"China non está interesada en exportar o seu modelo nin aspira a exercer a hexemonía global"

Xulio Rios © Igadi

Xulio Ríos publica China pide paso, unha análise dos cambios que vive a nova superpotencia, nun momento de cambios políticos e económicos e un novo líder: Xi Jinping. Na actualidade as preocupacións centrais dos dirixentes chineses céntranse en catro aspectos: como garantir o alto ritmo de crecemento económico, como garantir a estabilidade social, como garantir a preservación da soberanía nacional e como garantir a hexemonía política do PCCh. Xulio Ríos é un dos meirandes expertos na política chinesa. É director do Observatorio da Política China e tamén dirixe o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional desde a súa fundación en 1991. 

Quen é Xi Jinping? Como pensa?

Como realmente pensa non é doado sabelo. Na cultura política chinesa non é que un destaque sobre os demais en función dun determinado ideario ou carisma. É o colectivo quen decide quen destaca e este debe expresar un certo consenso. O ideario dese colectivo saído do congreso de novembro, apunta a un nacionalismo moderado, de signo conservador no político e reformista no económico.

"O ideario do colectivo saído do congreso de novembro, apunta a un nacionalismo moderado, de signo conservador no político e reformista no económico"

Que loitas de poder hai no seo do PCCh? Podemos distinguir dous grandes polos: os que suman liberalismo económico e conservadorismo político e os que apostan por unha política máis social con avances reformistas no sistémico?

Nos últimos anos tense producido unha ampla dispersión do poder cunha incidencia crecente de lobbies territoriais, clánicos e sectoriais. No PCCh sempre houbo dúas liñas recoñecibles, mesmo na etapa maoísta, entre os que se deron en chamar voluntaristas e os pragmáticos. Hoxe é moito máis complexo. Poderíamos diferenciar primeiro entre os partidarios e os contrarios á reforma, estes sen proxección apenas nos liderados esenciais. E dentro dos partidarios, os máis adeptos de axustar o paso entre as reformas políticas e económicas, e aqueles que seguen primando as segundas sobre as primeiras. Pero esta distinción, que nos pode axudar a ver as cousas con certa claridade, pode inducirnos a unha excesiva simplificación. Os matices son moi ricos na política chinesa.

"China quere deixar de ser o taller do mundo e dotarse dunha economía moderna e desenvolvida que reforce a súa soberanía"

Pódese dicir que o crecemento económico chinés entra agora nunha nova fase?

Sen dúbida. O modelo que primou ata aquí (man de obra barata, investimento exterior, e orientación da produción cara os mercados internacionais) está esgotado. Os salarios deben medrar neste lustro a unha media do 13 por cento anual. O investimento exterior baixa. A crise global reduce as capacidades exportadoras. O novo modelo de desenvolvemento prima outras variables. O fomento da demanda interna é unha delas, pero a cuestión clave é que China quere deixar de ser o taller do mundo e dotarse dunha economía moderna e desenvolvida que reforce a súa soberanía.

Continuarán as privatizacións?

A última gran vaga de privatizacións en China produciuse nos anos 90 e tivo como soporte esencial a transformación da propiedade colectiva en propiedade privada. Así, os xerentes do PCCh convertéronse na columna vertebral da nova clase empresarial. Pero quedou un sector público importante. Aínda hoxe, a planificación desempeña un papel clave e o PCCh detén o control básico sobre a economía. Os dez primeiros grandes grupos chineses son todos públicos. En 2011, os beneficios rexistrados polas 500 maiores empresas privadas chinesas non chegaban aos obtidos por China Mobile… Na banca, na enerxía, na comunicación, nos transportes…. o predominio público é absoluto. Na maior parte deses grupos, todos eles estratéxicos, existe participación privada en diverso grao. Agora podería agrandarse nun 20 ou 30 por cento, en principio sen mudar a naturaleza pública da propiedade. Pero este proceso está a xerar moito debate interno. Algúns temen que leve ao PCCh a perder o control desa base produtiva que xunto ao exército constitúen os dous piares esenciais que lle garanten a capacidade de incidencia efectiva no signo desta transición.

"Os datos amosan que a corrupción segue medrando, ao igual que a desconfianza pública. As redes sociais están a desempeñar un papel clave a favor dunha maior transparencia"

Até que punto é un problema a corrupción?

