O pasado 25 de xullo un acto público na Woxsen University, en Hyderabad, capital do estado de Telangana, celebrou o Día Nacional de Galicia. Foi o primeiro evento do Centro de Estudos Galegos
O Día Nacional de Galicia celebrouse o pasado 25 de xullo en todos os recunchos do país e tamén fóra, nos moitos e moi diversos lugares nos que a comunidade galega na diáspora vive e traballa e onde tamén espalla e dá a coñecer a cultura e a lingua do país. Un deses espazos moi afastados de Galicia nos que se celebrou o 25 de xullo foi na Woxsen University, en Hyderabad, capital do estado de Telangana, no sur da India. A uns 8.500 quilómetros de Galicia.
A celebración neste lugar non foi casual. Hai unhas semanas botou a andar alí o primeiro Centro de Estudos Galegos en Asia, dirixido polo profesor e sociolingüista Anik Nandi, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e co impulso tamén do pontevedrés Raúl Villamarín Rodríguez, especialista en psicoloxía cognitiva e intelixencia artificial e que con 29 anos é vicepresidente da Woxsen University. O evento realizado para conmemorar o Día Nacional de Galicia foi o primeiro acto público do Centro de Estudos Galegos e tivo como obxectivo principal "dar a coñecer e promover a cultura galega".
O discurso inaugural foi ofrecido por Raúl Villamarín Rodriguez, vicepresidente da Woxsen University
O acto tivo lugar o mesmo 25 de xullo no Vithal Gandhi Centre, a biblioteca da Woxsen University, organizado de maneira conxunta polo CLMC (Centre for Languages and Multicultural Communication), o Centro de Estudos Galegos e o Nexus Club.
Nandi detallou o seu obxectivo de ampliar o impacto do Centro de Estudos Galegos dende un mero centro cultural para influir noutros ámbitos da educación superior
O evento comezou con Akshijta Avvla, presidenta do Nexus Club que presentou os dignitarios do evento. O discurso inaugural foi ofrecido por Raúl Villamarín Rodriguez, vicepresidente da Woxsen University. Mentres se dirixía a una audiencia formada por académicos, visitantes, profesorado e estudantes de Grado e Máster en Administración de Empresas, afondou nas fortalezas que posúe Galicia. Ao compartir algúns datos fundamentais sobre a topografía, a súa conexión diplomática e sociocultural con países de fala portuguesa como Portugal e Brasil, destacou especialmente Galicia como un líder crecente na economía europea debido ao seu mercado laboral cualificado.
Anik Nandi, director do Centro, iniciou a súa intervención agradecendo á Xunta de Galicia o seu xeneroso financiamento de catro mil euros para poñer en marcha o primeiro Centro Galego en toda Asia. Ao referirse á súa longa relación con Galicia, o doutor Nandi describiu a misión do Centro de Estudos Galegos e detallou a súa visión de ampliar o seu impacto dende un mero centro cultural para influir noutros ámbitos da educación superior.
Nandi anunciou a intención da universidade de introducir un curso gratuíto de lingua galega para informar sobre "a cultura única e a beleza escénica da nación"
Para fomentar uns vínculos académicos más estreitos, Nandi propuxo un programa de intercambio de estudantes con universidades asociadas en Galicia como a Universidade de Vigo e a Universidade Internacional de Negocios. Tamén animou os futuros estudantes de intercambio de Woxsen a elixir Galicia entre as máis de 120 universidades que Woxsen ofrece para un intercambio académico. Nandi tamén manifestou a intención da universidade de introducir un curso gratuíto de lingua galega para informar sobre "a cultura única e a beleza escénica da nación". Finalizou a súa sesión destacando as dúas próximas xornadas nas que o Centro Galego participará activamente.
Konrad Gunesch centrouse no papel fundamental que desempeña o multilingüísmo, especialmente na preservación e na promoción das linguas minorizadas
A intervención de Nandi foi seguida da de Konrad Gunesch, Decano Executivo da Escola de Artes Liberais. Como lingüista de renome especializado en máis de 16 linguas, iniciou o debate subliñando a importancia das linguas minorizadas no mundo globalizado actual. Centrouse tamén no papel fundamental que desempeña o multilingüísmo, especialmente na preservación e na promoción das linguas minorizadas na sociedade contemporánea.
A doutora Mary Saha compartiu ideas sobre o proceso de inmersión na cultura galega e Elena García afondou na rica historia do Día de Galicia
Así mesmo, baseándose nas súas experiencias como profesora india asentada en Santiago de Compostela, a doutora Mary Saha compartiu ideas sobre o proceso de inmersión na cultura galega. Para concluír, Elena García afondou na rica historia do Día de Galicia, percorrendo a súa traxectoria a través dun período de ditadura, censura e opresión e destacou a resiliencia do pobo galego na súa loita por recoñecer e celebrar o seu patrimonio cultural. O evento rematou co himno galego.