Berta Cáceres foi asasinada o pasado 3 de marzo. A morte da líder indíxena hondureña, referente tamén de loitas feministas e ecoloxistas, tivo unha gran repercusión internacional e inscríbese nunha campaña de violencia contra activistas sociais na que ducias de persoas perderon a vida nos últimos anos. En xuño de 2009 un golpe de Estado derrubara o goberno de Manuel Zelaya, un político liberal que comezou a crearse inimigos entre os poderes tradicionais, tras achegar a súa práctica política aos movementos de esquerda da rexión. O golpe de Estado acabou por ser lexitimado tras unhas eleccións gañadas polo dereitista Porfirio Lobo, sendo readmitido o país na OEA. Dende entón a presión das empresas con grandes proxectos hidroeléctricos, de privatización da terra e mesma da auga e dos rías sobre os movementos sociais e as comunidades indíxenas fíxose máis dura. Global Witness cifra en máis de 100 os asasinatos de activistas medioambientais en Honduras entre 2010 e 2014.
Os hondureños Mauricio Santos e Hugo Hernández ofreceron este mércores en Ferrol unha charla titulada "Berta Cáceres. Resistencia á privatización da vida", na que afondaron na situación que vive o seu país e as loitas sociais que se están a dar contra proxectos de privatización. No acto, organizado por Esquerda Unida e o Ateneo Ferrolán, participou tamén Xabier Lombardero, que traballou en Honduras como cooperante. O vindeiro 15 de xuño está convocada unha xornada de loita global para reclamar xustiza no caso do asasinato da activista, con concentracións ante as embaixadas de Honduras en todo o planeta.
Mauricio Santos relatou a violencia que de forma cotiá sofren as persoas que se opoñen a grandes proxectos empresariais que contan con importante financiamento externo, de entidades bancarias ou fondos de investimento, moitos deles europeos e españois. Lembrou tamén o propio asasinato de Berta Cáceres: “O 3 de marzo espertamos coa terrible noticia do asasinato de Berta Cáceres na súa cidade natal, La Esperanza, Había xa moito tempo que viña denunciando ameazas de morte e o acoso sexual. Ela foi asasinada por encargo da empresa Desa, que recibiu a concesión do río Gualcarque. Un dos propietarios desta empresa é a familia Atala Zablah, unha das instigadoras do Golpe de Estado dende os medios de comunicación que tamén posúen. Pagáronlles dous mil dólares a dous militares polo asasinato. Ela mesmo puxera previamente unha denuncia de acoso sexual contra o soldado que a matou”.
"Berta Cáceres era unha tecedora de pontes. Dende a súa convicción indixenista, soubo chamar a feministas, sindicalistas, movementos estudantís e outros sectores progresistas a camiñar por un obxectivo común"
"Berta Cáceres era unha tecedora de pontes. Dende a súa convicción indixenista, soubo chamar a feministas, sindicalistas, movementos estudantís e outros sectores progresistas a camiñar por un obxectivo común. As súas loitas locais lograron transcender fronteiras, tendo unha proxección internacional. Soubo conxugar o feminismo, o anticolonialismo, o antimilitarismo e a protección ambiental nunha loita común: un exemplo de coherencia e activismo dialéctico poucas veces visto en Honduras e noutros países. Por iso en Honduras dicimos que co seu asasinato, Berta non morreu, senón que se multiplicou", engadiu.
Cáceres era unha figura moi coñecida fóra de Honduras e, de feito, o ano anterior fora galardoada co Premio Goldman, considerado como unha caste de Nobel do activismo medioambiental. Nos anos anteriores encabezara, no marco do Consejo Cívico de Organizaciones Populares e Indígenas de Honduras (COPINH), a loita contra a construción dun encoro no Río Gualcarque, conseguindo que a empresa chinesa Sinohydro e a Corporación Financeira Internacional, institución do Banco Mundial, abandonasen o proxecto. Porén, este é tan só unha dos moitos proxectos deste tipo en marcha no país. De todos os asasinatos políticos que se producen en Honduras, ligados a estas iniciativas empresariais ou ao narcotráfico, "o 90% quedan na máis completa impunidade", denuncia Mauricio Santos.
"Ten que morrer Berta Cáceres para que unha empresa diga 'se cadra estamos facendo algo mal? Hai moitas cousas que se poden facer se existe vontade política"
"Ten que morrer Berta Cáceres para que unha empresa diga 'se cadra estamos facendo algo mal'? Ten que haber un segundo asasinato para que se decidan a frear o proxecto?", preguntouse Hugo Hernández, que reclamou mecanismos para evitar este tipo de investimentos en compañías que atentan contra os dereitos humanos. "Que pasa con todos eses outros proxectos que se están financiando neste momentos e que non teñen en contra unha Berta Cáceres, pero nos que os activistas que se opoñen a eles están sendo igual de criminalizados e perseguidos?", engadiu. Hernández alertou, en referencia -sobre todo- aos países europeos, de que "o diñeiro público está sendo utilizado para lexitimar accións extractivas, financiar proxectos criminais que atentan contra a vida e os dereitos humanos de diversas comunidade" e concluíu que "hai moitas cousas que se poden facer se existe vontade política".
"Vexo algunhas persoas que van abrazar xente a outros países e a dicir que defenden os dereitos humanos cando non dan ningunha conta de situacións tan graves coma as que están a suceder en Honduras"
Hugo Hernández salientou a solidariedade amosada por numerosas organización sociais, que contrapuxo "ao debate que está habendo na política española, onde vexo algunhas persoas que van abrazar xente a outros países e a dicir que defenden os dereitos humanos cando non dan ningunha conta de situacións tan graves coma as que están a suceder en Honduras", en referencia á utilización partidaria da situación de Venezuela. Unha situación "que vemos na política e na prensa española" que lle produce "rubor", dixo.
Finalmente, Xabier Lombardero, puxo en relación os acontecementos que se están a vivir en Honduras con situacións que en Galicia coñecemos máis de preto. Comparou a presión que exercen as empresas sobre as comunidades locais naquel país coa que levou a cabo Edgewater en Cabana e Coristanco, "tentando dividir a poboación e comprar vontades". E lembrou tamén a acción dunha empresa galega -a coruñesa Hidralia Energía- e o seu proxecto para construír unha central hidroeléctrica en Barillas, Guatemala.
"Dende o 2008 estamos en guerra, nunha guerra económica pensada para reducir todos os dereitos conquistados nas décadas anteriores"
Lombardero fixo referencia, igualmente, ás negociacións para a aprobación do TTIP, un mecanismo que busca lexitimar o poder das grandes empresas "para pasar por riba dos controis democráticos, un intento de desregular mercados restrinxindo a soberanía cidadá". "Dende o 2008 estamos en guerra, nunha guerra económica pensada para reducir todos os dereitos conquistados nas décadas anteriores" -dixo- "O neoliberalismo pretende mercantilizalo todo: sexa o medio ambiente, sexan a vidas humanas, todo ten prezo e todo se pode mercar e vender. Contra iso loitaba a compañeira Berta".