As probas que EEUU di ter sobre o ataque con armas químicas

Áreas que sufriron o ataque químico e posicións dos dous bandos © http://www.guerraeterna.com/

O Goberno norteamericano presentou o venres o informe de intelixencia desclasificado coas probas que EEUU di ter sobre o ataque con armas químicas do 21 de agosto nos suburbios de Damasco. Afirma que nese ataque morreron 1.429 persoas, dos que 426 eran nenos. Os seus principais puntos:

  • O réxime sirio conta cun arsenal de armas químicas, que inclúe gas sarín, gas mostaza e VX, ademais de miles de proxectís cos que propagar estes produtos letais. Utilizou en 2012 en pequena escala eses proxectís en distintos ataques. O Exército levaba tempo tentando acabar en zonas próximas a Damasco con grupos de rebeldes que resistiran os ataques con armas convencionais.
  • Persoal militar especializado en armas químicas levaban varios días preparando o ataque. O informe afirma que os servizos de intelixencia norteamericanos tiveron tres días antes indicios serios de que se estaban producindo eses preparativos.
  • O réxime realizou un ataque de artillaría nas primeiras horas do día 21 desde zonas controladas polas súas forzas. “Información obtida vía satélite confirma que os ataques producidos desde unha zona controlada polo réxime alcanzaron os barrios que sufriron os ataques químicos, incluídos Kafr Batna, Jawbar, Ayn Tarma, Darayya, e Mu'ddamiyah. Detectouse o lanzamento de foguetes desde territorio controlado polo réxime á primeira hora da mañá, aproximadamente 90 minutos antes de que as primeiras informacións sobre un ataque químico aparecesen nas redes sociais”.
  • O ataque iniciouse ás 2.30 da mañá. Nas catro horas seguintes, apareceron miles de descricións nas redes sociais, que se referían a ataques en 12 localizacións diferentes da zona de Damasco. Tres hospitais acolleron uns 3.600 feridos con síntomas compatibles coas feridas sufridas nun ataque químico. A chegada masiva de feridos nun curto período de tempo, a orixe dos pacientes e a contaminación do persoal médico e de primeiros auxilios “coinciden coa exposición masiva a un gas nervioso”.
  • O informe ditamina que a oposición non ten capacidade para falsificar un número tan elevado de vídeos que mostren pacientes con síntomas que o persoal médico poida identificar como procedentes dun ataque químico.
  • O réxime sirio, di, conta no seu arsenal co tipo de municións que se cre que se utilizou o día 21, e ten a capacidade de atacar varios obxectivos en múltiples localizacións. O informe di que non hai probas de que os rebeldes realizasen antes un ataque coordinado de artillaría como o que se produciu ese día.
  • Os servizos de intelixencia din interceptar comunicacións dun alto cargo sirio que participaba na ofensiva que confirmou que se produciu o ataque e que estaba preocupado pola presenza en Damasco de inspectores da ONU. Afirman que na tarde do día 21 os equipos de armas químicas recibiron a orde de interromper as súas operacións. A partir dese momento, a artillaría levou a cabo durante 24 horas varios ataques contra as zonas que sufriran a agresión anterior cunha frecuencia de lume catro veces superior á producida no dez días anteriores. Os bombardeos non se suspenderon até o 26 de agosto.

Como adoita ocorrer con estes resumos desclasificados para a súa difusión, carece de probas materiais, por exemplo imaxes ou gravacións, e obrigan o lector a crelo sen posibilidade de verificar esas probas ou indicios

Até aí o informe. Trátase polo tanto dunha descrición detallada dos feitos que ocorreron ese día, tal e como a ven os servizos de intelixencia (aquí un resumo dos seus puntos fortes e débiles). Pero, como adoita ocorrer con estes resumos desclasificados para a súa difusión, carece de probas materiais, por exemplo imaxes ou gravacións, e obrigan o lector a crelo sen posibilidade de verificar esas probas ou indicios.

É a descrición xeral a que ten máis entidade. O ataque produciuse cun tipo de armamento co que conta o Exército sirio. Orixinouse en territorio controlado polo Goberno e impactou de forma coordinada e simultánea en varias zonas controladas polos rebeldes. Foi unha acción militar ao alcance das posibilidades materiais dun Exército, pero non dunhas forzas rebeldes que nunca realizaron un ataque de artillaría destas características, segundo o informe. Os feridos presentaban os síntomas habituais nun ataque con armas químicas e nos falecidos non se apreciaron feridas por armas de fogo e explosións.

Putin vén de cualificar de "absoluto disparate" as acusacións de EE UU a Siria

O informe non contén ningunha información sobre quen puido ordenar o ataque, máis aló de polo no contexto do intento continuado do Exército por acabar coas zonas de resistencia próximas á capital.

Mentres, Putin vén de cualificar de "absoluto disparate" as acusacións de EE UU a Siria. O presidente de Rusia insta a Washington a que presente ante o Consello de Seguridade da ONU as probas que manexa do suposto ataque químico.

Ban Ki-moon informou ao Consello de Seguridade de que o informe non estará listo antes de 10 ou 14 días

Este sábado, os últimos inspectores da ONU abandonarán Siria. Algúns xa o fixeron o venres. A ONU convocou unha rolda de prensa para o sábado ás 18.30, hora española. Ban Ki-moon informou ao Consello de Seguridade de que o informe non estará listo antes de 10 ou 14 días.

Áreas que sufriron o ataque químico e posicións dos dous bandos © http://www.guerraeterna.com/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.