Portugal elixe presidente con máxima igualdade e a ultradereita ás portas da segunda volta

Candidatos con opcións a pasar á segunda volta da eleccións presidenciais de Portugal: André Ventura, António José Seguro, Joao Fernando Cotrim Figueiredo, Luís Manuel Marques Mendes e Henrique Gouveia e Melo ©

André Ventura (Chega), António José Seguro (PS) e João Cotrim Figueiredo (IL) aparecen destacados nas sondaxes para as eleccións deste domingo, aínda que Luís Marques Mendes (PSD) e o militar independente Henrique Gouveia e Melo teñen tamén opcións de pasara á segunda rolda, que se celebrará por primeira vez dende 1986

Este domingo celébrase en Portugal a primeira volta das eleccións presidenciais. Uns comicios nos que se escolle o sucesor de Marcelo Rebelo de Sousa, elixido en dúas ocasións en 2016 e 2021 e que non pode repetir nun terceiro mandato.

Son estas unhas eleccións presidenciais moi diferentes ás celebradas nos últimos anos. En primeiro lugar, pola igualdade entre os diferentes candidatos, que case con seguridade obrigará á celebración dunha segunda volta -o 8 de febreiro- entre as dúas opcións con máis apoios, algo que só sucedeu nunha ocasión, en 1986. Segundo as enquisas publicadas, cinco candidatos chegan con posibilidades de concorrer nesta segunda rolda, á que pasarán os dous máis votados, sempre que ningún supere o 50% dos apoios.

E aquí está a segunda novidade: mentres que nas últimas catro décadas os candidatos con opcións reais de se converter en Presidente contaban co apoio dos dous grandes partidos (PS ou PSD), nesta ocasión existe a posibilidade de que o país pase a ser rexido por un político situado fóra do tradicional espazo bipartidista.

Se hai un mes as sondaxes amosaban practicamente un empate entre os cinco candidatos, agora refliten unha clara vantaxe de Seguro, Ventura e Cotrim

Ademais de António José Seguro -apoiado polo PS- e de Luís Manuel Marques Mendes -apoiado polo PSD, as enquisas outorgan grandes opcións de pasar á segunda rolda ao líder de Chega, André Ventura, e ao candidato apoiado pola Iniciativa Liberal, João Fernando Cotrim Figueiredo. E, igualmente, ao militar independente Henrique Gouveia e Melo.

O cargo de Presidente da República, elixido cada cinco anos, representou ata agora un papel moi institucional, cun obxectivo moderador e cun poder máis simbólico que real. Porén, ten a capacidade de vetar leis (algo que Rebelo de Sousa fixo en numerosas ocasións), de encargar a formación de Goberno e de disolver a Assembleia da República, algo que o actual Presidente tamén fixo nos últimos anos.

Á espera de cales sexan os resultados da primeira volta, hai que destacar o mantemento da forza da abertamente ultradereitista Chega e, especialmente, do seu líder André Ventura

Como chegan os distintos candidatos ao remate da campaña electoral e á cita coas urnas? As últimas enquisas publicadas deixan un escenario aberto, con opcións para os cinco devanditos candidatos, pero apuntan a unha lixeira vantaxe para o candidato socialista António José Seguro, o único progresista entre eles. Tamén refliten a fortaleza do líder ultradereitista André Ventura. E a sorprendente posibilidade de que o candidato apoiado pola Iniciativa Liberal, João Fernando Cotrim Figueiredo, pase á segunda volta.

Se hai un mes as sondaxes amosaban practicamente un empate entre os cinco candidatos, agora refliten unha clara vantaxe deles tres. Con menos opcións e unha tendencia decrecente nas enquisas publicadas dende antes do Nadal, o candidato apoiado polo PSD e o CDS-PP, formacións actualmente no goberno do país, Luís Manuel Marques Mendes, semella ficar en quinto lugar en intención de voto. Tamén veu perdendo forza dende o outono o militar independente Gouveia e Melo, moi popular en Portugal dende que dirixiu con éxito a campaña de vacinación contra a Covid-19.

O candidato socialista António José Seguro © PS

O posible fracaso de Marques Mendes sorprende tras o excelente resultado obtido polo PSD nas eleccións lexislativas que deron a maioría a Luís Montenegro e nas recentes eleccións municipais. Porén, nesta ocasión semella que o voto do centro-dereita está dividido

O aparente fracaso de Marques Mendes sorprende despois do excelente resultado obtido polo PSD nas eleccións lexislativas que deron a maioría a Luís Montenegro e nas recentes eleccións municipais. Porén, nesta ocasión semella que o voto do centro-dereita se dividiu entre Marques Mendes, candidato apoiado oficialmente pola formación, o Cotrim Figueiredo que veu sumando apoios neste espazo (mesmo por parte dun gran número de cargos de PSD e CDS-PP) e mesmo Gouveia e Melo, que tamén apaña unha parte significativa do voto socialista.

Cotrim Figueiredo mesmo se dirixiu este mércores por carta ao primeiro ministro Luis Montenegro para pedirlle o seu apoio e o do PSD para evitar que os dous candidatos que pasen á segunda volta sexan Seguro e Ventura.

Na última semana dunha campaña de ton e perfil baixo, o debate político viuse sacudido polas denuncias contra João Cotrim Figueiredo, acusado de acoso sexual contra unha muller que tivo empregada como asistente e que agora traballa no Goberno. O escándalo foi medrando ao longo dos últimos días e finalmente o candidato apoiado pola IL tivo que publicar un vídeo nas redes sociais negando os feitos e ameazando cunha denuncia por difamación. O candidato tamén foi polémico por non se pronunciar con claridade sobre se nunha segunda volta apoiaría sen reservas calquera opción para evitar unha vitoria do ultradereitista Ventura.

Á espera de cales sexan os resultados da primeira volta, hai que destacar o mantemento da forza da abertamente ultradereitista Chega e, especialmente, do seu líder André Ventura. Nas eleccións lexislativas do pasado ano a formación foi a segunda máis votada, superando o Partido Socialista e aínda que o mal resultado obtido nas eleccións municipais revelou a debilidade da súa implantación territorial, a capacidade de atracción do seu número un semella evidente.

Acto de João Cotrim de Figueiredo (IL) © IL

Na última semana dunha campaña de ton e perfil baixo, o debate político viuse sacudido polas denuncias contra João Cotrim Figueiredo, acusado de acoso sexual

Haberá que ver, igualmente, que dous candidatos concorren finalmente á segunda volta, algo que pode resultar determinante para estimar as posibilidades de cada un para obter a Presidencia. Así, se nesta segunda rolda compiten o socialista Seguro con algún dos representantes da dereita moderada (Marques Mendes ou Cotrim Figueiredo), esta segunda opción semellaría contar con vantaxe. O mesmo podemos dicir dunha segunda volta que enfrontase ao ultradereitista Ventura cos candidatos de PSD ou IL, de novo con claro favoritismo para estes últimos.

Un escenario moi distinto atopariámolo nunha segunda volta que enfrontase a Seguro con Ventura, coa incógnita de se os votantes do centro-dereita e da dereita moderada preferirían apoiar un candidato do PS ou un do Chega. As ensquisas para esta segunda rolda, en todo caso, apuntan a unha vitoria clara de calquera candidato que se enfronte a Ventura.

Acto de André Ventura (Chega) © Chega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.