Poucos dubidan dun triunfo do socialista António José Seguro. Porén, os comicios do domingo servirán para medir a forza real da extrema dereita, que podería rachar o seu teito e superar o 30% dos votos.
Este domingo Portugal celebra a segunda volta das eleccións presidenciais, que decidirán quen substitúe a Marcelo Rebelo de Sousa como xefe do Estado para os vindeiros cinco anos. Poucos dubidan dun triunfo do socialista António José Seguro -o máis votado na primeira volta- e que se enfronta ao carismático líder do ultradereitista Chega, André Ventura. Porén, os comicios do domingo servirán para medir a forza real da extrema dereita, que podería rachar o seu teito e superar o 30% dos votos.
A primeira incógnita, en realidade, é a participación. Cunha vitoria que semella garantida, a campaña de António José Seguro busca mobilizar os apoios propios e alleos, evitando a compracencia. Na primeira volta a abstención superou o 47% e espérase que aumente na segunda rolda. Seguro terá o apoio dos votantes das formacións progresistas (PS, Livre, Bloco e CDU) pero non está tan claro que a mobilización dos votantes do centro dereita e da dereita sexa igual de masivo.
O candidato socialista, que buscou establecer a elección entre democracia e ultradereita, recibiu numerosos apoios de líderes e cargos de PSD, PP e CDS
O candidato socialista, que buscou establecer a elección entre democracia e ultradereita, recibiu numerosos apoios de líderes e cargos de PSD, PP e CDS, entre eles o do ex-presidente Aníbal Cavaco Silva, de Paulo Portas ou o dos alcaldes de Lisboa e Porto, o mesmo que o dos rivais na primeira volta João Cotrim de Figueiredo, Henrique Gouveia e Melo e Luís Marques Mendes.
Porén, haberá que agardar como se traduce entre os votantes conservadores. De feito, o primeiro ministro, Luís Montenegro, rexeitou pedir o voto para Seguro para evitar un triunfo de Chega.
As eleccións presidenciais pasaron estas dúas semanas a un segundo plano en Portugal, na rúa e mesmo nos medios de comunicación. Do que se fala é da sucesión de borrascas que están impactando no territorio luso e que xa provocaron a morte de 12 persoas
En realidade, as eleccións presidenciais pasaron estas dúas semanas a un segundo plano en Portugal, na rúa e mesmo nos medios de comunicación. Do que se fala é da sucesión de borrascas (Kristin, Leonard...) que están impactando no territorio luso e que xa provocaron a morte de 12 persoas, ademais de importantes danos materiais asolagamentos. Sobre a mesa estivo mesmo o adiamento dos comicios, reclamado de forma insistente por André Ventura, pero finalmente o domingo votarase (a lei non prevé a posibilidade dun aprazamento), aínda que en moitas zonas as eleccións levaranse a cabo con dificultades.
O líder do Chega buscou sen éxito que os comicios fosen vistos como un enfrontamento entre esquerda e dereita, repetindo as súas habituais críticas contra a inmigración ou as acusacións de corrupción contra o Partido Socialista
E, mentres, que fai André Ventura. O líder do Chega buscou sen éxito que os comicios fosen vistos como un enfrontamento entre esquerda e dereita, no canto de xirar ao redor da dicotomía democracia-ultradereita. Ventura tentou erixirse no líder e referente dos votantes conservadores, repetindo as súas habituais críticas contra a inmigración ou as acusacións de corrupción contra o Partido Socialista. Ao tempo, tentou evitar que os asuntos de política internacional, principalmente o seu apoio a Donald Trump, afectasen negativamente á súa campaña.
As urnas amosarán o domingo o alcance social dun discurso que calla especialmente entre os homes (as enquisas, abafadoramente favorables a Seguro entre as mulleres, están igualadas nos varóns), as persoas entre 30 e 50 anos e en certas zonas, especialmente o Algarve e nalgunhas áreas rurais.
A primeira incógnita é a participación. Na primeira volta a abstención superou o 47% e espérase que aumente
Nas eleccións lexislativas do pasado Chega obtivo 1,4 millóns de votos, o 22,8% do total, superando mesmo o Partido Socialista e converténdose na segunda forza do país. Na primeira volta das presidenciais Ventura tivo 1,3 millóns de votos e o 23,5%, unha porcentaxe de con toda seguridade superará agora, probablemente rachando o nivel do 30%. Unha baixa participación podería incrementar notablemente esta porcentaxe.