Portugal escolle entre socialismo e ultradereita para a Presidencia

António José Seguro e André Ventura, aspirantes á Presidencia da República ©

O socialista Seguro concentrou o voto progresista para finalmente superar o 30% dos votos (31,1%) e o ultradereitista Ventura rachou unha vez máis o teito electoral de Chega para atinxir o 23,8% dos sufraxios

António José Seguro (Partido Socialista) e André Ventura (Chega) concorrerán o vindeiro 8 de febreiro á segunda volta das eleccións á Presidencia da República. A primeira volta das eleccións presidenciais en Portugal resultou moito menos igualada do que as sondaxes presaxiaban. O socialista Seguro concentrou o voto progresista para finalmente superar o 30% dos votos (31,11%) e o ultradereitista Ventura rachou unha vez máis o teito electoral de Chega para atinxir o 23,76% dos sufraxios, algo por riba do resultado obtido nas lexislativas do pasado mes de maio.

O centro-dereita, que gañou con claridade eses comicios lexislativos e as posteriores eleccións municipais e que goberna o país da man de Luís Montenegro, fica fóra da segunda volta das presidenciais ao dividir o voto entre João Cotrim de Figueiredo (Iniciativa Liberal), co 16%, e Luís Marques Mendes (apoiado por PSD e CDS-PP), o gran derrotado da noite, co 11,3%. O militar independente Henrique Gouveia e Melo ficou no 12,3%.

Non haberá un chamamento unánime do resto de candidatos e forzas políticas para evitar que a ultradereita chegue á Presidencia. Nin Luís Marques Mendes nin o primeiro ministro e líder do PSD, Luís Montenegro, quixeron pedir o voto para o socialista Seguro

Un socialista e un ultradereitista enfrontaranse nunha segunda volta na que as sondaxes previas prevén unha clara vitoria de Seguro (66% fronte ao 27% na derradeira enquisa de Pitagórica). Porén, non haberá un chamamento unánime do resto de candidatos e forzas políticas para evitar que a ultradereita chegue á Presidencia. 

Nin Luís Marques Mendes nin o primeiro ministro e líder do PSD, Luís Montenegro, quixeron na súa amarga noite electoral pedir o voto para o socialista Seguro. Pola contra, Montenegro sinalou que a súa formación "não emitirá nenhuma indicação de voto para a segunda volta”, engadindo que o seu espazo político "não estará representado nesta segunda volta".

António José Seguro fixo un chamamento aos "humanistas" para concentrar o voto na segunda volta e evitar un triunfo do “extremismo que semeia ódio”

Tampouco o fixo o liberal Cotrim de Figueiredo, que afirmou que "os portugueses serão confrontados nesta segunda volta com uma péssima escolha entre António José Seguro e André Ventura”, unha situación da que culpou a Montenegro, a quen nos últimos días da campaña reclamou o seu apoio para que o centro-dereita estivese representado na rolda decisiva. Igualmente, o militar na reserva Henrique Gouveia e Melo rexeitou facer un chamamento de voto para a segunda volta.

Si o fixeron as candidaturas de esquerda -Catarina Martins (BE), António Filipe (CDU) e Jorge Pinto (Livre)-, que comezaron xa a mobilizar as súas estruturas para derrotar a extrema-dereita. As tres candidaturas sumaron en conxunto un magro 4,4% na primeira volta. O mesmo fixo o animalista PAN.

António José Seguro celebra o seu resultado na primeira volta das eleccións presidenciais de Portugal © PS

André Ventura proclamouse na noite electoral como "o novo líder da dereita" portuguesa e presenta a votación do 8 de febreiro como "uma luta pela alma do nosso país" 

António José Seguro fixo, pola súa banda, un chamamento aos "humanistas" para concentrar o voto na segunda volta e evitar un triunfo do “extremismo que semeia ódio”, sinalando que esta xa non é unha confrontación entre "esquerda e dereita", senón entre "democratas e extremistas". Malia as sondaxes iniciais que lle outorgan unha vitoria clara ante Ventura, Seguro advirte: “em democracia nada está garantido, muito menos as vitórias”.

André Ventura, finalmente, fixo un chamamento a "agregar" o voto das dereitas. O dirixente de Chega proclamouse na noite electoral como "o novo líder da dereita" portuguesa e presenta a votación do 8 de febreiro como "uma luta pela alma do nosso país" e afirmando que "o socialismo destrói, o socialismo mata e o socialismo corrompe". 

O líder da ultradeita sinala que nas dúas semanas que restan para os comicios se vai dirixir á cidadanía "que não vota no PS e que não quer o PS" para evitar unha vitoria da esquerda: "vou percorrer cada rua deste país. Vou dizer que não podemos voltar para trás. E um país inteiro se levantará". No seu discurso cargou contra a inmigración e lembrou os casos de corrupción nos que dirixentes do PS se viron implicados nos últimos anos. 

Chega acada o seu escenario soñado, presentando a formación como a líder das dereitas portuguesas e con capacidade para aglutinalas. Nas eleccións lexislativas de hai uns meses acadou o 22,76% dos sufraxios, superando mesmo o Partido Socialista e converténdose na segunda forza do país. E aínda que o seu resultado nas eleccións municipais de outubro foi moito máis modesto, o partido non abandona a súa tendencia de ascenso.

André Ventura (Chega) nun acto do derradeiro día da campaña electoral © Chega

Desta volta obtivo o 23,5%, máis de 1,3 millóns de votos (nas lexislativas foron máis de 1,4 millóns), un teito que probablemente rachara na segunda volta. De momento, na primeira volta foi a primeira forza no Algarve ou en Madeira e acadou os seus mellores resultados nas zonas rurais, nas zonas con menor poder adquisitivos e entre as xeracións máis novas. A segunda volta medirá ata onde pode medrar Chega entre o electorado de centro-dereita, que deberá escoller.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.