O socialista Seguro, novo presidente de Portugal coa ultradereita no 33% dos votos

António José Seguro, elixido presidente da República ©

Non houbo sorpresas e António José Seguro foi elixido este domingo novo Xefe de Estado de Portugal na segunda volta das eleccións presidenciais. O candidato socialista derrotou amplamente (co 66,82% dos votos) a André Ventura, o carismático líder do ultradereitista Chega, que ficou exactamente coa metade dos apoios (33,18%).

O candidato socialista derrotou amplamente (co 66,8% dos votos) a André Ventura cun récord absoluto de apoios recibidos nunha elección presidencial. Unha vitoria incontestable

O resultado, cunha participación moi semellante á da primeira volta (apenas unhas décimas menos) ten varias lecturas. Por unha banda, amosa que Seguro concentrou a maior parte dos votos da esquerda e tamén do centro-dereita, sumando ao 31% que obtivera na primeira volta boa parte dos apoios que recibiran Cotrim de Figueiredo, Gouveia e Melo ou Marques Mendes. De feito, Seguro obtivo máis votos que Rebelo de Sousa en 2021 e un récord absoluto de apoios recibidos nunha elección presidencial. Unha vitoria incontestable.

Pero, pola outra, tamén reflite a fortaleza da ultradereita de Chega, que sumou un de cada tres votos, dez puntos máis que na primeira volta, recibindo tamén apoios que na primeira quenda foran para os candidatos do centro-dereita. André Ventura volveu rachar o teito electoral da súa formación, con máis de 1,7 millóns de votos, por riba do anterior máximo (1,4 millóns de votos), obtido nas eleccións lexislativas do pasado ano nas que Chega superou o Partido Socialista.

O candidato socialista António José Seguro © PS

Ventura volveu rachar o teito electoral de Chega, con máis de 1,7 millóns de votos, por riba do anterior máximo (1,4 millóns de votos)

O Partido Socialista celebra unha vitoria inesperada hai uns meses e por primeira vez en vinte anos Portugal ten un presidente da República desta formación. No discurso que ofreceu na noite deste domingo para celebrar a súa vitoria, António José Seguro destacou que "os vencedores desta noite são os portugueses e a democracia" e afirmou que será un presidente "livre" e "sem amarras", unha "garantia de independência" e que será "o presidente de todos os portugueses". Dixo que non pretende exercer de "contrapoder" ao goberno de Luís Montenegro (PSD), pero que será "exigente com as soluções e com os resultados".

Seguro afirmou que non quere exercer de "contrapoder" ao goberno de Luís Montenegro (PSD), pero que será "exigente com as soluções e com os resultados"

Pola súa banda, André Ventura tamén celebrou este domingo. A súa derrota, esperable, non oculta o éxito acadado nestas eleccións, nas que foi quen se pasar á segunda volta e de rachar o teito electoral de Chega. "Os portugueses colocaram-nos no caminho para governar este País", subliñou esta noite nun discurso no que se erixiu en "líder" da dereita portuguesa. "O país escolheu-me para representar o espaço não socialista", afirmou o candidato ultradereitista. Boa parte dos líderes e representantes de PSD, CDS-PP e IL pediron o voto para Seguro (non así o primeiro ministro Montenegro), o que lle permitiu a Ventura presentarse como o candidato en contra do "sistema".

Chega, que se presentou por primeira vez a uns comicios na eleccións lexislativas de 2019, vén medrando dende entón a un ritmo acelerado

Chega, que se presentou por primeira vez a uns comicios na eleccións lexislativas de 2019, nas que obtivo apenas 66 mil votos e un deputado (ese mesmo ano, ademais, André Ventura recibira 49 mil votos nas eleccións europeas á fronte de Basta!), vén medrando dende entón a un ritmo acelerado. Xa nas presidenciais de 2021 roldou o medio millón de votos e nas lexislativas de 2022 subiu a 12 escanos.

As sucesivas repeticións electorais dos últimos anos en Portugal permitíronlle ir multiplicando os seus apoios, e nas lexislativas de 2024 acadou xa 50 deputados, que aumentou a 60 nos comicios do pasado ano, superando mesmo ao Partido Socialista.

"Os portugueses colocaram-nos no caminho para governar este País", subliñou esta noite nun discurso no que Ventura se erixiu en "líder" da dereita portuguesa

Mentres, o primeiro ministro Luís Montenegro, cuxa decisión de non pedir o voto para Seguro, exercendo un cordón sanitario contra a ultradereita foi moi criticada durante a campaña, amosou a súa "disponibilidade para trabalharmos em prol do bem de Portugal". "Cooperação e contribuição serão nota dominante que garantirá a estabilidade política", afirmou, ao tempo que subliñou que nestas eleccións non estaba en cuestión o goberno do país: “O governo é de todos os portugueses, e a liderança do governo é do primeiro-ministro e da Aliança Democrática, que venceu nas ultimas eleições. Nada disso esteve em causa nestas eleições presidenciais". 

O líder de Chega, André Ventura © Chega

O cargo de presidente da República, elixido cada cinco anos, representou ata agora un papel moi institucional, cun obxectivo moderador e cun poder máis simbólico que real. Porén, ten a capacidade de vetar leis (algo que Rebelo de Sousa fixo en numerosas ocasións), de encargar a formación de Goberno e de disolver a Assembleia da República, algo que o actual presidente tamén fixo nos últimos anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.