Moi serio e preocupante. E de moi difícil solución en tanto non se admitan controis independentes. O PCCh é o principal protagonista da corrupción e tamén quen o combate. Os datos amosan que segue medrando, ao igual que a desconfianza pública. As redes sociais están a desempeñar un papel clave a favor dunha maior transparencia. A súa denuncia contribúe a limpar as estruturas pero afea ao poder instituído e este témelle porque son difíciles de controlar. En moitas ocasións, a corrupción é a escusa para dirimir controversias políticas internas.

O actual proceso aperturista desembocará nun sistema formalmente democrático?

Hai quen así o considera. Non obstante, na axenda do PCCh do que se trata é de apurar medidas que abran espazos a unha maior participación social, controlada, na toma de decisións (democracia deliberativa ou consultiva) sen alterar as bases esenciais do sistema, nomeadamente o monopolio do PCCh. China ensaia unha reforma política que tenta operar coa democracia do mesmo xeito que fixo co mercado: adaptación e instrumentación para dinamizar a economía ou a vida política pero sen substituír o esencial. Esta concepción impón límites severos.

"O PCCh dificilmente admite que a sociedade poida ir por diante. Isto percíbeo como un fracaso propio polo que toda iniciativa independente interprétase como un desafío"

Hai espazo para a sociedade civil baixo o poder do PCCh?

Tenta emerxer de diversas formas, especialmente arredor dos problemas sociolaborais e ambientais, tamén nas redes sociais. O problema do PCCh é que ten un afán de control desmedido e non ten intención de ceder. Ao contrario, é probable que vaia a máis pois crecen os medos ante os signos de inestabilidade. Dificilmente admite que a sociedade poida ir por diante. Isto percíbeo como un fracaso propio polo que toda iniciativa independente interprétase como un desafío. Nesas condicións, o diálogo é complexo e a maior parte da enerxía diríxese a ocupar e fagocitar todo canto  manifeste sinais de vida autónoma.

Que papel xoga actualmente China na xeopolítica internacional?

Polo momento é limitado, aínda que medrou considerablemente nos últimos anos, á par do seu protagonismo económico. Segue apostando polo desenvolvemento pacífico, a multipolaridade, etcétera. Pouco a pouco está conformando as bases dun novo tempo, dando azos a novos acrónimos como a OCS ou os BRICS, pero eludindo sempre a confrontación con EEUU e o mundo occidental, xa falemos de xeoeconomía ou xeoestratexia. O previsible é que desempeñe un papel cada vez máis activo e incisivo pero sen perder de vista que as súas prioridades están na fronte interna.

"Asia-Pacífico converteuse na zona de maior vitalidade económica do mundo"

O crecemento chino provocará tamén que os Estados Unidos miren máis cara ao Pacifico que cara ao Atlántico?

Asia-Pacífico converteuse na zona de maior vitalidade económica do mundo. Segundo o Banco de Desenvolvemento de Asia, a mediados do presente século, a rexión representará a metade da economía global. EEUU precisa recuperar posicións nesa área e puxa por pilotala con iniciativas de integración como o TPP (que non inclúe a China),  terciando nas desputas da zona ou revalidando as alianzas tradicionais (Xapón, Filipinas, Australia) e novas (India, Vietnam, Myanmar). De todos os países da área, China asoma como principal rival estratéxico de EEUU, esencialmente, porque insiste en non renunciar á súa soberanía e non se somete de boas a primeiras aos requirimentos do hexemón.

"Os problemas ambientais, os déficits tecnolóxicos, as desigualdades sociais, os desequilibrios territoriais, os problemas demográficos, as carencias políticas… constitúen desafíos inmensos"

Cales son as debilidades chinesas?

Moitas e moi importantes. Pese aos números absolutos, as bases da súa economía son febles. Os problemas ambientais, os déficits tecnolóxicos, as desigualdades sociais, os desequilibrios territoriais, os problemas demográficos, as carencias políticas… constitúen desafíos inmensos. Quedan mais de 150 millóns de pobres na segunda potencia económica do planeta...

"China non está interesada en exportar o seu modelo nin aspira a exercer a hexemonía global"

Será China nas vindeiras décadas a potencia hexemónica no planeta?

De non derrapar, será unha potencia importante, pero tardará décadas en resolver os seus problemas estruturais internos. Por outra banda, China é consciente de que o seu auxe económico a vai converter nun país central do sistema, pero non existe unha vocación mesiánica no seu proxecto. China non está interesada en exportar o seu modelo nin aspira a exercer a hexemonía global. A multipolaridade é inevitable, ademais de desexable.

Xulio Rios © Igadi
Capa do libro © Icaria

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.