un: 1ue non nos conquistaron; que seguimos en resistencia e rebeldía. Dous: 1ue non teñen por que pedir que lles perdoemos nada", sinalan os zapatistas nunha nota que afonda no enfrontamento que manteñen co presidente mexicano Andrés Manuel López Obrador, que esixiu que os pobos europeos que colonizaron o continente americano pidan perdón polo saqueo da conquista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.