Ataques terroristas coordinados causan o terror en París

Os arredores do Petit Cambodge, logo do atentado CC-BY-SA José Bautista / eldiario.es

Francia sufriu na noite do venres un atentado terrorista múltiple en forma de varios ataques coordinados en distintos puntos de París. O máis grave foi aconteceu na sala Bataclan, onde os asaltantes asasinaron con total frialdade unhas 90 persoas que asistían a un concerto de música. Os últimos datos achegados por fontes policiais indican que 129 persoas morreron e 352 resultaron feridas, das cales 99 están en "urxencia absoluta", segundo informou a axencia France Press. A Fiscalía tamén sinalou que foron polo menos cinco os terroristas mortos e os ataques foron reivindicados xa polo Estado Islámico. 

Os terroristas mataron con frialdade unhas 90 persoas que asistían a un concerto de música

O presidente francés, François Hollande, anunciou o peche de fronteiras (medida substituída logo polo restablecemento de controis fronteirizos en estradas e aeroportos), o inicio do estado de emerxencia e a mobilización do Exército tras os atentados. Pouco despois, vehículos militares apareceron nas rúas de París para colaborar coa Policía nun despregamento de 1.500 efectivos. Cando non se sabía con exactitude cantos lugares foran atacados, o Concello pediu aos habitantes que non saísen ás rúas, un exemplo de que as autoridades non sabían se se podían producir novos ataques.

Na súa declaración televisada, Hollande nin tan sequera descartou que puidese haber máis ataques nas próximas horas, e insistiu en que non pararán até castigar aos responsables. O Goberno francés tamén se reuniu de forma extraordinaria. Hollande cancelou a súa viaxe a Turquía para asistir ao cume do G20 e presidirá este sábado unha reunión do Consello de Seguridade.

A policía asaltou a sala Bataclan cando varios testemuños, incluídos os das persoas que puideran escapar nos primeiros momentos, confirmaban que os terroristas non pretendían coller reféns, senón que simplemente estaban a disparar de forma indiscriminada contra os asistentes ao concerto. No asalto, os axentes abateron a tres dos agresores, o que permitiu iniciar o rescate dos feridos e a evacuación dos cadáveres.

Mataban os reféns "un a un"

Un dos reféns que escapou da sala contou a CNN que os terroristas estaban "a executar" en silencio a todas as persoas que atopaban. France 24 informou dun texto publicado en Facebook por unha persoa que estaba dentro, gravemente ferido, e que estaban a matar os reféns "un a un".

Un xornalista de Europa 1 estaba na sala Bataclan cando comezou o ataque. Creu ver dous ou tres homes, ningún deles coa cara tapada, disparando á multitude con fusís kalashnikov. Non deixaron de disparar en ningún momento durante máis de dez minutos. Cando esgotaban a munición, recargaban sen mostrar ningunha urxencia e seguían disparando. O xornalista resultou ferido pero logrou escapar.

Outra persoa, que estaba en Bataclan, contou a France Info: "En metade do concerto, xente armada entrou. Estiveron pegando tiros con armas automáticas. Eran 3 pu 4 persoas. Corrín e saín da sala".

As inmediacións do Stade De France, a sala de concertos e catro rúas foron as atacadas en París

Antes do ataque, dous restaurantes e as inmediacións do estadio  Stade de France foron os lugares confirmados nos que comezou unha noite de terror. Ao final da noite, fontes policiais dixeron que os puntos atacados foron seis: o estadio Stade de France, a sala Bataclan, Rue Alibert, Rue Charonne, Rue Faidherbe e Rue Beaumarchais.

Nos restaurantes, os asaltantes dispararon desde fóra refachos de tiros contra as persoas que estaban nas terrazas. Era a noite do venres e a maioría dos locais estaban cheos de xente.

En zona do Stade de France, puidéronse escoitar con claridade varias explosións. No seu interior, xogaban un partido de fútbol as seleccións de Francia e Alemaña, ao que asistía François Hollande, que foi evacuado inmediatamente ao ouvirse a primeira explosión. A axencia AFP confirmou despois que unha das explosións fóra do estadio foi provocada por un suicida con explosivos agochados na roupa. Cabe a posibilidade, non confirmada a tal hora, que o terrorista pretendese facer estoupar a carga dentro do estadio e que fose detido na porta.

Outro dos lugares atacados foi Le Petit Cambodge, un restaurante de cociña camboxana situado nunha zona chea de locais de lecer ateigados de xente, como é habitual, nun venres pola noite. Algunhas testemuñas confirmaron que dúas persoas armadas con fusís kalashnikov abriron fogo de forma indiscriminada contra os clientes do local, situados na terraza.

Os terroristas atacaron de forma indiscriminada a xente que tomaba algo nas terrazas

Hai un terceiro local de lecer que sufriu un ataque con armas de fogo, un bar situado entre os dous lugares anteriores. Alí os mortos son unha decena. Ademais, rexistrouse outro tiroteo na zona comercial de Les Halles.

Os hospitais de París activaron o "plan branco" de emerxencia e crise, segundo AFP. Este consiste nun plan específico de emerxencias sanitarias e de crises, posto en marcha a principios dos 2000. É unha forma de planificar a posta en marcha rápida e racional dos medios indispensables en caso de afluencia de vítimas.

Resumo de portadas en Francia tras os atentados Dominio Público Praza Pública
Os arredores do Petit Cambodge, logo do atentado CC-BY-SA José Bautista / eldiario.es

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.